A empresa asegura que “tampouco se produciu ningún contaxio por coronavirus no interior das instalacións”
Ence informou este martes de que a súa factoría de Pontevedra vén de retomar a súa actividade tras completar “de maneira satisfactoria a súa parada técnica anual”. Un proceso do que a propia empresa salienta que foi culminado “con cero accidentes con baixa entre o persoal propio e de contratas”. Ence tamén asegura que “tampouco se produciu ningún contaxio por coronavirus no interior das instalacións”.
Segundo a empresa, a parada técnica anual iniciada hai dúas semanas permitiu “incorporar novas tecnoloxías e mellorar as xa existentes, coa finalidade de seguir reforzando a súa eficiencia, seguridade e excelencia medioambiental”. Unhas actuacións que chegan medio ano despois de que a Audiencia Nacional anulase a concesión -pendente de recurso ante o Tribunal Supremo- que permite á empresa ocupar terreos públicos gañados ao mar e mentres está a tramitar ante a Xunta novas obras de maior envergadura das que discrepan entre outas administracións o Goberno de España ou o Concello de Marín.
Ence di que se realizaron "preto de 1.700 test de antíxenos" e que a parada sumou "700 traballadores de empresas auxiliares" ás "case 400 persoas que emprega directamente" a factoría
Dos traballos agora finalizados a empresa di que supuxeron sumar “ás case 400 persoas que emprega directamente Ence Pontevedra” a outros “700 traballadores de empresas auxiliares” que durante uns días supuxeron “un forte pulo para a economía local de Pontevedra, Poio e Marín”. Segundo a empresa, realizáronse “preto de 1.700 test de antíxenos a persoal propio e de contratas”, o que a leva a asegurar que non se produciu “ningún contaxio por coronavirus no interior das instalacións”.