A Xunta quere que o Estado elimine un quilómetro da rúa paralela á praia de Razo, en Carballo, para recuperar o areal

Praia de Razo, en Carballo, co vial entre a area e as vivendas que a Xunta quere que o Goberno central elimine CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

O Goberno galego considera que o vial “é un dos causantes dos procesos erosivos” que afectan á zona e considera "claramente insuficientes" as medidas previstas polo Goberno central para estabilizar os cantís que os temporais veñen debilitando

O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de decidir que o proxecto que a súa Dirección Xeral da Costa e o Mar, a través da Demarcación de Costas da Coruña, está a tramitar para estabilizar o litoral da praia de Razo, en Carballo, afectado pola erosión, debe someterse a unha avaliación ambiental completa e non só simplificada como pretendía polos posibles “efectos adversos significativos” que podería ter sobre o medio ambiente. O ministerio chega a esa decisión tras analizar informes de diversas administracións, entre elas a Xunta, que reclaman que a actuación de recuperación do litoral de Razo que se pretende realizar non se limite á estabilización de cantís afectados pola erosión senón que vaia máis alá e elimine arredor dun quilómetro da rúa que discorre entre a praia e as vivendas alí existentes xa que “é un dos causantes dos procesos erosivos”.

Zona de actuación do proxecto de recuperación do litoral e espazos protexidos ambientalmente na praia de Razo, en Carballo © BOE

A zona está protexida por varias figuras ambientais e o Goberno galego pide que se analice a “capacidade de carga deste treito de costa” para “adecuar a presión turística aos obxectivos de conservación”

Segundo salienta a Dirección Xeral da Costa en defensa do seu proxecto, o treito da praia de Razo “presenta claros síntomas de regresión que implican frecuentes desprendementos de noiros, principalmente ante episodios de fortes temporais”, ante o que pretende “frear os efectos erosivos deste borde litoral mellorando o deseño dos actuais sistemas de protección e implantando novas estruturas” cunha actuación baseada no tratamento e estabilización de cantís, o traslado de parte do vial que discorre sobre o noiro e a reordenación de accesos, tráfico e aparcamentos.

Pero a actuación quere realizarse nun espazo protexido por varias figuras ambientais con diversas especies animais e vexetais ameazadas. Ante iso, a Consellería de Medio Ambiente considera que o proxecto estatal “pode causar impactos ambientais significativos” que non foron correctamente avaliados polo seu promotor. Segundo a Xunta, non tivo en conta “o efecto sinérxico e acumulativo doutros usos que se veñen realizando na zona e que afectan á estabilidade da praia, do cantil e ao estado de conservación dos compoñentes da biodiversidade, amosando o embate do mar como único causante dos efectos sobre a praia e o cantil, centrándose basicamente en salvagardar ao máximo a integridade da estrada”. A consellería salienta que as actuacións que se propoñen “consisten só en eliminar pequenas liñas de aparcamento, o retranqueo dun pequeno treito da estrada perimetral e restrinxir só [nunha zona] o acceso de vehículos rodados polo vial aos coches dos residentes”, medidas que cualifica de “claramente insuficientes”.

Ademais da Consellería de Medio Ambiente, tamén advertiu do impacto do proxecto a do Mar e o Instituto Español de Oceanografía

A Xunta reclama que se analice a “capacidade de carga deste treito de costa” para “adecuar a presión turística aos obxectivos de conservación” dos espazos protexidos alí existentes así como un “retranqueo de todo o vial costeiro (non só dunha pequena parte) que afecta ao cantil e á praia e trasladalo por detrás da zona urbanizada, co obxecto de eliminar a circulación de vehículos, tendo en conta que por detrás das edificacións e perpendiculares á costa xa existen varios viais e pistas que dan acceso a vivendas, establecementos, etc. Búsqueda de alternativas de acceso aos residentes”. A Xunta tamén pide eliminar outros impactos sobre o cantil e a praia como a circulación de maquinaria de limpeza de praias por zonas sensibles, impedir a colocación de mobiliario urbano sobre o cantil e a praia ou evitar que se roce a vexetación do cantil e a parte superior da praia.

BOE coas propostas da Xunta para a praia de Razo © BOE

Xunto coas apreciacións da Consellería de Medio Ambiente sobre o proxecto de recuperación estatal, a Consellería do Mar tamén alegou que as obras poden afectar á calidade das augas e aos recursos pesqueiros e marisqueiros da zona, e similares dúbidas amosa o Instituto Español de Oceanografía

Ante estes informes, o Ministerio para a Transición Ecolóxica decide someter o proxecto a unha avaliación ambiental ordinaria ou completa, e non a unha simplificada, tipo de análise máis acelerado que lle vén supoñendo ás administracións todo tipo de condenas xudiciais por non estudar correctamente os impactos das súas actuacións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.