Estas entidades colectivas, que nacen co obxectivo de producir enerxía renovable e de tomar decisións sobre a súa xestión, están en crecemento no noso país, pero están tendo que superar moitas dificultades para o seu rexistro, acceso a axudas e conexión á rede eléctrica
As comunidades enerxéticas están en crecemento en Galicia. Cada vez son máis os colectivos que se organizan localmente para producir a súa propia electricidade con fontes renovables -maioritariamente paneis solares- e tomar decisións sobre a súa xestión.
Cada unha ten a súa historia, cada unha é diferente, atendendo ás súas características propias, compoñentes e orixe e ao territorio no que están enraizadas, pero case todas tiveron (ou están tendo) que atravesar un camiño complexo, con atrancos administrativos, económicos e na súa relación coas distribuidoras eléctricas.
Puxémonos en contacto con algunhas destas comunidades enerxéticas en formación para coñecer as súas motivacións, o seu proceso de creación e os retos e obstáculos que deben enfrontar. Tamén a súa visión sobre o futuro que se abre por diante para estas entidades.
Falamos con representantes das comunidades enerxéticas de Tameiga (Mos), Buchabade (Ponte Caldelas) e Arousa en Transición (A Illa de Arousa)
Unha parte moi importante das comunidades enerxéticas galegas parten de comunidades de montes. Isto non debería ser unha sorpresa. A definición que tanto a UE coma o Ministerio para Transición Ecolóxica fan das comunidades enerxéticas locais insiste na necesidade de que estas partan dun grupo promotor, organizado localmente, imbricado no territorio e con participación activa dos seus membros. Algo que xa se dá nos montes en man común galegos.
Segundo a definición Ecooo Energía Ciudadana, as comunidades enerxéticas "ofrecen a oportunidade de que as persoas se organicen en torno a proxectos para satisfacer as súas necesidades enerxéticas de forma sostible, responsable e solidaria; promoven a descentralización dos medios de produción enerxéticos, ampliando a propiedade dos mesmos, pondo de verdade a enerxía en mans das persoas; posibilitan tamén a cohesión social, fomentando o apoio mutuo, a aprendizaxe conxunta e a creación de grupos que constrúan xuntos”.
O problema que as comunidades de montes están a atopar é a ausencia de recoñecemento da súa personalidade xurídica propia, debido á negativa da Xunta a recoñecer lexislativamente a figura da propiedade comunal, que ademais é descoñecida no resto do Estado.
Tameiga: o monte que se rebelou contra os atrancos para ser recoñecido como comunidade enerxética
O problema que as comunidades de montes están a atopar é a ausencia de recoñecemento da súa personalidade xurídica propia. A Comunidade de Montes de Tameiga, en Mos, rebelouse ante ese atranco
A Comunidade de Montes de Tameiga, en Mos, rebelouse ante ese atranco e reclamou a súa consideración como comunidade enerxética: "hai algunhas comunidades que se viron obrigadas a crear unha estrutura paralela, é dicir, constituírse en asociación para poder operar como comunidade enerxética; nós eliximos outra vía, que foi manternos firmes", explica Gonzalo Pérez, o seu coordinador. "Nós xa somos unha comunidade enerxética dende hai 25 anos e non temos por que crear outra estrutura paralela. Levamos 25 anos xerando enerxía a través da biomasa, e aínda que nun comezo si estabamos recoñecidos como comunidade enerxética, despois perdemos esa condición porque non tiñamos personalidade xurídica", di.
En Tameiga optaron pola vía difícil e iso fixo que o seu proxecto se frease durante tres ou catro anos, entre unha sucesión de atrancos burocráticos. "Pero agora estamos xa na parte final, temos xa preparada unha proba piloto e esperamos poder comezar a operar no prazo dun mes", celebra Gonzalo, que enumera os problemas que neste tempo tiveron de superar.
"Tivemos mil obstáculos, tanto coa Administración coma sobre todo coa distribuidora eléctrica. Aquí temos a Unión Fenosa distribución e, polo tanto, temos que loitar directamente co oligopolio, que nos pon mil paus nas rodas. E cando che rexeitan unha documentación, non hai nin sequera ningún tipo de explicación. O problema é non hai ningún control por parte da Xunta sobre as distribuidoras. Ao final todo se solucionaría cunha chamada: cando a Xunta fai unha chamada, a empresa desbloquea de inmediato a situación", destaca.
"En Galicia o potencial enerxético das comunidades de montes é brutal", destaca Gonzalo Pérez. "A clave e o máis complicado é ter un grupo promotor, e as comunidades de montes xa somos un grupo promotor", di
"Estes atrancos están freando o desenvolvemento das comunidades enerxéticas", afirman Gonzalo Pérez, que cre que estas grandes compañías "están tentando gañar tempo para monopolizar este sector, no que ven un nicho de negocio". "Todos estes paus que che van poñendo nas rodas, desincentivan, e hai algúns que desisten, pero nós seguimos para adiante", di.
A comunidade de Tameiga está a colocar paneis solares fotovoltaicos aproveitando a superficie nas cubertas dos tellados das naves do Polígono Industrial de Faquiña. Estas instalacións servirán para xerar enerxía limpa para toda a veciñanza comuneira que quera participar nesta iniciativa. De momento están a participar unhas 400 familias.
"En Galicia o potencial enerxético das comunidades de montes é brutal", destaca Gonzalo Pérez. "A clave e o máis complicado é ter un grupo promotor, e as comunidades de montes xa somos un grupo promotor. Non se entende que dende o Estado ou dende a Xunta se estean promovendo algunhas grandes comunidades enerxéticas, como parques industriais, cando hai moitas comunidades de montes que xa estamos nese camiño e se nos están poñendo atrancos", denuncia.
A creación de comunidades enerxéticas "é unha gran oportunidade para as comunidades de montes, é un tren que non se pode perder", destaca, sinalando que "enlaza moi ben coa filosofía das comunidades de montes, coas propias comunidades de augas xa en funcionamento e coas que a xente está moi contenta". "Cando a xente ve que isto funciona e que supón ademais un aforro significativo, a xente anímase a participar", conclúe.
Buchabade: a vía "posibilista" que aproveitou a boa xestión da comunidade de augas
A creación de comunidades enerxéticas "é unha gran oportunidade para as comunidades de montes, é un tren que non se pode perder", destaca, sinalando que "enlaza moi ben coa filosofía das comunidades de montes"
A comunidade de montes de Buchabade, en Ponte Caldelas, optou pola posta en marcha dunha asociación, unha vía completamente distinta, máis "posibilista", recoñece Fernando Malvar, presidente da comunidade enerxética alí creada. Isto facilitou o proceso, que tamén se beneficiou de que nesta zona a distribuidora existente non era Unión Fenosa, senón unha pequena compañía local que non puxo tantos atrancos.
Mesmo así en Buchabade tiveron que superar tamén algúns obstáculos. Por exemplo, o proxecto ficou parado durante dous anos á espera dunhas axudas de INEGA e IDAE que finalmente non chegaron. "Hai que ter precaución con isto das axudas, nós fomos pola vía equivocada e perdemos dous anos, que estivemos parados", advirte.
En Buchabade teñen xa montada a súa instalación de paneis fotovoltaicos, na que gastaron uns 120.000 euros, repartidos entre os 82 consumidores asociados que se van beneficiar desta instalación. Porén, aínda non están a gozar da posibilidade do autoconsumo, pois están á espera dunha derradeira burocracia: "o último pasiño, que a Xunta non dea entrada no rexistro de autoconsumo".
En Buchabade un factor importante foi "a boa xestión da comunidade de augas, que animou á xente a participar". "A xente entendeu que era a mesma filosofía: empregar os nosos propios recursos e poder tomar decisións sobre eles", di
Fernando Malvar destaca que unha parte importante da veciñanza comuneira amosou dende o inicio unha boa disposición a participar na comunidade enerxética e un factor importante foi "a boa xestión da comunidade de augas, que animou á xente a participar". "A xente entendeu que era a mesma filosofía: empregar os nosos propios recursos e poder tomar decisións sobre eles", di.
En cambio, sinala que "tivemos o problema de non poder amosar outras experiencias semellantes". Buchabade ou Tameiga están a abrir camiño para outras que están a iniciar o proceso ou que o poden facer nos vindeiros anos. O presidente da comunidade enerxética destaca que "é xenial que haxa cada vez máis comunidades enerxéticas, para que a xente asuma a responsabilidade da súa enerxía". Porén, alerta das dificultades: "hai un problema co financiamento, faltan axudas e incentivos para que a xente decida dar este paso".
Arousa en Transición: unha illa sustentable e que decide sobre a súa enerxía
Na Illa de Arousa a comunidade enerxética tivo que superar "moitas curvas" e destaca: "superámolas grazas a un traballo moi importante de voluntariado"
No ano 2020 un grupo de veciños e veciñas da Illa de Arousa puxeron en marcha Arousa en Transición, unha asociación medioambiental que xurdiu como resultado do proceso participativo que tivo lugar na Arousa durante o ano 2019 co obxectivo de elaborar a Axenda Local 2030 dentro do proxecto europeo Clean Energy for EU Islands para impulsar a transición cara as enerxías renovables nas illas europeas.
Un dos proxectos que a asociación está a desenvolver é a creación dunha comunidade enerxética para producir e distribuír enerxía renovable. A entidade instalou no tellado dunha nave unha serie de paneis solares para a xeración de electricidade entre a veciñanza do lugar, de momento unhas 12 familias. Este Mar&Luz.1, que terá continuidade nos vindeiros meses cunha segunda instalación (Mar&Luz.2, xa rematada) inclúe tamén dous puntos de recarga para vehículos eléctricos.
Unha das impulsoras da asociación é Gabriele Freiin Von Hundelshausen (Gaby), que naceu en Alemaña e chegou no ano 2002 a Galicia para colaborar como voluntaria nos traballos de limpeza do chapapote deitado polo Prestige no litoral. Ficou namorada da Illa e aquí quedou a vivir, plenamente integrada como unha veciña máis. Entre 2015 e 2023 mesmo foi concelleira de Medio Ambiente no Goberno municipal.
Destaca que dende o iniciou a constitución da comunidade enerxética foi un dos principais obxectivos da asociación, plenamente conectada coa filosofía destes entes: o "dereito de xuntarse e producir e consumir enerxía xuntos". Recoñece que nestes últimos anos a comunidade enerxética tivo que superar "moitas curvas" e destaca: "superámolas grazas a un traballo moi importante de voluntariado".

Xa ten en marcha a súa primeira instalación fotovoltaica, que dá electricidade a doce familias e vende o seu excedente, e tamén conta con puntos de recarga de vehículos eléctricos. En breve terá activa a súa segunda instalación de xeración
Primeiro, buscar un tellado no que realizar a instalación de paneis solares, unha localización que tiveron que mudar ao atopar amianto na construción. Un segundo tellado, cedido polo Concello, facilitou un proceso que se viu eivado polos atrancos coa administración, no rexistro da comunidade e no acceso a subvencións, e tamén na conexión á rede, que dependeu de numerosos tirapuxas coa distribuidora e a propietaria local da rede eléctrica.
A asociación tivo o apoio do Concello en moitos momento, unha axuda que Gaby cre imprescindible para que estes proxectos saian adiante. "Ao final todo depende de persoas que se impliquen con moitas ganas e tempo. Por iso necesitamos máis colaboración das administracións: capital humano, información, asesoramento legal...", di. "Os proxectos de participación cidadá necesitan un ambiente de colaboración por parte das administracións, un ambiente favorable, amistoso. Teñen que facer un cambio de chip", engade.
Dende Arousa en Transición destacan a importancia tamén de estar en contacto e de colaborar con outras comunidades enerxéticas do resto do país. De feito, as relacións persoais tecidas cos integrantes doutras iniciativas sempre son de grande axuda á hora de solucionar problemas comúns. "A cousa estase movendo máis do que parece", destaca.
Iso si, advirte de que "hai que ter en conta que todas as comunidades somos moi locais e cada unha cunhas características, problemas e necesidades diferentes. Ademais, como todo isto é un traballo voluntario, temos que mirar moi ben onde poñer os esforzos". "É moi interesante e necesario, pero é un traballo a maiores que moitas veces non podemos facer", conclúe.
"Os proxectos de participación cidadá necesitan un ambiente de colaboración por parte das administracións, un ambiente favorable, amistoso. Teñen que facer un cambio de chip", din dende Arousa en Transición
Arousa en Transición leva a cabo múltiples actividades: "somos holísticos, queremos producir a nosa enerxía, pero tamén incidimos na limpeza do litoral ou na mellora da eficiencia das construcións ou na mobilidade sostible", explica. Outro dos proxectos para o que naceu a asociación foi para promover a electrificación da flota de barcos da Illa de Arousa, un obxectivo ambicioso, que se plantexa a longo prazo e no que a entidade unicamente se pode limitar a impulsar ou promover, dada a súa dimensión.
Outra das iniciativas nas que están traballando é a de integrar e dar saída, a través da comunidade enerxética, á sobreprodución eléctrica que ten o propio Concello da Illa de Arousa grazas ás placas solares instaladas en moitos edificios do termo municipal. "Sería interesante que os excedentes eléctricos que teñen estas instalacións, creadas co diñeiro de todos, vaian para as persoas sen recursos", explica. "Imos tentar integralo, xestionalo a través da comunidade enerxética para que se beneficie a veciñanza que están sufrindo a pobreza enerxética".