"A evolución da pandemia en España e no mundo é actualmente imprevisible, o cal condiciona os prazos temporais en que sexa posible retornar ao ensino presencial", sinalou a Conferencia
Ningún estudante perderá o curso universitario por mor do coronavirus. Ese foi o principal compromiso adoptado este xoves por unha Conferencia Xeral de Política Universitaria que, polo demais, deixou abertas as fórmulas que deben asegurar o cumprimento dese compromiso, que deberán ser decididas por cada universidade. Isto é, en cada lugar e en función da situación existente por mor da epidemia, escollerase se o alumnado regresa ás aulas para volver ás clases presenciais ou se mantén o ensino a distancia a través das redes. De igual xeito, escollerá se realizar os exames de forma presencial ou virtual, e tamén as súas datas de realización.
A única certeza é a incerteza, tendo en conta a situación. Na propia Conferencia subliñouse que "a evolución da pandemia en España e no mundo é actualmente imprevisible, o cal condiciona os prazos temporais en que sexa posible retornar ao ensino presencial". "Debemos estar preparados para todas as eventualidades", engadiuse, ao tempo que se fixaba unha nova xuntanza para o vindeiro 15 de abril para a analizar a situación existente nese momento.
"Cada universidade, en función das súas posibilidades, determinará a vixencia das modalidades de ensino non presencial así como as datas da súa aplicación segundo a evolución da pandemia"
A Conferencia de Política Universitaria determinou que "cada universidade, en función das súas posibilidades, determinará a vixencia das modalidades de ensino non presencial así como as datas da súa aplicación segundo a evolución da pandemia". Tamén se acordou que as universidades consultarán e informarán os seus estudantes, docentes e traballadores das medidas adoptadas "para que poidan prepararse con o tempo suficiente para efectuar a avaliación ou exame final coas debidas garantías". Así mesmo "deberase ter en conta as condicións propias de cada estudante para adaptarse ás modalidades de ensino e avaliación que se decidan".
Maiores dificultades supoñen as prácticas presenciais, que segundo a Conferencia "deberán adaptarse ás posibilidades de realización, tanto na forma como nos seus tempos de realización, que poderían desprazarse ao curso seguinte ou aos meses de verán".
As universidades de cada comunidade autónoma van encamiñándose a decisións distintas, apostando algunhas por suspender xa as clases presenciais e outras optando por mantelas
De momento, as universidades de cada comunidade autónoma van encamiñándose a decisións distintas en cada caso. Así, por exemplo, mentres que as universidades andaluzas, navarras ou a Universidade Autónoma de Barcelona decidiron xa a suspensión das clases presenciais, as universidades vascas ou a Universidade Autónoma de Madrid non descartan de momento regresar ás aulas presenciais.
En Galicia a Consellería de Educación propuxo adiar as datas de realizacións dos exames, como xa se fixo coas probas de Selectividade. Os exames universitarios deberían comezar en maio, pero un aprazamento permitiría xestionar mellor os contidos impartidos e a equidade das probas. Así mesmo, lembrou a necesidade de que as comunidades autónomas participen na toma de decisións.
En realidade foi esta disparidade de preferencias a que obrigou ao Ministerio de Universidades a deixar abertas as solucións. As propias comunidades autónomas instaron a adiar a toma de decisións á xuntanza convocada para o 15 de abril.
As propias comunidades autónomas instaron a adiar a toma de decisións á xuntanza convocada para o 15 de abril
Pola súa banda, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) pediu "un marco de actuación común" para todas as universidades do Estado que permita a "cada universidade, no ámbito da súa autonomía, tomar as medidas axeitadas" para garantir o ensino e as avaliacións.
Na Conferencia Xeral de Política Universitaria tamén se determinou "facer un esforzo para coordinar e complementar as políticas de todas as Comunidades na medida do posible, intercambiando experiencias e metodoloxías en beneficio de todos". O Ministerio de Universidades comprometeuse a asegurar esa coordinación e a "pór ao servizo da comunidade universitaria canta información e recursos, en particular tecnolóxicos, poida achegar".
Propostas de Erguer
Mentres, a organización estudantil Erguer, fixo este xoves unha serie de propostas para que a actividade docente “se vexa o menos comprometida”, unhas suxestións que xa lles están a transmitir aos equipos reitorais das tres universidades galegas.
Así, piden "garantir" que "a modificación -ou non- do calendario académico non condicione o acceso a graos de estudantes que realizan a abau ou a mestrados de estudantes que rematan o grao". E tamén reclaman "unha adaptación dos prazos de leitura e presentación dos TFGs e TFMs, adaptados á dificuldade que supón o acceso á bibliografia, a realización de ensaios, ou a imposibilidade de finalizar as prácticas externas"
Así mesmo, propoñen a adaptación das fórmulas escollidas para as aulas e exames "nos casos individuais en que a fenda tecnolóxica impida un seguimento normal da docencia ou de provas avaliativas, buscando unha solución viable e pactada".