Feijóo atribúe a rescisión de contratos a enfermeiras que atendían o coronavirus a un erro de "interpretación" e nega intencionalidade por parte do Sergas
Feijóo bota balóns fóra e asegura que a rescisión de contratos prorrogados a enfermeiras que atendían enfermos con coronavirus --rectificada ás poucas horas de se ordenar-- foi un erro de "interpretación" e que esa non era a intención do Sergas.
O pasado mércores, a xerencia da área sanitaria de Santiago rescindiu unilateralmente a varias enfermeiras eventuais a prórroga dun contrato xa asinada ao considerar que xa non eran necesarias na planta de afectados polo coronavirus onde traballan desde hai un mes.

Chamadas unha a unha pola Dirección de Recursos Humanos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para comunicarlles a anulación das devanditas prórrogas --que foran confirmadas o martes anterior e asinadas había días pola maioría delas--, varias das afectadas denunciaron publicamente a situación e un episodio máis na "precaria" política de contratación do Sergas. "Somos empregadas de usar e tirar", dixo Eventuais en Loita. O día seguinte, tras difundirse o caso, a xerencia da área compostelá volveu chamar ás enfermeiras para anunciarlles que o seu contrato seguía en vigor ata finais de abril.
"É evidente que houbo unha interpretación, que non era intencionalidade do Sergas, por parte dunha ou dúas xerencias", asegura Feijóo
A área compostelá atribuíu a rescisión a "un erro de coordinación entre departamentos" e pediu desculpas. Este venres, preguntado polo caso, Feijóo asegurou que "é evidente que houbo unha interpretación, que non era intencionalidade do Sergas, por parte dunha ou dúas xerencias", en referencia á de Compostela, dirixida por Eloína Núñez, curmá do presidente da Xunta.
"No resto de xerencias non houbo ningún incidente e polo tanto esa rescisión foi anulada", engadiu Feijóo, que preguntado pola necesidade de menor eventualidade no persoal sanitario, asegurou que a Xunta "claro" que quere "estabilidade para os contratos". Ademais, presumiu de que Galicia "foi a primeira comunidade que deu estabilidade a todos os médicos residentes e a toda a enfermería que finalizaba a residencia este ano". Ao tempo, advertiu de que o Sergas leva feitos "centos de contratos para mellorar o cadro de persoal" e que "seguirá facendo OPEs, que é o único sistema para dar estabilidade".
Desde o PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, reclamou á Xunta que faga "contratos estables ao persoal sanitario" para "fortalecer" o sistema público. "Non chega con aplaudir cada día ás oito da tarde", engadiu o líder dos socialistas galegos, que considera "inaceptable” que se chegara a comunicar ás enfermeiras que atenden os casos de coronavirus en Santiago a rescisión dos seus contratos.
Caballero insistiu en reclamar á Xunta “unha nova política sanitaria” que, no camiño de “fortalecer” o sistema público, “ofreza contratos laborais estables e dignos a todos os profesionais dispoñibles en Galicia”.

Pola súa banda, Galicia en Común instou o Sergas a ampliar máis aló do 30 de abril o contrato das enfermeiras eventuais ás que se lle comunicara a rescisión. En rolda de prensa telemática, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, apuntou que "Non pode ser" que a vinculación laboral deste persoal "en primeira liña" na loita contra o coronavirus remate a finais de mes.
PSdeG e Galicia en Común instan o Sergas a facer "contratos estables" ao persoal e "fortalecer" o sistema sanitario
Así, o líder de Galicia en Común reclamou á Xunta que o contro se amplíe para facer fronte á crise da Covid-19 porque, segundo di, esta crise volve demostrar "a imperiosa necesidade de reforzar a sanidade pública".
No caso das enfermeiras, cuxa precariedade é denunciada desde hai tempo polas profesionais, desde o Sergas insístese en que a eventualidade "non é unha situación habitual" na sanidade pública do país e que "o 85% dos traballadores está en vínculos estables", tal e como dixo o seu xerente, Antonio Fernández-Campa.
O propio Feijó elevou esa porcentaxe ao 88%, mentres que un estudo de Eventuais en Loita aseguraba que un terzo das enfermeiras é eventual. Os testemuños do persoal relatan casos de centos de contratos en poucos anos, moitos menos cotizados e múltiples denuncias de precariedade e explotación laboral.