Tras frear nas últimas semanas as conversas coa oposición sobre o coronavirus, pactadas como semanais, o pasado domingo Alberto Núñez Feijóo volveu citar os líderes das demais forzas políticas. Tras ese encontro, as tres principais formacións da esquerda facían votos este luns por que esas conversas recuperen a regularidade semanal pactada, alén de instaren a reiniciar de inmediato o traballo do Parlamento a partir do informe dos servizos xurídicos que, aínda que de xeito limitado, avalan que a oposición poida controlar o Goberno ata que Feijóo volva convocaras as eleccións adiadas por mor da pandemia.
Con este pano de fondo, a actual oposición puña o foco este luns nalgunhas das que se bosquexan como principais necesidades de boa parte da poboación, ou mesmo da poboación toda, nas semanas previas á desescalada do confinamento. Así, despois de que o propio titular da Xunta se amosase o pasado domingo favorable a un uso masivo das máscaras sanitarias, PSdeG e BNG coincidían este luns en pedir que, alén das reiteradas polémicas co Goberno de España sobre o fornecemento de material sanitario, sexa o Executivo galego o que garanta máscaras de balde.
Caballero: "Propoñemos que se adopte un programa de provisión de máscaras para toda a cidadanía de xeito gratuíto nas primeiras semanas do desconfinamento"
O secretario xeral e candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, detalla que tamén na xuntanza cos partidos "Feijóo trasladou que o Goberno de Galicia sería partidario de que a cidadanía galega circule con máscara nas primeiras semanas do desconfinamento". Por iso, di, "propoñemos que se adopte un programa de provisión de máscaras para a toda a cidadanía de xeito gratuíto nas primeiras semanas", o cal "é realizable de acordo cos Orzamentos da Xunta", toda vez que "non implica custos inasumibles nin excesivos" e "permitiría acceder a toda a cidadanía ás medidas de precaución de forma equitativa".
Pontón: "Deben ser gratuítas para toda a cidadanía polo menos mentres haxa risco de contaxio"
Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, é partidaria do uso das máscaras. Máis aínda, de que o seu uso "non sexa unha mera recomendación", senón unha obriga establecida "nun protocolo propio" elaborado pola Xunta, que debera "garantir" a súa distribución "gratuíta entre a toda a cidadanía polo menos, mentres haxa risco de contaxio". "Deben repartirse de xeito gratuíto -sinala Pontón- para salvagardar a saúde pública" e ante advertencias como as da Organización Mundial da Saúde, resalta, a Xunta "non pode quedar na crítica" ao Goberno central, senón que ademais "ten que actuar" repartíndoas, pero tamén "garantindo o seu abastecemento e xerando depósito por dúas vías: unha empresa pública e promover que haxa tecido empresarial galego que as produza" xunto con luvas, batas de protección ou xeles desinfectantes.
Contratos estables para o persoal eventual
Gómez-Reino: "Ten que haber un compromiso de país para garantir os contratos das profesionais que están sendo primeira liña de batalla contra a covid-19"
Sen abandonar o eido sanitario, pola banda de Galicia en Común o seu voceiro e candidato, Antón Gómez-Reino, sinalaba este luns que sobre a mesa da xuntanza con Feijóo estivo tamén a "preocupación, que é do conxunto da oposición", a respecto "dos contratos eventuais na sanidade". Concretamente, de casos como os revelados nas pasadas semanas por parte de enfermeiras eventuais contratadas para afrontar a pandemia cuxos contratos non ían ser renovados e que, tras facéreno público, lograron que a Xunta recuase no que Feijóo atribuíu a un erro de "interpretación".
Nesa xuntanza, sinala Gómez-Reino, "trasladamos que ten que haber un compromiso de país" e "un consenso das forzas, políticas, tamén do PP a pesar do que levan facendo nestes anos na sanidade pública", para "garantir que esas profesionais que están sendo primeira liña de batalla contra a covid-19 non só non van rematar o contrato o 30 de abril". Tamén debe ser posible, di que poidan "consolidar os seus contratos".
Estes e outros asuntos serán algúns dos que ocuparán o debate político o vindeiro xoves no Parlamento, onde a Deputación Permanente abordará as comparecencias do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e da titular de Educación, Carmen Pomar. Ambos comparecen a petición propia e non atendendo as peticións das forzas da oposición, que reclamaran as súas comparecencias e tamén a do propio Feijóo, entre outras.