As universidades galegas inician o curso buscando a "máxima presencialidade"

Dúas alumnas da USC, con máscaras de protección © USC/Santi Alvite

O curso universitario 2021-22 comeza este luns nos sete campus galegos. O novo curso iníciase co obxectivo declarado de buscar a "máxima presencialidade" en todas as clases e actividades, aproveitando o feito de que a inmensa maioría do alumnado, profesorado e outro persoal conta xa coa pauta completa da vacina contra a COVID. A máscara será obrigatoria, por suposto, e haberá que gardar unha distancia mínima de seguridade.

A máscara será obrigatoria e a distancia de seguridade interpersoal nas aulas será de 1,2 metros nos niveis de risco baixo e medio. No caso de bancadas fixas enténdese cumprida esa distancia deixando un posto intermedio baleiro

Hai uns días unha Resolución Reitoral dispuxo as medidas fronte á COVID-19 para o inicio do curso na Universidade de Santiago. O documento establece que nos niveis de risco baixo e medio, de conformidade coas disposicións das autoridades sanitarias, a distancia de seguridade interpersoal nas aulas será -con carácter xeral- de 1,2 metros. No caso de bancadas fixas enténdese cumprida esa distancia deixando un posto intermedio baleiro, sempre que as características das instalacións e da ventilación o posibiliten. Porén, poderá manterse a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros se a redución non supón un incremento substancial da presencialidade dos grupos nas aulas ou implica unha alteración que prexudique a organización académica aprobada para o curso.

Imaxe de arquivo dunha aula na Facultade de Filoloxía da USC © Santi Alvite - USC

Nos niveis de risco alto e máximo a distancia de seguridade interpersoal nas aulas será de 1,5 metros

Iso si, nos niveis de risco alto e máximo, de conformidade coas disposicións das autoridades sanitarias, a distancia de seguridade interpersoal nas aulas será de 1,5 metros.

Moitas das medidas aplicadas durante o pasado curso manteranse neste. Por exemplo, a USC seguirá a distribuír máscaras e continuará a facer énfase na ventilación das aulas e outros espazos. Con todo, elimínanse as limitacións de mobilidade nos centros e rexistros de estudantes nas aulas.

O obxectivo da "presencialidade total" na Universidade de Vigo

As decisións son semellantes nas outras dúas universidades galegas. Xa o pasado mes de xuño a Universidade de Vigo acordou que a actividade docente sería "totalmente presencial" agás naquelas titulacións, cursos ou materias nas que a capacidade dos espazos non a permitan, ou cando as condicións sanitarias por mor da pandemia non a fixese posible. A modalidade mixta ou non presencial quedaría reservada para situacións puntuais e localizadas de curta duración, derivadas de restricións locais ou por gromos nalgunha dependencia universitaria. 

A modalidade mixta ou non presencial quedaría reservada para situacións puntuais e localizadas de curta duración, derivadas de restricións locais ou por gromos nalgunha dependencia universitaria

Esta 'normalidade adaptada' na Universidade de Vigo establece -ao igual que na USC- distancias de 1,2 metros para o mobiliario non fixo e unha ocupación do 50% nas bancadas fixas (deixando un posto intermedio baleiro en todo momento).

De igual xeito, na Universidade da Coruña o curso comeza co obxectivo da “máxima presencialidade" e coa vontade de achegarse o máximo posible á “normalidade”, segundo destacou este venres o reitor Julio Abalde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.