As máscaras fornecidas a Galicia por iniciativa de Euskadi serán vinte mil mensuais ata xuño

Traballadoras dun centro hospitalario vasco, con máscaras como as mercadas polo Sergas a Osakidetza CC-BY Goberno Vasco

A finais de febreiro, cando en Galicia aínda non se tiña constancia de caso ningún de coronavirus e xa se rexistraran os primeiros confirmados na Península Ibérica, o Goberno vasco considerou "previsible" que "a situación se agudizase nas seguintes semanas", nas que efectivamente parte do seu territorio rexistrou un agresivo abrollo da doenza. Foi por iso polo que o servizo vasco de saúde, Osakidetza, pechou o 2 de marzo un contrato coa empresa de subministros sanitarios Nueva Sibol, con sede en Zamudio (Bizkaia), para lle mercar medio millón de máscaras sanitarias FFP2 e FFP3, as que polo seu filtro son indicadas para persoal sanitario en contacto con doentes, entre outras funcións.

O servizo vasco de saúde debía mercar o lote completo de máscaras e "contactou co Sergas, co Servizo Navarro de Saúde e coa Ertzaintza" para ofrecerlles comprar unha parte delas; no caso galego, o pactado foron 70.000

O contrato con Nueva Sibol foi rubricado polo Goberno vasco "nunhas condicións moi concretas", as "únicas que permitian á empresa subministrar este material de autoprotección nos prazos establecidos". Unha delas era que Osakidetza "debía comprometerse a adquirir o total do lote", as 500.000, con independencia de que despois "puidese facilitalo a outros servizos públicos de saúde ou departamentos do Goberno vasco".

Por este motivo, a sanidade vasca "contactou co Sergas, co Servizo Navarro de Saúde e coa Ertzaintza" para "determinar se podería asegurar o consumo total do lote subministrado" fornecendo de parte del a centros sanitarios de Galicia e Navarra e á propia policía vasca. No caso galego, a resposta da Consellería de Sanidade foi que mercaría "o número máximo" de máscaras que Osakidetza "puidese ofrecer". Esa cifra quedou fixada en 70.000 e as entregas, nunhas vinte mil unidades ata o mes de xuño.

Fragmentos do convenio asinado por Osakidetza e o Sergas, que inclúe unha imaxe das máscaras CC-BY-NC-SA Praza Pública

Este proceso está relatado no convenio asinado entre Osakidetza e o Sergas o 12 de marzo, o mesmo día en que foi autorizado polo Consello da Xunta por importe de 232.078 euros. O documento, rubricado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e polo director xeral de Osakidetza, Juan Luis Diego Casals, estipula que a sanidade vasca "realizará as indicacións oportunas" á empresa fabricante para "poñer nas súas instalacións á disposición do Sergas" as máscaras pactadas "antes do día 30 de cada mes" ata xuño. [Podes ler aquí o documento íntegro]

Sanidade destinou algo máis de 232.000 euros a esta compra, que Euskadi pechou o 2 de marzo; o convenio co Sergas foi asinado o día 12 dese mes

Concretamente, a Xunta dispuxo de 5.000 máscaras de Nueva Sibol en marzo, terá 20.000 en abril, outras 20.000 en maio e as 25.000 finais, en xuño. O Sergas pactou pagar a Euskadi o 20% na sinatura do convenio e o 80% que falta, "na entrega do último lote". Cada máscara custa 2,74 euros máis IVE, -"prezo de custo", resalta a memoria xustificativa do convenio- toda vez que o acordo é anterior á decisión que o Consello de Ministros vén de tomar para liberar deste imposto o material sanitario utilizado para afrontar o coronavirus. 

Este acordo para acceder a 70.000 máscaras ata xuño foi asinado tres días antes do inicio do estado de alarma polo coronavirus e pouco antes de que o Goberno galego, a través do propio Feijóo, emprendese unha sucesión de controversias co Goberno central polo fornecemento de máscaras. Naqueles días, o presidente da Xunta asegurou que a Xunta dispuña dunha reserva de arredor de medio millón de unidades -sen especificar de que tipo- que, dixera, eran subministro dabondo para apenas dúas semanas.

Goberno central e Xunta publican contratos de subministros para a pandemia

Cadrando coa publicación por parte do Estado, a Xunta divulgou un listado de contratos de subministros sanitarios para afrontar o coronavirus

Alén deste acordo co Osakidetza tras o ofrecemento das autoridades vascas, nos últimos días tanto o Goberno de España como o galego comezaron a publicar información sobre algúns dos principais contratos asinados nas últimas semanas para obteren diversos subministros sanitarios precisos para afrontar a pandemia, os seu importes e empresas adxudicatarias. No caso do Ministerio de Sanidade, despois de que a Xunta Consultiva de Contratación do Estado advertise de que malia ao estado de alarma segue vixente a obriga de facer pública esta información e estaba a incumprila, o departamento que dirixe Salvador Illa comezou a divulgala na súa plataforma de contratos públicos.

Pola banda da Xunta, o Sergas xa viña incluíndo na súa plataforma a información sobre contratos menores -os que teñen un importe de ata 15.000 euros- de subministros precisos para afrontar o coronavirus, pero non os de maior contía asinados ao abeiro, como os do Ministerio, das condicións de emerxencia permitidas polo estado de alarma. Cadrando coa publicación por parte do Estado, a Consellería de Sanidade incorporou ao seu sitio web sobre o coronavirus un listado destes subministros, que suman ata agora uns 11,7 millóns de euros. Non os agregou, cando menos de momento, á súa plataforma de contratación, polo que ata que iso suceda non é posible coñecer os detalles de cada contrato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.