Case 400 persoas de menos de 40 anos ingresaron nos hospitais galegos con COVID no último mes

Porta de entrada a un centro sanitario galego © Xunta

A quinta vaga da pandemia está a remitir en Galicia, despois de ter acadado o seu pico de casos positivos detectados nos últimos días de xullo. A incidencia acumulada medrou con gran rapidez, chegando a situarse en niveis moi próximos aos máximos acadados durante a tercera onda, o pasado mes de xaneiro. Grazas á vacinación, o gran número de contaxios deste verán non se traduciron nunha cifra de mortes e ingresos hospitalarios semellante á daquela vaga. Porén, máis de 80 persoas morreron con COVID en Galicia durante o último mes. Ademais, unha gran cantidade de persoas tivo que ser ingresada nos hospitais nas últimas semanas.

As persoas de menos de 40 anos suman a gran maioría dos positivos, 23.537 dos 33.859 totais, o 69% do total

Estas son as cifras da quinta vaga da pandemia en Galicia, segundo a estatística detallada que ofrece o Instituto de Saúde Carlos III: durante o último mes, entre o 17 de xullo e o 17 de agosto, detectáronse case 34 mil positivos. Deles, 1.236 necesitaron ser ingresados nos hospitais e os máis graves, 145, chegaron ás UCI. En total, no último mes morreron 87 persoas con COVID en Galicia, 81 deles neste período do 17 de xullo ao 17 de agosto.

Un total de 394 persoas de menos de 40 anos tiveron que ser ingresadas nos hospitais galegos nos últimos 30 días despois de ter enfermado coa COVID. Representan case un terzo do total

Unha das cuestións que diferenciou esta vaga das anteriores, foi a forma en que a COVID afectou ás xeracións máis novas, en parte por ser os grupos de idade menos protexidos polas vacinas. As persoas de menos de 40 anos suman a gran maioría dos positivos, 23.537 dos 33.859 totais, o 69% do total.

Pero, ademais, rexistrouse un gran número de ingresos hospitalarios de persoas novas, explicable tanto por este gran número de contaxios como polo feito de que as persoas de máis idade, protexidas pola vacina, evitaron as máis das veces os peores efectos da enfermidade. Un total de 394 persoas de menos de 40 anos tiveron que ser ingresadas nos hospitais galegos nos últimos 30 días despois de ter enfermado coa COVID. Representan case un terzo do total. Entre eles houbo 16 nenos e nenas de menos de dez anos e 42 mozos e mozas entre 10 e 19 anos. Ademais, 160 persoas entre 20 e 29 anos e 176 entre 30 e 39 anos.

37 persoas de menos de 40 anos pasaron polas UCI no último mes

Mesmo nos casos máis graves que necesitaron do ingreso do paciente nas UCI atopamos un número importante de persoas novas. En total, 37 persoas de menos de 40 anos pasaron polas UCI no último mes, máis do 25% do total, ás que hai que sumar outras 21 persoas entre 40 e 49 anos. A estatística revela que mesmo pasaron polas UCI catro mozos e mozas de menos de 20 anos e outras 15 persoas entre 20 e 29 anos.

Pasaron polas UCI catro mozos e mozas de menos de 20 anos e outras 15 persoas entre 20 e 29 anos

A gráfica anterior amosa a evolución do número diario de ingresos de pacientes COVID nos hospitais galegos e nas UCI. O maior número de ingresos tivo lugar na segunda quincena de xullo, pero o certo é que a cifra total de camas ocupadas mantense en cifras elevadas aínda nos últimos días, case un mes despois, unha mostra da longa duración dos efectos da enfermidade, que obriga a estender as estadías hospitalarias.

En canto aos ingresos nas UCI, a xornada cun maior número de entradas tivo lugar o 2 de agosto (11), pero foron varios os días con 8, 9 e mesmo 10 ingresos diarios. Aínda o pasado sábado 14 e o luns 16 oito persoas tiveron que ser enviadas ás UCI polo agravamento da enfermidade.

O número de contaxios rexistrados entre os mozos e mozas entre 12 e 29 anos en Galicia chegou a situarse durante esta quinta onda da pandemia entre os máis elevados de todo o Estado. Especialmente entre os mozos e mozas entre 20 e 29 anos, nos que a incidencia acumulada chegou a acadar os 2.600 casos por cada 100.000 persoas, é dicir, un de cada 25. E tamén entre os e as adolescentes entre 12 e 19 anos, cunha IA que chegou a ser de 2.266 casos por cada 100.000 persoas.

O número de contaxios rexistrados entre os mozos e mozas entre 12 e 29 anos en Galicia chegou a situarse durante esta quinta onda da pandemia entre os máis elevados de todo o Estado

Dende finais de xullo, a incidencia nestes grupos vén reducíndose rapidamente, e tamén o fixo entre os e as menores de 11 anos e no grupo de 30 a 39 anos. Pola contra, nestas tres últimas semanas, o número de contaxios vén medrando nos grupos de máis idade e polo tanto máis vulnerables, que durante o comezo do verán se mantiveran en nives moi reducidos de incidencia. Especialmente preocupante é o incremento do número de positivos detectados entre as persoas de 80 anos ou máis.

En concreto, mentres que a incidencia xeral en Galicia se reduciu dende os máis de 650 casos por cada 100.000 habitantes a finais de xullo ata os actuais 407 casos por cada 100.000 habitantes, entre as persoas maiores de 80 anos aumentou dende os 118 casos por cada mil habitantes do 25 de xullo ata os 245 actuais

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.