As universidades galegas ante a COVID: presencialidade, corentenas para contactos estreitos e facilidades para adiar exames

Estudantes nunha aula da Universidade de Vigo máscaras covid © UVigo

As tres universidades galegas retomaron esta semana súa actividade, tralas vacacións de nadal, co obxectivo de manter a máxima presencialidade coincidindo co período de exames

A vaga invernal da pandemia está a provocar unha explosión de positivos de COVID, sobre todo entre as xeracións máis novas. Porén, as tres universidades galegas retomaron hai uns días a súa actividade, tralas vacacións de nadal, co obxectivo de manter a máxima normalidade e presencialidade coincidindo co período de exames e probas de avaliación que comezou este luns día 10 de xaneiro. E, a diferenza do que sucede no ensino obrigatorio, mantéñense os protocolos anteriores no que atinxe a corentenas e xestión de casos positivos.

Outro dos obxectivos das tres universidades galegas, ademais de garantir a devandita presencialidade, é ofrecer ao alumnado as máximas facilidades posibles para adiar a realización dos exames no caso de ser positivo ou contacto directo e non poder asistir nas datas previstas.

Aula dunha facultade da Universidade de Vigo © Uvigo

A Universidade de Vigo aprobou unha serie de medidas que buscan garantir que as persoas confinadas por mor da covid non perdan nin docencia nin probas de avaliación. "Tentamos combinar a máxima seguridade nas aulas con medidas que permitan que as persoas confinadas non perdan clases nin exames”, explica o reitor da UVigo, Manuel Reigosa.

A Universidade de Vigo aprobou unha serie de medidas que buscan garantir que as persoas confinadas por mor da covid non perdan nin docencia nin probas de avaliación

En cada departamento e en cada materia adóptanse distintas fórmulas axustadas á situación que se dea nun grupo determinado (non é o mesmo que haxa un só confinado que moitos) para facilitar que o alumnado poida realizar os exames e probas de avaliación. "Se tes un alumno confinado ao mellor fáiselle o exame oral, a través de Campus Rem0to, pero se tes 20 confinados non vas poder. Algúns docentes prefiren esperar e facerlle o exame a semana seguinte cando se incorpore, máxime agora que baixaron a sete días o confinamento, e outros prefiren a modalidade mixta, sempre e cando o estudante estea ben para facer o exame, por suposto. Non hai unha norma fixa”, detalla o vicerreitor de Ordenación Académica Profesorado, Manuel Ramos.

"Polo de agora, podemos presumir que as aulas da nosa universidade son un espazo seguro e non houbo un só gromo que se poida atribuír a contaxio dentro da institución", destaca o reitor da Uvigo

"Polo de agora, podemos presumir que as aulas da nosa universidade son un espazo seguro e non houbo un só gromo que se poida atribuír a contaxio dentro da institución. Iso fala moi ben, tanto das medidas adoptadas, coma da responsabilidade amosada por toda a comunidade universitaria, cumprindo estritamente as medidas e non relaxándose e ningún momento da pandemia”, destacou o reitor Manuel Reigosa. Esta semana a UVigo levou a cabo tests PCR sobre saliva ao seu persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos, algo máis de 2.800 persoas.

A UDC recomenda corentenas de 5 días para os contactos estreitos

A UDC esixe que as persoas que sexan positivos ou contactos estreitos llo comunique para solicitar unha nova data de exame

Pola súa banda, a Universidade da Coruña recomendou aos equipos decanais e de dirección dos centros, ao profesorado e ao estudantado un estrito cumprimento dos protocolos no que atinxe a impedir aglomeracións ao comezo e finalización das probas, así como á planificación de probas nunha nova data para aquel estudantado positivo ou en corentena.

Cartel de 'volta ás aulas' na UVigo, o curso pasado © Uvigo

Aínda que as persoas vacinadas non deben realizar corentenas aínda que estivesen en contacto cun positivo, a UDC recomenda que os contactos estreitos leven a cabo unha corentena de 5 días

O profesorado e o estudantado positivos en covid-19 ou que foran contacto estreito dun positivo en COVID deben notificalo ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais a través do enderezo info.covid@udc.gal. En caso de non poder presentar ningún tipo de certificación ou resultado dun test, a mensaxe enviada a info.covid@udc.gal e ao centro será a que o alumnado envíe ao/á profesor/a para solicitar unha nova data de exame.

As persoas que sexan positivas deben gardar unha corentena de 7 días. A UDC recomenda que aínda que non se teñan síntomas no sétimo día se realice un test de antíxenos de farmacia e se este dá negativo se recupere a actividade normal. 

Se unha persoa é contacto estreito cun positivo, a normativa sanitaria indica que, se hai pauta completa de vacinación, pódese facer vida normal extremando as precaucións e limitando no posible as interaccións sociais. Con todo, a UDC recomenda, co fin de evitar a transmisión na comunidade universitaria, quedar en corentena ata que transcorran 5 días sen síntomas despois do contacto co positivo. Sempre que sexa posible, deberase facer un test de antíxenos de farmacia o quinto día que, se é negativo, permitiría recuperar con maiores garantías a actividade normal.

A Universidade de Santiago mantén o mesmo protocolo co que comezou o curso

Pola súa banda, a Universidade de Santiago, mantén o mesmo protocolo co que comezou o curso, coa prohibición de acceso aos centros e instalacións da USC para os casos positivos, persoas con síntomas e tamén persoas que sexan contacto directo dun positivo e se atope en corentena. O obxectivo principal é manter a presencialidade para todo o período de exames e probas. 

Ante calquera circunstancia acreditada relacionada coa COVID-19 que impida a asistencia a un exame ou proba oficial, é preciso poñerse en contacto coa Oficina COVID da USC no 881 811 111 ou no correo electrónico info.coronavirus@usc.gal, co obxectivo de que o alumno ou alumna poida, mediante cambio de data ou mediante adaptación da modalidade/formato da proba, ser avaliado ou avaliada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.