As tres universidades galegas acordan non retomar as clases presenciais este curso

Unha imaxe da xuntanza mantida esta mañá polos tres reitores coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar © Xunta

O alumnado das tres universidades galegas non regresará á aulas presenciais este curso 2019-20. Así o decididiron na mañá deste luns os reitores, que mantiveron unha xuntanza por videoconferencia coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López.

A finais de abril haberá unha nova xuntanza para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación

A decisión adoptouse despois de que o Goberno central anunciase que vai propoñer que o estado de alarma se prorrogue ata o 26 de abril e de que comunicase que aínda se podería alongar máis. O pasado xoves a Conferencia Xeral de Política Universitaria deixou en mans de cada universidade a decisión sobre o regreso ás clases presenciais este curso.

A finais de abril haberá unha nova xuntanza para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria. O obxectivo é consensuar unhas condicións comúns que aseguren a equidade de todo o alumnado galego. 

Por outra banda, Carmen Pomar solicitou aos tres reitores que poñan en coñecemento tanto da Consellería como da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia as modificacións que se fagan nas guías docentes e que estuden de forma minuciosa coa ACSUG as posibilidades para abordar as prácticas en funcións das particularidades de cada titulación.

Carmen Pomar, conselleira de Educación © Xunta

Combater a fenda dixital

O gran reto que as tres universidades galegas deben superar agora é asegurar que todos os alumnos e alumnas poidan ser avaliados e avaliadas en igualdade de condicións

O gran reto que as tres universidades galegas deben superar agora é asegurar que todos os alumnos e alumnas poidan ser avaliados e avaliadas en igualdade de condicións, tendo en conta as diferentes condicións en que cada persoa está accedendo ás aulas virtais, por por da fenda dixital e doutras fendas.

Para garantir que todo o alumnado poida completar o curso de xeito virtual, a Universidade de Vigo chegou a un acordo cunha empresa telefónica a través da cal estudantes que teñen difícil acceso a internet ou problemas económicos familiares para poder contar coas ferramentas precisas recibirá nas súas casas un dispositivo “para poder seguir as clases en liña con normalidade” a partir do próximo 13 de abril. Tamén a USC puxo en marcha unha liña de axudas coa que co-financiará os custos de acceso a internet do seu alumnado durante o estado de alarma.

O sindicato estudantil ANEGA reclama a suspensión do vixente curso e pide a superación automática das materias sen que conten na media do estudante

Pola súa banda, o sindicato estudantil ANEGA reclama a suspensión do vixente curso e pide a superación automática das materias sen que conten na media do estudante. A proposta, indican, non se debe unicamente aos problemas loxísticos derivados da situación, senón tamén á “agudización das diferenzas sociais, do malestar psicolóxico que produce a corentena e da incapacidade de moitas estudantes e docentes para continuar a súa actividade”.

 

As probas de setembro da Selectividade, do 15 ao 17

Finalmente, a conselleira informou aos reitores da ampliación das datas para a proba extraordinaria da ABAU ata o 17 de setembro, despois de que Galicia e outras Comunidades o solicitasen na última Comisión Delegada de Política Universitaria. A ABAU extraordinaria celebrarase en Galicia os días 15, 16 e 17 de setembro, logo de que se fixase nos días 7, 8 e 9 de xullo as datas da convocatoria ordinaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.