A Xunta volve permitir as prácticas formativas en centros sanitarios e o contacto físico a deportistas de alto nivel

Profesionais sanitarios nun hospital galego © Xunta

Sanidade supervisará os protocolos de volta á actividade tras as restricións establecidas para loitar contra o coronavirus

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia deste venres dúas decisións coas que avanza na progresiva recuperación da actividade en varios eidos paralizados polas restricións establecidas fronte ao coronavirus, de xeito que volve permitir as prácticas formativas en centros sanitarios e o contacto físico a deportistas de alto nivel, de especialidades deportivas adaptadas e de equipos que participan en competicións non profesionais de ámbito estatal. A Consellería de Sanidade supervisará os protocolos de volta á actividade.

Un campo de fútbol CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

Por unha banda, Sanidade acorda “o levantamento da suspensión das prácticas dos ciclos formativos de formación profesional, dos graos e mestrados universitarios tanto de titulacións de Ciencias da Saúde como doutras titulacións que se desenvolven en calquera centro sanitario” de Galicia a partir do 1 de setembro. A incorporación do alumnado ás prácticas presenciais “realizarase segundo as medidas, indicacións e recomendacións incluídas nos protocolos que estableza a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e as autoridades sanitarias”.

Por outra banda, Sanidade tamén acorda permitir “o contacto físico na práctica da actividade deportiva federada” a determinados colectivos e supostos. Os deportistas recoñecidos como de alto nivel deberán adestrar en grupos estables e con “medidas de protección específicas que serán comunicadas á autoridade deportiva autonómica para o seu coñecemento e supervisión”. Similares requisitos se lles esixen ás persoas practicantes de deportes adaptados individuais con guías ou persoas de apoio. 

Tamén poderán ter contacto físico os equipos que participen en competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal con previsión de inicio da competición, “salvo que o protocolo da federación española respectiva estableza outra cousa”. Os equipos e as competicións deberán someterse as determinacións que fixen tanto a Xunta como as respectivas federacións e o Consello Superior de Deportes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.