Belém Tajes chama a recoller restos de redes ciscados nas praias ata xuntar 200 quilómetros de 'liña verde'

Belém Tajes, cos anacos de rede que atou nunha liña de 20 metros ©

"Non hai chapapote nas praias marabillosas da Costa da Morte, hai isto por todas partes", di

A cantante Belém Tajes (Vudú) vén de lanzar un reto viral co obxectivo de limpar de residuos as praias da Costa da Morte e de chamar a atención sobre o estado destes areais. Nun vídeo publicado en youtube, Tajes fai un chamamento a recoller anacos de rede de pesca ata xuntar 200 quilómetros, a distancia que separa Malpica de Fisterra.

"Levo tres días en Camariñas, en casa da avoa, e en dúas tarde de praia xuntei máis de 20 metros de anacos de rede verde. Non hai chapapote nas praias marabillosas da Costa da Morte, hai isto por todas partes", di.

A ex-vocalista de Luar na Lubre chama a compoñer unha "liña verde" e así "chamar a atención para que isto acabe e que deixe de haber nas praias anacos de rede por todas partes: baixo os petóns, na area". "É unha vergonza", conclúe.

A pasada semana anunciouse que 85 barcos pesqueiros galegos ían comezar a recoller os plásticos que atopasen no mar

A pasada semana anunciouse que 85 barcos pesqueiros galegos ían comezar a recoller os plásticos que atopasen no mar, nunha iniciativa que buscar reciclar eses residuos, converténdoos en fío para a súa utilización na produción téxtil. 14 das embarcacións pertencen ao porto da Coruña, 7 ao de Burela, 50 ao de Celeiro e os 14 restantes ao de Corme, sumando un total de 1.380 mariñeiros. De igual xeiro, o instituto BDRI -con sede no Grove- alertou da importante presenza de plásticos nas augas das Rías Baixas, tanto na superficie coma a máis profundidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.