As medidas adoptadas para frear o coronavirus están a provocar unha caída da demanda dos produtos do mar en Galicia. Co paso dos días a situación empeora para familias relacionadas con estas actividades, que xa pasaron "uns meses moi malos" de inverno polos temporais, afirma o presidente da Federación de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira.
"O panorama está moi mal", lamenta e critica que non se faga unha distinción entre a pesca e o marisqueo, actividade esta última na que "está todo o mundo parado" na actualidade. "Ninguén compra marisco", afirma, porque os consumidores principais son os negocios de restauración e están pechados.
O marisqueo está "parado" porque, sen restaurantes abertos, non hai quen merque o produto
As depuradoras, ás que lle venden o marisco capturado como paso previo á comercialización, "xa dixeron que non ían comprar" e que teñen animais "sen vender e morréndolles". "Non paga a pena saír ao mar. Tivemos días de saír e tirar o marisco", indica.
A Consellería do Mar elaborou un informe no que recolle que a caída da facturación no marisqueo a pé e en recursos específicos supera o 77 por cento en Galicia no que vai de mes, en relación co semestre anterior. A cifra está por riba do 75 por cento que require o real decreto-lei que contén as medidas económicas contra o coronavirus para ter dereito á prestación dos autónomos por cese de actividade, afirma e lembra que cada confraría podería solicitar o seu peche dentro do seu plan de xestión.
A Consellería do Mar calcula que a facturación caeu un 77 por cento no marisqueo a pé e nos recursos específicos
Sen actividade está a confraría de Vilanova de Arousa. A súa patroa maior, María Vales, sinala que non tiñan capacidade para manter as medidas de seguridade nun colectivo de 400 persoas e que ninguén está indo a mariscar. As propostas da Xunta parécenlle "inviables" e pide que se declare un cese da actividade.
O presidente da Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños de Pontevedra, Juan José Rial Millán, coincide en que "a situación non é boa" porque non hai compradores. Na súa zona, a Illa de Arousa, os únicos que manteñen a súa actividade normal son os 19 barcos, con algo máis dunha vintena de mariñeiros, que se dedican á extracción de algas.
Millán di que ten dúbidas de que se poida demostrar a caída na facturación antes de que pasen un ou dous meses, debido a que no sector traballaron "con normalidade" ata "hai dous días". A responsable de marisqueo a pé da mesma organización, Carmen Dios, cre que a súa actividade debería estar "segregada" da pesca porque non é "de primeira necesidade". O sector do marisqueo, agrega, "vive ao día" e este cese é, para a maioría das familias, "brutal".
Na pesca a situación era diferente ata o de agora, pero empeza a ter problemas para vender as capturas
Pérez Sieira indica que na pesca a situación "era moi diferente ata o de agora, pero xa empeza a sufrir que non se lle compra o peixe". Estes días, asegura, queda mercadoría sen vender e a que si se coloca ten "prezos irrisorios". Atribúe a baixada na demanda a que a xente procura saír pouco da casa e "cando vai ao supermercado compra todo alí".
O sector está "moi intranquilo" porque os mariñeiros que van nos barcos temen tamén contaxiarse. A bordo, di, é "imposible" manter as distancias de seguridade. Nalgunhas embarcacións de marisqueo é "coma estar nunha bañeira".
"A moral baixa moito porque saes ao mar a traballar e non es quen de gañar para os gastos", afirma e explica que ven contradiccións na información que procede da administración. "A xente non sabe o que vai facer. Levamos días de incerteza", conclúe.
A secretaria da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, Sandra Amézaga, destaca que no sector relacionado coa pesca e o marisqueo hai diferentes situacións, desde empresas de distribución que están paradas porque traballaban con restaurantes ata pescadeiras que manteñen a actividade "por responsabilidade". Neste momento opina que hai que seguir as indicacións gobernamentais e esperar a que pase a crise para facer crítica porque "hai sectores deixados".