A xustiza anula despidos e sancións a médicos dos barcos-hospital que atenderon a flota galega ao comezo da pandemia

Barco hospital 'Esperanza del Mar' que adoita acompañar á flota galega © Instituto Social da Mariña

Dous dos despedidos e un dos sancionados de xeito desproporcionado ou arbitrario foron delegados de CIG, UGT e CSIF, pero o Instituto Social da Mariña, do que dependen, nega represalias

O Instituto Social da Mariña (ISM) é o encargado de velar pola saúde do persoal do Réxime Especial do Mar -uns 66.000 mariñeiros en todo o Estado, un terzo deles galegos-, cando están embarcados ou nalgún porto estranxeiro, ademais de xestionar as súas cotizacións e prestacións. Creado en 1930, é un pequeno organismo cunha longa tradición, que depende do Ministerio de Inclusión e Seguridade Social. Ten 1.300 empregados e dous buques hospital, o Esperanza del Mar e o Juan de la Cosa, que atenden en alta mar mariñeiros e pescadores, españois e estranxeiros, en caso de enfermidade ou accidente.

O ISM gábase de prestar con ambos barcos hospital un servizo único no mundo, como corresponde á maior frota pesqueira de Europa, pero parece ter un problema cos médicos a bordo. Ou polo menos tívoo por mor do coronavirus. Despediu dous deles e expedientou un terceiro, a mesma sorte que correu o capitán do Esperanza del Mar nada máis estourar a pandemia. Todos eles recorreron ante os xuíces, que deron a razón aos catro, anulando tanto sancións como despedimentos. Aínda que o capitán, Carlos García Rodríguez, tamén foi degradado a oficial de ponte e está pendente de que outro xuíz resolva a demanda que presentou contra esa decisión.

Barco hospital 'Juan de la Cosa' © Instituto Social da Mariña

Ademais, dáse a circunstancia de que tanto o capitán como dous dos tres médicos son ou foron representantes sindicais nos seus barcos. O capitán foi de UGT, e os outros dous médicos da CIG e do sindicato de funcionarios CSIF. O afectados –tres dos oito facultativos con que contan os dous barcos– relacionan as medidas disciplinarias adoptadas contra eles coa súa actividade sindical, algo que o ISM, a preguntas de infoLibre, nega e atribúe unicamente aos incumprimentos dos protocolos de prevención de riscos laborais. A sentenza que revoga a sanción a un médico do Esperanza del Mar, Jaime Medel, non só sinala que esta é “desproporcionada” e “arbitraria”, senón que ademais subliña que a falta de motivación e de adecuada gradación do castigo “deixan en evidencia” non só ao instrutor do expediente, senón tamén a “quen finalmente confirma e impón a sanción”, en referencia á daquela directora xeral do ISM, Elena Martínez Carqués. O organismo non recorreu ningunha destas catro sentencias, que por tanto son firmes.

Covid a bordo en alta mar

A discordia brotou cando aínda non pasara nin un mes desde a declaración do estado de alarma. O 10 de abril de 2020 o Ribel Tercero, un palangreiro da Guarda que faenaba en augas próximas aos Azores, pediu a Salvamento Marítimo a evacuación dun dos seus tripulantes, que tiña todos os síntomas da infección por coronavirus. O mariñeiro levaba polo menos desde facía unha semana con febre e sufría dificultades para respirar, segundo comunicara o patrón ao Juan de la Cosa o 3 de abril. Como o Esperanza del Mar atopábase máis preto, acudiu no seu rescate e evacuou a toda máquina ao enfermo, que foi internado no hospital Povisa de Vigo. Alí diagnosticóuselle unha pneumonía bilateral. O resto da tripulación, nove persoas que conviviran máis de 15 días co enfermo, chegaron tamén ao porto de Vigo a bordo do seu propio pesqueiro un día máis tarde.

O ISM rexeitou que o 'Esperanza del Mar' trasladase a Vigo a un mariñeiro enfermo dun pesqueiro da Guarda que foi ingresado en Povisa xa que consideraba que debía permanecer no camarote do seu propio barco para evitar riscos de contaxio

Nesa mesma data, o director provincial do ISM en Las Palmas, onde ten a súa base o Esperanza del Mar, apercibiu o capitán de que podía abrírselle un expediente disciplinario por incumprir o protocolo COVID, ao levar a bordo ao mariñeiro enfermo en lugar de deixalo no seu camarote e permitir que o pesqueiro o conducise de volta a porto. O barco hospital conta con dúas camas UCI e osíxeno co que asistir a un paciente coa saturación baixa. “Para iso estamos na mar”, explica Jaime Medel, o médico que foi despois sancionado. “Non ten sentido que un buque hospital non atenda a un tripulante que precisa asistencia médica”, recalca o capitán García Rodríguez.

Pero de momento non ocorreu nada. Ata que o 25 de abril, de novo o barco hospital en alta mar, Medel, que asistira ao tripulante con COVID do pesqueiro, ten febre. O médico é paciente cardíaco e teme ser máis vulnerable ao virus. Manda un correo a unha dirección que atopa na páxina web da autoridade portuaria de Azores, para preguntar pola posibilidade dunha evacuación. Unha práctica habitual, explica o médico, cando o barco necesita asistencia nalgún porto estranxeiro. Ninguén lle contestou. Ese outono, o ISM sancionouno con dous meses de suspensión de emprego e soldo por unha falta disciplinaria grave de desobediencia aos seus superiores. O organismo acusábao de poñerse en contacto “sen autorización” coas “autoridades sanitarias portuguesas interesándose por cuestións persoais en relación coa súa situación de caso sospeitoso de COVID”. Para o capitán a sanción ascendeu a nove meses de suspensión de emprego e soldo por dúas faltas moi graves “por notorio incumprimento das funcións esenciais inherentes ao posto de traballo”: cuestionar reiteradamente as ordes do director provincial sobre as medidas que debía adoptar ante o posible contaxio do médico e permitir que este enviase ese correo aos Azores “sen adoptar ningunha medida disciplinaria” contra el.

Hospital de Povisa, en Vigo, a onde foron trasladados varios mariñeiros Dominio Público Povisa

Neste último caso, o xuíz afea ao ISM a “absoluta inconcreción” do expediente sobre “cales son as condutas tan graves que se imputan ao capitán”. Critica a súa tramitación –“non pode ser cualificada de exemplar”–, nega que o capitán cuestionase instrucións dos seus superiores –só expresou as súas “dúbidas acerca da forma de proceder nunha situación tan sensible” e nos seus correos co director do ISM en Las Palmas “apréciase un evidente respecto e educación ao expolas”, di o xuíz– e, finalmente, considera inaudito que se castigue ao capitán por un feito –o envío do correo aos Azores– que outro xuíz xa considerou non sancionable.

Ninguén no peirao de Vigo

O armador do Ribel Tercero enviou un correo agradecendo a asistencia prestada polo Esperanza del Mar. Pero co ISM non quedou tan satisfeito. Cando o palangreiro amarrou en Vigo, ninguén esperaba aos seus tripulantes no porto. Confiaban en que se lles realizarían tests antes de volver ás súas casas para pescudar se estaban contaxiados. “Non sabiamos que facer, criamos que alguén nolo diría, pero non había un protocolo claro, a administración estaba máis perdida que un polbo nun garaxe”, lamenta Juana Parada, xerente da asociación que agrupa aos palangreiros da Guarda (Orpagu). Naqueles momentos iniciais da pandemia, todo era caos: “Pasábanse a pelota unhas administracións a outras, o Sergas ao ISM e o ISM a Sanidade Exterior… Houbo unha gran descoordinación”. Así que o armador pagou os taxis que levaron aos tripulantes ás súas casas “para contaxiar ás súas familias”, protesta Parada. Finalmente, houbo seis mariñeiros infectados, dos que dous ou tres, máis graves, foron internados en Povisa con pneumonía.

A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) critica a descoordinación que houbo ao comezo da pandemia entre as diversas administracións encargadas da atención sanitaria aos mariñeiros

O Ministerio de Seguridade Social indica a infoLibre que a competencia de elaborar os protocolos de actuación no caso da COVID-19 correspóndelle ao Ministerio de Sanidade, “ao tratarse dun problema de saúde pública”. Son os protocolos polos que se rexe o ISM, responsable da asistencia sanitaria a bordo. Pero en terra, engade o ministerio, a competencia é de Sanidade Exterior.

Naquelas semanas, Orpagu comprou tests de antíxenos para os seus barcos, atopou clínicas privadas para facer as probas de detección despois de moito buscar e tivo que botar man de seguros privados para pagar no estranxeiro a asistencia sanitaria dos seus mariñeiros. “As vacinas tamén as pelexamos moito”, destaca Juana Parada. Finalmente conseguiron que se lles fornecesen doses únicas a tripulantes dunha frota de altura que poden chegar a permanecer ata catro meses embarcados.

Case un ano despois da evacuación do Ribel Tercero, en xaneiro de 2021, o brote de coronavirus sufriuno o propio Esperanza del Mar. Quince dos seus 28 tripulantes deron positivo e o barco quedou atracado no porto de Vigo, onde pasou a obrigada corentena. Pouco despois, o ISM despediu a un dos médicos por “negarse a realizar tests de antíxenos a tripulantes con síntomas, poñendo en risco a saúde da tripulación”, segundo indica agora o ministerio a este xornal, a pesar de que o xuíz anulou o despedimento por vulneración dos dereitos fundamentais do facultativo. infoLibre tentou reiteradamente poñerse en contacto co despedido, pero este declinou facer ningún comentario.

Pesqueiros da Organización de Palangreiros Guardeses © ORPAGU

A confidencialidade do resultado dunha PCR

O Juan de la Cosa tamén sufriu o seu propio brote de COVID, o pasado mes de maio, cunha decena de contaxiados leves. Pero o despedimento dun dos seus médicos non tivo relación con ese gromo tardío de coronavirus, senón coas PCR preventivas. Alberto González foi despedido en outubro de 2021 por causas disciplinarias tras cometer unha falta moi grave. O médico, que tamén foi representante sindical e delegado de prevención de riscos laborais, denegou o seu consentimento para que un laboratorio privado informase os administrativos e médicos do ISM do resultado da PCR que se lle practicou antes de embarcar. No correo onde explicaba esa negativa, comunicou tamén que sería el mesmo quen transmitiría o resultado ao ISM de Cantabria, onde está o porto base do Juan de la Cosa

“Os datos médicos son uns dos máis sensibles da intimidade dunha persoa”, razoaba o médico nese correo ao laboratorio. “Esta petición estrita que fago sobre os meus datos médicos está motivada polos procedementos previos e habituais do ISM de Cantabria”, precisaba, porque “nunca antes informaron aos tripulantes do buque Juan de la Cosa dos seus dereitos sobre a información e documentación clínica nin dos resultados das analíticas aos propios pacientes, incluído eu mesmo”. Segundo mantén González, os resultados non se comunicaban aos médicos do ISM, senón aos administrativos. E non informaban deles aos propios tripulantes.

O ISM considerou daquela que o médico estaba a poñer en risco a saúde do resto dos tripulantes. Primeiro anulou o seu embarque, despois abriulle expediente e finalmente despediuno.

Con todo, os xuíces, tanto o do Social como despois o Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, precisan que, en realidade, o ISM anulou o enrolamento do médico o mesmo día en que este se fixo a PCR, “polo que era materialmente imposible que incumprise a súa obriga de comunicar o resultado da proba que se realizou o mesmo día”. Tamén ditaminan os xuíces que non autorizar o ISM a acceder ao resultado da PCR non constitúe ningún incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais. Ademais, como anularan o seu embarque, o médico non puido acceder ao seu resultado na web do laboratorio, que quedara bloqueado, e tampouco comunicalo ao ISM.

Alberto González atribúe o despedimento a unha represalia porque denunciara ante a Inspección de Traballo e conseguira para a maioría dos tripulantes do Juan de la Cosa –contratados como eventuais durante anos– a condición de indefinidos non fixos. Un motivo que o ISM nega. Pola contra, sostén que foron os “reiterados incumprimentos dos protocolos e instrucións” por parte do médico a causa da apertura doutros expedientes sancionadores anteriores contra el.

Preparación dunha proba PCR CC-BY-SA IAEA

Revelación de segredos anulada polo Supremo

Porque xa en xuño de 2017 o ISM abriu un expediente disciplinario ao médico, daquela tamén delegado de CSIF no Juan de la Cosa, que remitiu á Fiscalía por un posible delito de revelación de segredos. O Xulgado do Penal condenouno a 13 meses de multa por ese motivo, nunha sentenza que confirmou a Audiencia Provincial de Cantabria pero anulou o Tribunal Supremo o pasado mes de marzo.

En decembro de 2016, Alberto González gravara a reunión que celebrou o tribunal encargado de seleccionar traballadores para o barco hospital. Como queda dito máis arriba, máis da metade da tripulación de ambas as naves é persoal eventual, con contratos que, ademais, renóvanse mes a mes. Moitos deles rotan durante anos no mesmo posto. As acusacións de enchufismo e de contratos a dedo son unha constante. A gravación fíxose sen que o soubesen o resto dos participantes. Despois, González fixo unha transcrición e informou das deliberacións e do resultado aos traballadores aos que representaba. Tamén a colgou no taboleiro de anuncios do barco.

O Tribunal Supremo anulou a sanción tras determinar que non había delito de revelación de segredos, porque aínda que Alberto González “incumpriu o seu deber de debida discreción”, nin a información transmitida era “non divulgable nin estaba sometida a específicos deberes de confidencialidade”. Tampouco consideran os xuíces que a súa divulgación afectase “dunha maneira minimamente significativa ao proceso de selección e aos fins aos que debía servir”. Ademais, sobre o médico e delegado sindical “non pesaba unha específica prohibición” de non divulgar a información aos traballadores aos que representaba.

Pola contra, o Supremo asegura que, en xeral, a “íntegra documentación e do deliberado e acordado constitúe unha garantía significativa do principio constitucional de transparencia […] e dun máis eficaz control de que se respectaran os principios de mérito e capacidade” na selección do persoal.

Pero esta sentenza non significa que terminasen os procedementos disciplinarios contra o médico do Juan de la Cosa. O ISM vén de renovar a tramitación do expediente disciplinario aberto contra Alberto González por revelar esa reunión, que quedou suspendido ao abrirse a vía penal. Se o instrutor ditamina finalmente que o médico cometeu unha falta disciplinaria moi grave, a sanción pode ser, de novo, o despedimento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.