Citas dentro de 12 días para o médico de familia en Baiona por non substituíren persoal ausente

Cita de atención primaria para dentro de 12 días no Centro de Saúde de Baiona CC-BY-SA Praza Pública

O Sergas acusou de alarmista ao alcalde, do PSOE, cando denunciou hai unha semana que as consultas demoraban dez días, pero agora tardan aínda máis

A falta de profesionais está a provocar problemas en todo tipo de centros de saúde. No rural, porque a reducida poboación fai que o Sergas reduza á súa vez a súa oferta de servizos argumentando que non hai demanda ou que esta pode ser cuberta noutras vilas próximas. Nas cidades, porque aumentos puntuais do volume de consultas non sempre poden ser atendidos con reforzos dos servizos. Pero tamén as vilas intermedias, como Baiona, na área metropolitana de Vigo, onde vive e foi alcalde o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, están a sufrir problemas. Como recibir cita para unha consulta de atención primaria doce días máis tarde. 

A falta de profesionais e a consecuente demora na atención non é un problema novo en Baiona senón que vén empeorando nos últimos anos. Tras o cambio de goberno das pasadas eleccións municipais, o novo rexedor, o socialista Carlos Gómez, vén denunciándoo de xeito recorrente. Cando o fixo a pasada semana porque a espera para ser atendido acadaba os dez días, a resposta que deu o Sergas, segundo Faro de Vigo, foi que estaba a xerar “alarma na poboación”. Este mércores a espera xa era de doce días sen que este diario puidese obter unha resposta directa do Sergas. 

Varios carteis explican que os problemas durarán “meses” xa que “parte do persoal ausente non será substituído”

A explicación que da o persoal do propio centro de saúde aos doentes é que ás vacacións de varios profesionais nas pasadas semanas engádense tamén baixas e que o Sergas non cubre esas ausencias ou faino menos días. Isto é, se a doutora titular que atende aos seus pacientes de luns a venres casa baixa, a substitución que se lle dá é só durante un par de días á semana. 

Cartel na porta do Centro de Saúde de Baiona CC-BY-SA Praza Pública

E a situación non é puntual. Ás portas do centro, varios carteis explican que os problemas durarán “meses” xa que “parte do persoal deste centro estará ausente, non será substituído”. Os carteis piden a “colaboración” dos doentes “para un uso responsable das consultas”.

O PP deita a responsabilidade no Goberno cenral por non permitirlle contratar máis profesionais

Este mesmo mércores, no Parlamento de Galicia, nun debate sobre as eivas da atención sanitaria, o PP volvía deitar a responsabilidade da falta de persoal sobre o Goberno central, esixindo que lle permita contratar máis profesionais que a actual taxa de reposición. Pero esa taxa de reposición que limitou a substitución dos profesionais que se van xubilando dificultando que as comunidades autónomas poidan aumentar os seus cadros brutos de persoal foi precisamente restrinxida polo Goberno central do PP durante a crise. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.