Aberta unha investigación penal polo incendio nunha nave en Ponte Sampaio hai dous meses no que morreu un operario

Concesión da antiga Pontesa en terreos parcialmente gañados á ría de Vigo xunto a desembocadura do río Verdugo CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

A antiga fábrica de Pontesa estaba a ser empregada como almacén polo Grupo Nogar, segundo o Concello de Pontevedra sen licenza

O incendio que a comezos de novembro e durante varios días consumiu unha nave da antiga fábrica de porcelana de Pontesa en Ponte Sampaio, Pontevedra, provocando a morte dun operario, está xa a ser investigado penalmente pola xustiza. O lugar do incendio estaba a ser empregado polo Grupo Nogar, de loxística e transporte, como almacén de cereais, segundo o Concello de Pontevedra sen licenza, cuestión que negou a empresa.

Instalacións da antiga Pontesa nas que se produciu o incendio do pasado novembro © Google

Este martes a Fiscalía de Pontevedra fixo público que, unha vez finalizado o atestado policial, decidiu “abrir dilixencias de investigación para determinar se houbo ilícito penal”. O asunto está xa xudicializado despois de que o atestado tamén fose trasladado xa ao xulgado de instrución número 3 de Pontevedra, que será o que investigue o caso.

O Concello de Pontevedra reclamou á Xunta e Costas que actuasen ante as irregularidades que detectou no uso das instalacións como almacén de cereais

No incendio, que tardou varios días en ser extinguido, morreu un operario, Benito González, concelleiro do PSdeG en Marín que traballaba para o Grupo Nogar. Desde o Concello de Pontevedra informouse tras o incendio de que á vista das irregularidades detectadas no uso das instalacións decidiuse reclamar á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta e ao servizo provincial de Costas “a reposición da legalidade, a apertura do expediente sancionador ou o que sexa preceptivo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.