As hospitalizacións pola COVID baixan do milleiro en Galicia un mes despois mentres a caída da incidencia frea o seu ritmo

Cribado da COVID-19 en Guitiriz, un dos concellos con maior incidencia acumulada da COVID en febreiro de 2021 CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Guitiriz | Montaxe: Praza Pública

A finais de xaneiro, en plena explosión de detección dos contaxios da COVID-19 durante as semanas do Nadal, Aninovo e Reis, Galicia superou o milleiro de persoas hospitalizadas ao mesmo tempo con test positivo do coronavirus. Poucos días despois deixou atrás o pico de hospitalización da primeira vaga (1.107) e tocou teito o 1 de febreiro (1.452).

As 951 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 son 327 menos que hai unha semana, o maior descenso en sete días dende o comezo da pandemia, pero a ocupación das UCI segue sendo moi alta, por riba dos 200 pacientes co coronavirus

Dende aquela, a carga hospitalaria comezou a descender moi aos poucos. Nos últimos días, a combinación de altas epidemiolóxicas (persoas que pasan a dar negativo, pero seguen no hospital e desaparecen da estatística da COVID, como fixa o protocolo), altas hospitalarias e -en menor medida- falecementos está a permitir os primeiros alivios significativos. 

Sucede, sobre todo, pola banda das unidades de hospitalización ordinaria, agora con 746 pacientes coa COVID, segundo os datos publicados este martes polo Sergas. O total segue así a tendencia da pasada semana e baixa do milleiro. Son, concretamente 951 pacientes nos hospitais de Galicia con test positivo, 65 menos que un día antes e 327 menos que o mesmo día da semana anterior, o maior descenso absoluto en sete días de toda a pandemia.

A liña descendente nas unidades de hospitalización ordinaria aínda contrasta, como amosa o gráfico sobre estas liñas, coa situación nas UCI. Os datos de Sanidade reflicten este martes 205 persoas ingresadas en coidados intensivos con test positivo do coronavirus. Son 19 menos que un día antes e 43 menos que hai unha semana, pero seguen sendo máis que no pico da hospitalización en UCI da primeira vaga, acadado o 4 de abril de 2020 con 177 persoas.

O descenso segue ás claras, pero acouga o seu ritmo

Os primeiros -e aínda insuficientes, admite o Sergas- alivios na presión hospitalaria chegan tras dúas semanas de claro descenso no número de novos casos rexistrados. Este martes, o Sergas suma 359 novos positivos, 310 deles diagnósticos mediante PCR, rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. É a cifra máis baixa en vinte e catro horas dende o 5 de xaneiro.

Os 359 novos positivos sumados polo Sergas son a cifra máis baixa en vinte e catro horas dende o 5 de xaneiro

En termos de días naturais, o ritmo é moi semellante. O último día con máis de mil casos novos foi o 4 de febreiro, dez días despois Galicia roldaba os cincocentos casos ao día e nos últimos dous con datos completos (sábado e domingo), xa baixa dos 400. De xeito parello á redución de casos sospeitosos de contaxio e tras semanas con numerosísimos cribados, comeza a diminuír tamén o ritmo de PCR procesadas ao día, algo máis de 9.000 ao día na media da última semana.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o descenso na media diaria de diagnósticos mediante PCR a sete días estivo sendo, nas últimas dúas semanas, tanto ou máis pronunciado que a explosión de casos durante o mes de xaneiro. Este indicador rolda agora os 494 casos ao día na media da última semana, menos de 500 por primeira vez dende o 7 de xaneiro. É unha cifra aínda superior á previa ao Nadal e ademais o seu ritmo de decrecemento semella frear, algo que tamén acontece nos datos de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes a catorce días), como veremos decontado. 

Os concellos cunha incidencia a 14 días superior aos 500 casos novos por cen mil habitantes roldan os 60; durante o mes de xaneiro chegaron a ser tres veces máis

Sobre o mapa, o acougo xeral tamén é evidente. Os concellos cunha incidencia acumulada a catorce días superior a mil casos novos por cada cen mil habitantes xa son menos dunha decena. Entre eles, o máis poboado é Guitiriz, con algo máis de 5.400 habitantes. Os que teñen incidencias superiores a 500 casos por cada cen mil habitantes son agora algo máis de 60 -durante o mes de xaneiro chegaron a triplicar amplamente esta cifra- e mentres, os municipios que non rexistraron casos novos en dúas semanas xa superan a trintena -antes do Nadal chegaron a ser máis de cen-. 

Nas sete principais cidades, que a Xunta adoita sinalar como termómetro da marcha da pandemia, a incidencia a 14 días segue descendendo, aínda que con ritmos dispares. A máis poboada, Vigo, é nos últimos días tamén a que ten menor incidencia a 14 días tras conseguir cruzar cara a abaixo do limiar dos 250 casos por cada cen mil habitantes, o primeiro obxectivo de mellora clara que o Sergas ten marcado para o conxunto do país. A maior incidencia segue sendo a da Coruña, onde nos últimos días o descenso semella frear un chisco. 

Ese descenso no ritmo de baixada da incidencia acumulada a 14 días, pero tamén a sete, reflíctese ás claras no indicador denominado razón de taxas, no que comparamos a incidencia acumulada dun día coa da mesma xornada da semana anterior. Se o resultado é inferior a 1, significa que a pandemia remite e se supera o 1, que tende a espallarse. Ao baixar de 1, a maior proximidade ao cero significa máis velocidade na remisión.

A incidencia segue descendendo con claridade para o conxunto de Galicia, pero o ritmo de descenso está a frear nos últimos días

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a razón de taxas tanto a 14 como a 7 días comezou a relaxarse a mediados de xaneiro e, dende os primeiros días de febreiro, indica con claridade que a pandemia tende a remitir en Galicia. No entanto, o pronunciado ritmo de descenso dos primeiros días de febreiro tende a acougar e, nas últimas xornadas, a liña da razón de taxas tende a aplanarse. Isto non quere dicir -cando menos, non de momento-, que os contaxios detectados volvan estoupar ou que xa non exista mellora, pero si que a actual fase de mellora tende a ser máis lenta que en días pasados.

Mentres todo isto sucede, a media diaria a sete días de falecementos de persoas que contraeran a COVID-19 comeza a diminuír, pero segue sendo moi elevada, por riba da quincena de mortes oficialmente ligadas á pandemia cada día da última semana. Este 16 de febreiro entran no cómputo case unha trintena de mortes, seis delas das vinte e catro horas previas. Son xa 297 mortes con data do mes de febreiro de 2020 e no que vai de 2021 chegan ás 713, máis que en toda a primeira vaga da pandemia, cando foran 619. O total chega, ata este martes, aos 2.124 falecementos de persoas que contraeran a COVID-19. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.