A fenda dixital existe, é unha realidade ligada habitualmente a outras fendas sociais, económicas, de hábitat ou de idade. A dificultade para acceder a Internet -ou a imposibilidade absoluta para facelo- podía ter habitualmente consecuencias negativas para quen a sofre, pero a epidemia de coronavirus e o confinamento imposto para tentar frear a súa propagación incrementaron os prexuízos, fixeron moito máis grande a fenda.
"Hai alumnos que por fenda dixital ou outras fendas sociais, non están conectados", salientou a semana pasada a ministra de Educación
O alivio á falta de contacto social que supoñen as videochamadas ou as conversas dixitais non está ao alcance de todo o mundo, tampouco a posibilidade de teletraballar ou o acceso a determinados servizos que agora só están dispoñibles na rede. E, por suposto, a posibilidade de acceder ás aulas virtuais coas que escolas, institutos e universidades buscan manter unha certa normalidade nos respectivos cursos académicos.
A pasada semana a ministra de Educación, Isabel Celaá, destacou que aínda que unha gran maioría do alumnado (que cifrou en máis do 80%) está en contacto cos seus centros e profesorado para continuar a impartir o temario de forma telemática, hai unha parte que non ten esta opción Celáa sinalou que dende o Ministerio e as Comunidades Autónomas se está a traballar na detección daqueles rapaces e rapazas que non poden facelo "polas circunstancias que sexan". "Hai alumnos que por fenda dixital ou outras fendas sociais, non están conectados", salientaba daquela. Así mesmo, salientou que "todo o alumnado será avaliado con xustiza e equidade, de acordo coas circunstancias de cada un durante o confinamento".
A iniciativa propón deixar abertas as redes wifi dos nosos fogares durante algunhas horas ao día, para así facilitar que se conecten a elas os veciños que o necesiten, especialmente os e as escolares
Nas últimas horas está a difundirse nas redes sociais unha iniciativa para deixar abertas (permitindo o acceso a elas sen contrasinal) as redes wifi dos nosos fogares durante algunhas horas ao día, para así facilitar que se conecten a elas os veciños que o necesiten. A campaña #liberadeawifi fai fincapé nos e nas escolares que poden non ter internet nas súas casas e que están atopando grandes dificultades para seguir os contidos distribuídos estes días polo profesorado.
#liberadeawifi propón deixar avisos nos portais dos edificios e abrir as redes de 10 a 14 horas para que así poidan "descargar as tarefas escolares, comprobar os seus correos electrónicos e para que se poidan conectar co exterior".
Zonas sen banda larga
Se a aposta de #liberadeawifi refírese sobre todo aos problemas que pode haber nas zonas urbanas en situacións de falta de recursos, as dificultades en moitas zonas rurais son moitas veces de estrutura, polos obstáculos aínda existentes para o acceso a unha Internet de calidade, imprescindible para a descarga de grandes arquivos, o visionado de contidos en streaming ou a realización de videochamadas.
7 de cada 10 entidades de poboación en Galicia atópanse en zonas brancas sen banda larga
Cómpre lembrar que Galicia é a comunidade autónoma do Estado que conta cun peor acceso á banda larga no conxunto do seu territorio. Segundo os últimos datos, 7 de cada 10 entidades de poboación en Galicia (21.966 das 30.261) atópanse en zonas brancas sen banda larga. As zonas brancas son aqueles lugares "que non dispoñen de cobertura de redes de banda larga de nova xeración, nin previsións para a súa dotación por algún operador no prazo de 3 anos en base a plans de investimento cribles".
Nestas 21.966 entidades singulares de poboación vive algo máis de medio millón de persoas (519.358), o 19,2% da poboación total do país. Se analizamos unicamente aquelas entidades de poboación con máis de dez habitantes, a proporción é semellante. Dun total de 18.477 entidades, 12.351 carecen desta conexión de calidade (o 66,7%); nelas viven 478.458 persoas.
Apoio da USC ao estudantado sen rede
Os problemas chegan tamén ao estudantado universitario, que nalgúns casos tamén ten dificultades para acceder a unha conexión a Internet coa que poder seguir os contidos que o profesorado envía. Para axudarlos, a Universidade de Santiago puxo en marcha unha liña de axudas coa que co-financiará os custos de acceso a internet do seu alumnado durante o estado de alarma.
A USC puxo en marcha unha liña de axudas coa que co-financiará os custos de acceso a internet do seu alumnado durante o estado de alarma
A medida, que se pode solicitar dende este luns, busca asegurar o seu acceso ao contido do Campus Virtual e demais ferramentas didácticas necesarias para a súa actividade académica e "contribuír a que a docencia continúe coas mellores garantías posibles para o alumnado, especialmente aquel que se atope en situación de vulnerabilidade debido ao impacto social e económico que está tendo a crise pola COVID-19".
O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 15 de abril. A cantidade máxima de datos cofinanciable será de 60 xigabytes en total, independentemente da modalidade contractual, bono, cambio temporal de tarifa, ou outras circunstancias similares. A axuda co financiará o 90 por 100 do gasto realizado pola persoa beneficiaria, non podendo superar en total 40 euros por persoa.