Condenado coa agravante de discriminación por orientación sexual un home que tocou os peitos a unha muller

CC-BY-SA Rob Maxwell / Unsplash

O xuíz ve probado que o agresor intuíu "que a orientación" da agredida e da súa parella coa que paseaba "era homosexual" e exteriorizou "a aversión persoal que sentía cara a quen se identifica como tal"

A Sección Penal do Tribunal de Instancia da Coruña, praza 3, vén de aplicar a agravante de discriminación por orientación sexual a un condenado a un ano de cadea e ao pago dunha multa de 240 euros por ameazar e tocar os peitos a unha muller que paseaba coa súa compañeira sentimental e uns cans polo Parque Europa. 

O maxistrado entende probado que o 23 de novembro de 2024, arredor das 20 horas, a vítima e a súa parella atopábanse camiñando polo parque en compañía duns cans cando, ao pasar preto dun grupo de tres persoas que estaban sentadas nun banco e bebendo cervexa, unha delas -o acusado- increpounas por levar alí aos animais. 

Símbolo da xustiza nun xulgado galego CC-BY-SA Praza Pública

"Progresivamente enfurecido con elas, e coas súas facultades diminuídas polos efectos do alcol que estaba a inxerir, díxolles que as ía a apuñalar, tanto a elas como aos seus cans", destaca o xuíz no fallo, no que considera acreditado que intuíu, "polo aspecto ou o comportamento que entre si despregaban as dúas mulleres que a orientación de ambas era homosexual, polo que, exteriorizando a aversión persoal que sentía cara a quen se identifica como tal, achegouse á primeira e agarroulle os peitos coas súas mans", á vez que a empuxaba e profería expresións homófobas. 

Na sentenza, explica que a versión do acusado foi desvirtuada pola coherencia dos testemuños da vítima e da súa compañeira sentimental e pola falta de credibilidade da testemuña favorable ao sospeitoso. 

Desta forma, cualifica os feitos como un delito leve de ameazas, polo que lle impón o pago dunha multa de 240 euros, e outro de agresión sexual, polo que o condena a un ano de prisión. O maxistrado, que aplica a atenuante de embriaguez e a agravante de cometer o delito por motivo de discriminación referente á orientación ou identidade sexual da vítima, tamén lle impón a prohibición de comunicarse e aproximarse a menos de 300 metros da afectada durante tres anos, así como o pago dunha indemnización de 3.000 euros á vítima polo dano moral causado. 

A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.