Adega e a PDRA abren a batalla xudicial contra Altri

Adega e a PDRA anuncian o inicio de accións legais contra o proxecto de Altri CC-BY-SA Adega

Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e a PDRA (Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) inician accións legais conxuntas para "evitar a construción do proxecto de macrocelulosa de Altri na Ulloa".

As dúas organizacións elixen empezar a batalla xudicial sinalando as posibles irregularidades na tramitación do proxecto, conscientes de que ten aínda percorrido ata unha posible aprobación final e de que "os trámites administrativos da factoría non están rematados" e que "a instalación carece arestora dos permisos necesarios (Autorización Ambiental Integrada, concesión de augas e aprobación do Consello da Xunta)".

Mobilización contra Altri, na Praza da Feira de Palas de Rei © Plataforma Ulloa Viva

As entidades presentan recurso de alzada polo "silencio administrativo" de Augas de Galicia á solicitude de arquivo do expediente de concesión de augas

Adega e a PDRA sinalan as irregularidades na tramitación, particularmente na concesión de augas, que cren que "dan pé a acudir á vía xudicial". A vía elixida, aclaran, é a presentación dun recurso de alzada, condición previa ao contencioso xudicial, "polo silencio administrativo de Augas de Galicia á solicitude de arquivo do expediente de concesión de augas procedentes do río Ulla con destino a uso industrial, solicitada por Greenfiber", sociedade impulsora do proxecto que une a Altri e a Greenalia.

As dúas entidades lembran que na tramitación da concesión de augas solicitada por Altri (prevé captar 46 millóns de litros de auga ao día), o regulamento do Dominio Público Hidráulico fixa un prazo máximo de 18 meses para resolver, "tras os que a solicitude entenderase desestimada". 

O procedemento, explican nun comunicado, comezou co inicio do trámite de competencia nun momento igual ou anterior ao 30 de novembro de 2022, data na que o Boletín Oficial da Provincia da Coruña (nº 227) publicou o anuncio do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Centro da apertura do trámite. Xa que logo, o prazo para resolver tería rematado o día 30 de maio de 2024, 18 meses despois da data da primeira publicación en boletín oficial.

Ante esa situación, Adega e a PDRA solicitaron o pasado mes de febreiro á directora de Augas de Galicia que "declarara a caducidade do procedemento". "Sen termos recibido a día de hoxe, máis de tres meses despois, resolución expresa", explican. 

Área onde se situaría a planta de Altri en Palas de Rei © Altri

"Xa que logo, a petición ficou desestimada por silencio administrativo, acto este que vimos de recorrer en alzada e, fronte a un eventual novo silencio ou desestimación, devirá nunha demanda pola vía contencioso-administrativa", aclaran as asociacións, que lembran que a acción é posible grazas á campaña de recadación solidaria Xustiza para o Ulla. Esta iniciativa de crowdfunding acadou en apenas vinte días os 39.000 euros necesarios para sufragar as primeiras accións xurídicas contra Altri. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.