A xustiza avala unha multa a Ence e unha empresa forestal de Trabada por falta de seguridade laboral na morte dun traballador

Montes de Taramundi, concello asturiano limítrofe con Galicia onde ocorreu o accidente laboral © Google

O Tribunal Superior de Asturias confirma a responsabilidade solidaria das dúas firmas no falecemento dun operario galego golpeado por unha árbore en Taramundi e ratifica que a Ence correspondía a “xestión” do centro de traballo 

O 18 de abril de 2018 un traballador de orixe galega que estaba realizando unha corta de árbores con motoserra en Taramundi, Asturias, para unha empresa forestal de Trabada, Agroforestal Mota, por encargo de Ence morreu tras ser golpeado por unha árbore na súa caída. A Consellería de Emprego do Principado, por proposta da inspección laboral, multou ás dúas empresas de forma solidaria con 20.000 euros por incumprimento da lexislación en materia de prevención de riscos laborais. As dúas firmas recorreron e tanto un xulgado do Social de Oviedo en primeira instancia como agora o Tribunal Superior de Asturias, nunha sentenza do 8 de febreiro, ratifican a sanción.

A xustiza considera correcta a multa e salienta que non só a empresa subcontratada para a que traballe o empregado senón tamén a contratista principal ten “deberes de cooperación, coordinación e información en materia de riscos laborais”, e neste caso era Ence a titular do centro de traballo, a parcela na que se realizaba a corta, e a ela correspondía a súa xestión.

Concello de Taramundi, onde ocorreron os feitos © Ayuntamiento de Taramundi

Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza do Tribunal Superior a partir das actas levantadas pola inspección laboral, o operario atopábase só cortando árbores e o seu corpo foi atopado por outro compañeiro que traballaba a uns cen metros e non o podía ver directamente pero que se achegou ao lugar ao observar que a actividade de corta parara. A inspección laboral concluíu como posible que o traballador realizara unha secuencia de cortes incorrecta que impediu unha caída guiada da árbore e sinalou tamén a súa permanencia dentro do radio de caída da árbore. Pero constatou que a avaliación de riscos laborais non contemplaba un procedemento específico para o tipo de corta que estaba a realizar e “non se puido acreditar” que a empresa informase ao operario de como actuar nesas situacións concretas. 

A sentenza sinala que aínda que o traballador "hipoteticamente" actuase mal, segue habendo unha obriga por parte das empresas de previr adecuadamente os riscos laborais

O Tribunal Superior salienta que “aínda cando hipoteticamente se admitira no caso que nos ocupa a concorrencia de culpa da vítima, esta non é de tal entidade e magnitude que se superpoña sobre todas as demais causas eventuais do accidente e as anule”. O tribunal incide en que “a imprudencia profesional ou exceso de confianza na execución do traballo, cando non opera como causa exclusiva do accidente, non ten entidade suficiente para excluír totalmente ou alterar a imputación da infracción á empresa, que é a que está obrigada a garantir aos seus traballadores unha protección eficaz en materia de seguridade e hixiene no traballo”. 

A sentenza tamén analiza a responsabilidade solidaria de Ence e sinala, citando a inspección laboral, que aínda que os terreos eran dunha terceira persoa, a empresa concertara con el un contrato de compravenda de madeira que lle outorgaba “o dereito a realizar a corta ou aproveitamento, depósito e retirada do produto” así como “o dereito a retirar, á súa elección, a biomasa xerada por ditas actividades”. “Pasa, polo tanto, a ser Ence Energía y Celulosa SA, titular de la explotación, a titular do centro de traballo”, a efectos da lexislación en materia de riscos laborais.

Sentenza do Tribunal Superior de Asturias que avala unha multa solidaria a Ence imposta pola inspección laboral por incumprimentos en materia de riscos laborais CC-BY-SA Praza Pública

Ante esta situación, o Tribunal Superior fai propia a sentenza de primeira instancia que avalaba a multa solidaria ás dúas empresas: “Concorre, esencial e resumidamente, unha falta de formación, información e prevención imputables tanto á súa empregadora (contratista) como á outra entidade recorrente [Ence], titular da explotación forestal onde se produciu o accidente e contratante dunhas actividades a realizar nun centro de traballo cuxa capacidade de xestión e disposición lle corresponde, ao permitir que aquel [o traballador] desenvolvera “o seu traballo só no monte sen ninguén que supervisase o seu traballo de maneira habitual, sen ferramentas auxiliares para o apeo”, existindo con relativa frecuencia “defectos dos cortes nos apeos”, “sen que a pesar diso se actualizase e insistise na labor preventiva, de seguridade e de formación, dado o elevado risco inherente a tal actividade”.

A sentenza tamén considera que o primeiro xulgado realizou unha valoración razoable tanto das actas de inspección laboral nas que se basea a sanción como da contía da multa solidaria imposta ás dúas empresas, polo que o Tribunal Superior remata desestimando os recursos presentados por Ence e Agroforestal Mota e confirma a sanción. A sentenza é recorrible en casación.

Ence, pola súa banda, vén salientando a importancia que dá á prevención de riscos laborais nas súas diversas actividades empresariais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.