Concellos galegos detectan "preparativos en segundas residencias" para Semana Santa e piden que o Estado free as viaxes

Control da Garda Civil polo estado de alarma na contorna da praia da Lanzada, no Grove CC-BY-SA M. González

A decisión do Goberno de España de impoñer un confinamento reforzado na segunda fase do estado de alarma estivo intimamente relacionada co feito de que vaia comezar a Semana Santa, con varias xornadas festivas que, argumentou Pedro Sánchez, permitirían reducir a actividade laboral a niveis da fin de semana e, deste xeito, impulsar o freo do contaxio do coronavirus. Non obstante, os días previos á Pascua son tamén xornadas que tradicionalmente implican desprazamentos vacacionais e, malia ás advertencias e as sancións que trae consigo transgredir o confinamento, en concellos turísticos galegos temen que esas viaxes cheguen a producirse.

Concellos galegos alertaron á Fegamp tras "constataren a vontade de traslado por parte de propietarios de segundas residencias" e a entidade municipalista pediu máis controis ao Goberno central e "responsabilidade" á cidadanía

Así o trasladaron "varios concellos" nos últimos ías á Federación Galega de Municipios e Provincias. Concretamente, explica a asociación municipalista, varios gobernos locais alertaron de que "están percibindo preparativos en segundas residencias" e nalgúns casos, "trátase de máis que sospeitas". Nos consistorios, afirma a Fegamp, existe a "constatación da vontade de traslado por parte dos propietarios das vivendas".

Nesta situación, explica a entidade que agrupa os concellos e deputacións, existe "preocupación" nos goberno slocais polas "posibles consecuencias sanitarias" que traerían consigo esas viaxes e por iso a Fegamp vén de pedir axuda ao Estado. Concretamente, a institución que preside o vilagarcián Alberto Varela trasladou a alerta á Delegación do Goberno central en Galicia para frear eses desprazamentos.

"A Fegamp solicita ás autoridades competentes", o Goberno central por mor do estado de alarma, "que reforcen os controis e apela á responsabilidade e á colaboración cidadá para que se respecten as medidas de contención da enfermidade". Para facelo, lembra nun comunicado, é preciso "gardar a corentena e evitar desprazamentos innecesarios".

Vehículo interceptado pola Garda Civil na A-6 á altura de Outeiro de Rei quebrantando o estado de alarma © Imaxe divulgada pola Garda Civil

Interceptada en Outeiro de Rei rumbo á costa

Cadrando con esta advertencia dos concellos, a Garda Civil informaba este venres de que viña de "interceptar" unha condutora na autovía A-6 na contorna do seu quilómetro 507, á altura do concello lucense de Outeiro de Rei. Segundo o Instituto Armado, axentes que realizaban un control "de cumprimento das restricións" polo estado de alarma "observaron como en dirección á Coruña circulaba un turismo" cheo de "bolsas e outros enseres" nos asentos dos pasaxeiros.

O vehículo ía cheo de obxectos que supuñan "un grave risco para a seguridade viaria" e para a propia condutora, que recibiu dúas denuncias

Os axentes, que se atopaban nos carrís con sentido a Lugo, dispuxéronse a alcanzalo ata lograren facelo no quilómetro 517, xa no concello de Begonte. Alí, aseguran, comprobaron que a cantidade de obxectos no vehículo supuña "un grave risco para a seguridade viaria" e "comprometía a integridade da condutora". Durante a inspección, agregan, "tiveron coñecemento da súa intención de desprazarse á costa galega procedente do centro da Península, viaxe para o que adquirira o automóbil".

Por estes feitos, o episodio deu lugar a dúas denuncias, unha pola infracción viaria da gran cantidade de equipaxe fóra dos lugares permitidos dentro do coche e outra, por quebrantar o confinamento. A carga do automóbil, especifican, foi "transvasada a outro vehículo para que ambos puidesen circular" con seguridade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.