ANEGA esixe a suspensión inmediata do curso universitario e a superación automática de todas as materias

As tres universidades galegas manteñen aulas virtuais © Uvigo

A organización estudantil ANEGA amósase moi crítica coa decisión das tres universidades galegas de manter o a previsión de rematar o curso e de manter os exames, despois de anunciar a suspensión das clases presenciais o pasado luns. ANEGA esixe a suspensión inmediara do curso universitario e a superación automática das materias sen que conten na media do estudante.

A USC xa adiantou que levará a cabo avaliacións flexibles e adaptadas ás circunstancias excepcionais

As tres universidades reuniranse de novo a finais de abril definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria. Con todo, a USC xa adiantou que levará a cabo avaliacións flexibles e adaptadas ás circunstancias excepcionais por mor da crise da Covid-19. O profesorado debe, ademais, adaptar a programación prevista para o presente cuadrimestre ás metodoloxías non presenciais, a través da modificación das guías docentes.

Aula nunha das facultades da Universidade de Santiago © USC

"O curso xa está rematado de facto e ninguén o pode negar. Os efectos do estado de alarma existen e, lonxe de procurar que desaparezan, cómpre asumilos canto antes para traballar por paliar as súas consecuencias negativas", di ANEGA

Porén, dende ANEGA lémbrase que o mantemento do curso nestas condicións "agudiza as diferenzas sociais, o malestar psicolóxico que produce a corentena e a incapacidade de moitas estudantes e docentes para continuar a súa actividade”. "As ferramentas que se poñen a disposición de estudantes e docentes para continuar o curso, así como as axudas que procuran garantir o acceso do estudantado ás mesmas, eran unha boa solución co panorama que delimitaba un confinamento de dúas semanas”, sinala a organización pero a situación actual “fainos pensar que é momento de tomar medidas máis drásticas”, engade.

A suspensión do curso e a superación das materias é a única opción "que ofrece garantías para que todo o estudantado teña igualdade de oportunidades", di ANEGA, que subliña que "as limitacións técnicas son moitas e o impacto humano é determinante". "O curso xa está rematado de facto e ninguén o pode negar. Os efectos do estado de alarma existen e, lonxe de procurar que desaparezan, cómpre asumilos canto antes para traballar por paliar as súas consecuencias negativas", afirma a entidade.

"A prórroga na toma de decisións serias e valentes só vai dilatar o impacto destes efectos nas familias das clases populares. É tempo de ser responsables e efectivos, ao tempo que claros e tallantes", escribe Bruno Arias (ANEGA) neste artigo, no que salienta que "nesta situación excepcional en que é imposible garantir avaliacións verdadeiramente xustas". No texto, Arias reivindica que "non hai máis defensa do público que aquela que pasa por reivindicar o factor máis humano desta crise". 

"O estudantado de todo o Estado atravesa nestes días de confinamento un sufrimento académico ao tempo que persoal"

Bruno Arias destaca que "o estudantado de todo o Estado atravesa nestes días de confinamento un sufrimento académico ao tempo que persoal. A nivel académico, á práctica inmobilidade de moitos dos plans docentes con respecto á situación actual, á comprobación diaria de que para o desenvolvemento funcional da actividade docente telemática fan falla medios de calidade que non están ao alcance de todo o mundo". E, finalmente, lembra que "moitos dos estudantes chegarán agora ás súas casas para se atopar cunha economía familiar tronzada por despidos inxustos e desafiuzamentos forzosos. Milleiros de estudantes que non poderán facer fronte con dignidade aos estudos que aínda non remataron e outros tantos que, directamente, terán que abandonalos". 

Así mesmo, máis dunha vintena de representantes estudantís do Claustro Universitario da Universidade de Santiago de Compostela veñen de difundir unha carta na que tamén reclaman a suspensión definitiva do curso e na que alertan contra a posibilidade de adiar os exemes finais. Afirman que "semella inxenuo pensar que vai estar a situación en xuño para facer exames con total normalidade" e que resulta "preocupante" que "non se atenda á realidade de milleiros de estudantes que non van ter pisos en que vivir a esas alturas do ano ou que van atopar conflitos cos seus contratos de traballo do verán".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.