Casa para alugar no rural? Nove concellos ourensáns apostan por poñer no mercado vivendas baleiras

Aldea á venda na Ribeira Sacra, nunha imaxe de arquivo © aldeasabandonadas.com

Taboadela, Boborás, San Xoán de Río, Porqueira, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Esgos e Coles impulsan a iniciativa 

Boborás ten 1.313 vivendas baleiras, segundo o Censo de 2021, o 59% do total. En Coles hai 979, en Esgos 687, en Oímbra 821 e en Taboadela 574, con porcentraxes que se sitúan entre o 40% e o 60% dos inmobles totais en cada concello. Aínda así na práctica resulta difícil alugar ou mercar unha vivenda nestes concellos ou en case calquera outro municipio da Galicia rural. 

Para paliar esta situación e favorecer a posta no mercado de vivendas baleiras, nove concellos ourensáns veñen de impulsar unha iniciativa para poñer no mercado inmobles actualmentes deshabitados. Son Taboadela, Boborás, San Xoán de Río, Porqueira, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Esgos e Coles, que traballan no marco do proxecto Re-habilita Rural Lab.

En primeiro lugar unha empresa realizará un mapeo para localizar as vivendas baleiras existentes en cada concello e, posteriormente, procederá a xeolocalizalas para conformar unha base de datos que poida ser empregada polas persoas interesadas en alugalas ou mercalas

En primeiro lugar, a empresa Eibisa realizará un mapeo para localizar as vivendas baleiras existentes en cada un destes nove concello e, posteriormente, procederá a xeolocalizalas para conformar unha base de datos que poida ser empregada polas persoas interesadas en alugalas ou mercalas.

O proxecto, ademais, ofrecerá asesoramento técnico e xurídico presencial aos propietarios e propietarias dos inmobles, informándoos das axudas públicas existentes para a rehabilitación das vivendas e das garantías existentes para un "alugueiro seguro". Finalmente, os nove concellos promoverán unha bolsa de alugueiro que será destinada de forma preferente a mulleres que queiran arrendar as vivendas. 

Finalmente, os nove concellos promoverán unha bolsa de alugueiro que será destinada de forma preferente a mulleres que queiran arrendar as vivendas

A iniciativa orixínase no proxecto Ourense Rural es Vida, que se presentou ao Ministerio de Transición Ecolóxica no ano 2022 co obxectivo de frear o despoboamento nas zonas rurais da provincia. Dende entón, o Goberno do Estado vén apoiando economicamente distintas actividades realizadas no marco do proxecto. Así, por exemplo, o pasado ano achegou 261.000 euros a Re-Habilita Rural Lab.

O proxecto, que tamén ten entre os seus obxectivos a recuperación do patrimonio construído e a rehabilización de aldeas e vilas, está coordinado pola consultora Eva Castro. O plan está liderado polo Concello de Taboadela, pero execútase dende o de Boborás, onde se sitúan as súas oficinas.

Presentación do proxecto Re-Habilita Rural Lab, o pasado ano. ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.