As universidades galegas rematarán o curso nas datas previstas e apostan por unha avaliación "flexible"

Xuntanza do Consello de Goberno da USC, este xoves © USC

O curso universitario rematará nas datas previstas tanto no que atinxe á docencia coma á avaliación do alumnado. Así o anunciou este xoves Manuel Castells, que en rolda de prensa comunicou as recomendacións aprobadas polo Ministerio de Universidades, que fixan "un marco común" para todos os centros do Estado. Castells recomendou tamén que as universidades adapten as fórmulas de avaliación ás "condicións" do alumnado durante o actual estado de alarma provocado pola pandemia de coronavirus. Neste senso, o ministro aposta pola avaliación continua sempre que sexa posible e pola realización de exames online.

Castells recomendou tamén que as universidades adapten as fórmulas de avaliación ás "condicións" do alumnado durante o actual estado de alarma provocado pola pandemia de coronavirus.

Finalmente, Manuel Castells anunciou que o Goberno estuda a posibilidade de que os alumnos e alumnas universitarias non teñan que pagar o vindeiro curso a repetición dunha matrícula nalguna das materias que non puideron superar nesta avaliación. Isto podería facerse no caso de que o estudante solicitase a anulación da matrícula con antelación ao exame da materia e que xustifique a petición nos problemas ocasionados pola actual situación. De aprobarse, non correría tampouco a convocatoria.

As universidades galegas comezaron xa a aplicar eses criterios, nos que xa viñan traballando nas últimas semanas, apostando por concluír o curso nas datas previstas, mantendo tamén os períodos de avaliación previstos, pero apostando por unha avaliación "flexible" e mesmo primando a avaliación continua ou evitando os exames nalgúns casos. O Consello de Goberno da USC aprobou este xoves o acordo polo que se regula o réxime especial da avaliación do curso 2019-2020. E tamén o fixo este mércores a UDC, aprobando as medidas extraordinarias para a finalización do curso académico

Tamén a Uvigo confirmou hai uns días que remataría o curso nas datas previstas

Tamén a Uvigo confirmou hai uns días que remataría o curso nas datas previstas. Esta mesma semana a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, pediulles aos reitores homoxeneidade nos criterios, fórmulas e calendario de avaliación.

Xuntanza do Consello de Goberno da UDC, a través de videoconferencia © UDC

USC

Na Universidade de Santiago as probas non presenciais con proba final telemática celebraranse entre o 1 e o 27 de xuño; mentres que as que non requiran proba final, deberán completarse entre o 15 de maio e o 5 de xuño. As datas posibles de probas da segunda oportunidade serán desde o 1 ata o 22 de xullo. Os Traballos Fin de Grao (TFG) e Fin de Mestrado (TFM) poderán defenderse con carácter xeral dende o 5 ao 24 de xullo e dende o 3 ao 30 de setembro de 2020. Excepcionalmente poderán defenderse ata o 30 de novembro de 2020, cando, por circunstancias xustificadas, o traballo non puidera defenderse dentro do prazo ordinario.

Sempre que resulte posible, a avaliación realizarase a través de procedementos non presenciais baseados na avaliación continua que non esixan a realización de exames ou probas finais. Cando para a avaliación resulte necesaria a realización de probas finais, estas deberán realizarse de xeito non presencial. Asemade, para a súa realización deberá terse en conta se o alumnado dispón de medios adecuados para a súa realización.

UDC

Na Universidade da Coruña o calendario de avaliación será, para a primeira oportunidade do segundo cuadrimestre, entre o 18 de maio e o 19 de xuño. A segunda oportunidade do primeiro e do segundo cuadrimestre será do 29 de xuño até o 24 de xullo. Os centros poden programar a defensa do Traballo de Fin de Grao e Traballo de Fin de Máster ao longo de todo o período académico, e ademais una defensa na segunda quincena de setembro, podendo solicitarse a ampliación dese prazo.

Como norma xeral, débese realizar unha avaliación continua das materias de modo virtual. Non poderán ser obxecto de avaliación os contidos que non teñan sido impartidos en modalidade presencial ou non presencial, e/ou que precisen de materiais, recursos ou bibliografía que non estean accesibles para todo o alumnado. 

 

Críticas de ANEGA

A organización estudantil ANEGA criticaron a aprobación por parte da USC e da UDC das medidas para finalizar o curso académico, con resolucións reitorais "para as que non se tivo en conta a opinión do estudantado". ANEGA pedía poder escoller entre avaliación continua ou única, ou non ser avaliados da materia dada no confinamento e sinala que a liquidación do curso é a opción preferida de forma maioritaria entre o estudantado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.