As comunidades enerxéticas avanzan no rural: 22 concellos acollerán plantas fotovoltaicas en edificios públicos

Vigo acolleu a Conferencia europea sobre Comunidades enerxéticas rurais © Uvigo

A Universidade de Vigo acolleu a Conferencia europea sobre Comunidades enerxéticas rurais, co obxectivo de avanzar na transición enerxética limpa de Europa a través dunha participación activa e xusta

A Universidade de Vigo acolleu o pasado mércores a Conferencia europea sobre Comunidades enerxéticas rurais: tendendo pontes entre a acción local e a transición cara a enerxías limpas, un simposio organizado polo proxecto EC4Rural, liderado pola Uvigo, que reuniu 120 persoas procedentes de 20 países.

A cita, na que participaron representantes de comunidades enerxéticas e de grupos de acción local, persoal investigador, asociacións, autoridades locais e rexionais e persoas comprometidas coa transición verde comandada pola cidadanía, permitiu intercambiar experiencias e fortalecer novas redes, de cara a contribuír á transición enerxética limpa de Europa a través dunha participación activa e xusta, o obxectivo de EC4Rural.

O proxecto, no que participan 22 concellos galegos e 12 de Estonia, comprende a posta en marcha nos dous territorios de comunidades enerxéticas rurais que produzan electricidade mediante paneis fotovoltaicos sobre tellados de edificios públicos. Os 22 concellos galegos partipantes son Avión, Becerreá, Entrimo, Mazaricos, Moeche, Monterroso, Muíños, Muras, Ordes, Ourol, Outes, Palas de Rei, A Pobra de Brollón, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Sober, Tomiño, Tordoia, O Valadouro, Vedra e Vilasantar.

Conferencia europea sobre Comunidades enerxéticas rurais celebrada este mércores na Universidade de Vigo © Uvigo

Os 22 concellos galegos partipantes son Avión, Becerreá, Entrimo, Mazaricos, Moeche, Monterroso, Muíños, Muras, Ordes, Ourol, Outes, Palas de Rei, A Pobra de Brollón, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Sober, Tomiño, Tordoia, O Valadouro, Vedra e Vilasantar

A creación das comunidades enerxéticas nos 22 concellos galegos implicados no proxecto “atópanse en diferentes niveis de desenvolvemento", destacou Xavier Simón, catedrático da UVigo e coordinador de EC4Rural, "e tan só en dous deles comezou o proceso de implementación das comunidades enerxéticas: Moeche e Vilasantar".

Simón considera necesario seguir traballando no marco do consorcio "para ir derrubando as barreiras" e avanzar cara ao desenvolvemento destas iniciativas piloto que deberán servir como “semente para a súa futura replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo”. 

A creación das comunidades enerxéticas nos 22 concellos galegos implicados no proxecto “atópanse en diferentes niveis de desenvolvemento", destacou Xavier Simón. Tan só en Moeche e Vilasantar comezou o proceso de implementación

Na Unión Europea, destacouse no simposio, as rexións rurais representan o 44,6% da superficie e nelas vive o 20,8% da poboación total dos estados membros. A pesar de que adoitan contar con abundantes recursos naturais, esta zonas caracterízanse polo envellecemento demográfico, a despoboación, a falta de oportunidades laborais ou a insuficiencia de infraestruturas. 

Estas dificultades tradúcense moitas veces en pobreza enerxética debido ás elevadas tarifas enerxéticas, polo que en diversos puntos de Europa comezaron a xurdir alternativas: as comunidades enerxéticas rurais, unha resposta de acción social e colectiva que aposta pola produción de enerxías renovables e a venda de excedentes enerxéticos.

O proxecto baséase en traballar “de abaixo a arriba", asumindo que “non existe unha única solución aplicable para todos os casos” e en facelo "de xeito colaborativo"

O proxecto, explica Xavier Simón, baséase en tres piares fundamentais. Por unha banda, traballar “de abaixo a arriba, xa que a transición cara a enerxía limpa debe basearse na cooperación activa a nivel local, impulsada polas comunidades enerxéticas locais”. Por outra banda, trabállase asumindo que “non existe unha única solución aplicable para todos os casos”, senón que se deben adaptar as propostas a cada circunstancia e lugar e, finalmente, o consorcio aposta por traballar "de xeito colaborativo" e por compartir o coñecemento.

Non obstante, tras os dous primeiros anos de traballo, recoñece Simón, “desafortunadamente non estamos no punto no que agardábamos estar, fómonos atopando atrancos, pero tamén aprendendo deles”. Estes problemas están maioritariamente derivados da características destas contornas rurais, como a dispersión da poboación, o envellecemento, o baixo nivel de vida ou a redución da superficie agrícola. 

"Necesitamos que a xente comece a tomar decisións en cuestións enerxéticas”, destaca Simón

Estas contornas rurais son ricas en recursos naturais que, como no caso da enerxía solar, son “de balde” e ofrecen espazos nos tellados dos edificio público para a instalación das tecnoloxías precisas “sen ter que competir con outro tipo de usos”. O único elemento que falta nesta ecuación, conclúe, é a implicación da cidadanía, “esa é a principal barreira que nos estamos atopando, necesitamos que a xente comece a tomar decisións en cuestións enerxéticas”.

Placas solares da comunidade de montes de Tameiga © https://tameiga.com/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.