As probas masivas de coronavirus non atopan positivos entre o persoal da Uvigo, que realizará PCR ao estudantado

Aula dunha facultade da Universidade de Vigo © Uvigo

A pasada semana a Universidade de Vigo levou a cabo probas masivas de coronavirus entre os seus traballadores e traballadoras. En total, leváronse a cabo máis de 2.300 test mediante a través de probas PCR sobre saliva nun sistema de pooling, desenvolvido na Fundación Biomédica Galicia Sur. Todas elas deron un resultado negativo no novo coronavirus e polo tanto non se detectaron infeccións de covid-19.

Leváronse a cabo máis de 2.300 test mediante a través de probas PCR sobre saliva e non houbo positivos

Dende o Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro advirten, con todo, que "é importante que se teña en conta que a non detección non exclúe completamente a infección polo coronavirus, polo que se deben manter de forma estrita as medidas preventivas adoptadas pola institución e as decretadas polas autoridades sanitarias". "Esta proba non é diagnóstica, polo que en caso de que algunha persoa participante teña sospeita de infección por coronavirus, debe acudir ao seu centro de referencia para realizar os estudos oportunos", explican.

Imaxe das mostras recollidas polo persoal da UVigo © Universidade de Vigo

Nos vindeiros días a Universidade de Vigo iniciará a realización dun total de 200 PCR aleatorias por semana centradas principalmente no alumnado

Nos vindeiros días a Universidade de Vigo iniciará a realización dun total de 200 PCR aleatorias por semana centradas principalmente no alumnado. Aínda que en principio son test aleatorios estes poderían concentrarse nun único centro "se as circunstancias así o recomendan, porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar" explican dende a Uvigo. Nesa situación, podería incluírse tamén o PDI e o PAS dese centro.

O vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, da Universidade de Vigo, José Luis Míguez Tabarés, afirma que "estamos moi satisfeitos, tanto pola participación, como polos resultados. Isto amosa que o persoal da Universidade intenta, dentro das súas posibilidades, ser responsable coa situación na que nos atopamos". Míguez engade que "agardamos que este tipo de medida, tanto no caso do persoal, como no dos próximos tests do alumnado, sirvan de apoio á Consellería de Sanidade no seu complicado traballo diario".

"Isto amosa que o persoal da Universidade intenta, dentro das súas posibilidades, ser responsable coa situación na que nos atopamos", destaca a Uvigo

En total foron 2.303 os traballadores e traballadoras que o pasado martes se achegaron ás conserxarías dos seus centros para entregar as probas, o que supón case un 80% das persoas convocadas. A participación rexistrada foi moi semellante nos tres campus. En Vigo estaban chamadas a realizar as probas 1.929 persoas e, finalmente, entregaron os kits 1.538, un 79,7% do total; en Ourense entregaron os tubos 441 persoas dun total de 578 (76,3%); e en Pontevedra foron 324 de 403, acadando neste caso o 80,4% de participación.

Aula dunha facultade da Universidade de Vigo © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.