Case 33.000 persoas participaron xa no ensaio clínico da vacina contra o virus sincitial

Unha muller recibe unha vacina nun centro sanitario de Galicia CC-BY-SA Xunta

Desde o día antes de Reis e ata o 11 de xaneiro, en Galicia rexistráronse 45 ingresos de persoas maiores de 60 anos por mor do virus respiratorio sincitial (VRS), unha doenza cuxa taxa de positividade situouse no 8% tras aumentar cinco puntos en só un mes. 

Aínda que asociado aos bebés por ser a causa principal de bronquiolite e ingresos por infección, o virus sincitial ten importante impacto nas persoas de máis de 60 anos

O VRS é asociado desde hai tempo á infancia e sobre todo aso bebés por ser a causa principal da bronquiolite e dos ingresos de orixe infecciosa en menores de un ano, de aí que en Galicia os neonatos sexan vacinados nos hospitais ao nacer, alcanzándose unha cobertura de inmunización fronte ao virus que rolda o 95%. 

Pero o VRS está a ter un impacto tamén moi importante nas persoas adultas. Os datos indican que este virus é un dos principais causantes das hospitalizacións por infección respiratoria en maiores de idade, principalmente entre os que superan os 60 anos. A onda epidémica de cada ano, a partir do limiar do 3% de positividade, provoca importantes problemas, cunha carga de enfermidade que nalgúns casos pode ser comparable á gripe. 

Unha enfermeira atende un bebé nun centro sanitario galego CC-BY-SA Xunta

De feito, en persoas maiores de 60 ou 65 anos chega a provocar pneumonía, reagudizacións en doenzas pulmonares, descompensacións cardíacas e ingresos na UCI, con especial incidencia en aquelas con patoloxías respiratorias crónicas, febleza inmunolóxica ou cardiopatías. E un exceso de mortalidade estacional que non é de todo tido en conta. 

Este impacto é o que leva a que as autoridades sanitarias busquen a maneira de mellorar as estratexias de inmunización. De aí que a Consellería de Sanidade activase a principios de decembro o Sincigal, un ensaio clínico que ten como obxectivo "avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega mediante a vacinación fronte ao VRS". Un estudo que avalía na vida real a vacina, que xa está autorizada e comercializada aínda que non aínda incluída no calendario de vacinación das persoas adultas. 

Aínda que nun principio o estudo voluntario estaba dirixido só a maiores de 60, ampliouse logo á poboación adulta. De aí tamén que o Sergas fixese un chamamento para unha campaña extraordinaria esta fin de semana nos 14 hospitais públicos de Galicia, na que participaron case 10.500 persoas (10.442) o sábado e o domingo, formándose ringleiras en practicamente todos os espazos habilitados. 

A campaña extraordinaria do ensaio clínico Sincigal desta fin de semana convocou case 10.500 persoas e supera as 32.600 desde que se puxo en marcha

Sumada esta cifra ás persoas que xa colaboraran antes no ensaio clínico, o número total de participantes en Sincigal supera xa as 32.600, segundo os últimos datos facilitados polo Sergas este luns. Participaron nun estudo voluntario e aleatorizado, onde cada persoa ten un 50% de probabilidades de recibir a vacina e un 50% de formar parte do grupo control. 

A colaboración no ensaio non require de visitas de seguimento presenciais xa que o control faise de xeito telemático a través da historia clínica electrónica e dos sistemas de vixilancia epidemiolóxica ata maio de 2028. 

O conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, no inicio dunha campaña de vacinación CC-BY-SA Xunta

Por áreas sanitarias

En total, por área sanitaria, foron recrutadas máis de 8.000 persoas da área sanitaria da Coruña e Cee (case 7.500 do distrito coruñés e preto de 600 do de Cee); case de 2.500 da área de Ferrol; máis de 4.200 de Santiago de Compostela e Barbanza (aproximadamente 3.700 do distrito santiagués e 504 de Barbanza); máis de 5.100 de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos (máis de 3.900 de Lugo, preto de 750 da Mariña e case 480 de Monforte); superan os 5.100 participantes en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (case 4.300 do distrito ourensán, preto de 460 do de Verín e case 400 do Barco); máis de 3.200 de Vigo; e preto de 4.400 de Pontevedra e O Salnés (preto de 3.200 de Pontevedra e máis de 1.200 do Salnés).

Por grupos de idade, participaron ata agora 1.690 persoas de 18 a 40 anos; 2.370 de 41 a 50; 5.753 de 51 a 60 anos; 13.277 de 61 a 70 anos; 6.743 de 71 a 80; 2.411 de 81 a 90 anos; e 373 maiores de 90.

O conselleiro de Sanidade manifestou o seu "orgullo" pola resposta dos galegos e galegas, dos que gabou o seu "compromiso e solidariedade"

O pasado domingo, ao valorar a participación na campaña extraordinaria, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, gabouse das resposta da cidadanía. "É un orgullo comprobar unha vez máis como as galegas e galegos responden aos chamamentos da saúde pública", dixo, tras eloxiar o "compromiso e solidariedade" da poboación. 

O ensaio clínico continúa, ademais, xa que as persoas que queiran participar tamén poden facelo acudindo sen cita previa nos puntos habilitados nos hospitais, en distintos horarios, de luns a venres. Ademais, ata o vindeiro 31 de xaneiro estarán activos os máis de 130 centros de saúde participantes, que se poden consultar nesta ligazón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.