"Defendíase que a privatización melloraba a prestación de servizos. Estamos tentando darlle a volta a ese discurso"

Campaña de promoción do operador público de enerxía de Barcelona © Barcelona Energia

Lluís Basteiro foi ata o mes de setembro xefe de gabinete da Concellaría de Presidencia, Auga e Enerxía de Barcelona, que levou a cabo varias apostas de municipalización e remunicipalización de servizos básicos, entre elas unha pioneira empresa pública de enerxía, que botou a andar a comezos deste ano 2019. Cádiz, Pamplona ou Palma de Mallorca tamén se atopan en procesos para contar con este tipo de compañías municipais que, por exemplo na capital catalá, permitiu ao Concello non depender xa das grandes empresas do sector.

Basteiro estivo na Coruña, onde este martes ofreceu unha charla no centro cívico da Cidade Vella, nun acto organizado pola Marea Atlántica, para explicar os resultados e o desenvolvemento deste proxecto. O acordo programático asinado o pasado mes de xullo entre a Marea a o PSdeG-PSOE incluía o obxectivo de "iniciar os trámites no ano 2019 para a posta en marcha, a través de EMALCSA, dun operador enerxético 100% público". Falamos con el.

Que vantaxes ofrece unha empresa municipal de enerxía, tanto para a cidadanía coma para o propio Concello?

"Ao Concello achégalle autonomía e supón un aforro de medio millón de euros ao ano"

Son dous públicos moi diferentes. En primeiro lugar ao Concello achégalle soberanía e autonomía, porque ti pasas a ser o teu propio provedor de enerxía, sen depender das grandes eléctricas. Ten en conta que un contrato eléctrico como o da cidade de Barcelona, duns 35 millóns de euros anuais, só está ao alcance das grandes compañías, e non das pequenas ou medianas. E, ademais, supón un aforro. Non falamos de grandes cifras, pero o aforro rolda o medio millón de euros ao ano.

En segundo lugar, á cidadanía a empresa metropolitana de enerxía non lle ofrece un mellor prezo, pero si un mellor servizo. Este mellor servizo implica tamén un aforro para o usuario, porque entre outras cousas realizamos estudos sobre a potencia contratada polos usuarios e aconsellámoslles que a reduzan, se é excesiva. Iso supón un aforro de 70 euros anuais por familia. Somos unha eléctrica á que lle interesa que os seus clientes consuman o mínimo posible, ao contrario das grandes compañías.

Pode ser tamén importante para combater a pobreza enerxética?

"Somos unha eléctrica á que lle interesa que os seus clientes consuman o mínimo posible, ao contrario das grandes compañías"

Afortunadamente, en Cataluña existe unha lei, que non existe no resto do Estado, a lei 24/2015, que obriga ás compañías eléctricas a corresponsabilizarse do subministro ás familias vulnerables. É dicir, que entre a Generalitat e as eléctricas deben compartir o esforzo de evitar os cortes de luz, asumindo cada un unha parte da débeda. O problema é que ese acordo entre a Generalitat e as eléctricas non se está cumprindo, e sobre todo as grandes eléctricas non se queren facer cargo. Barcelona Energia si que está pechando este acordo co Goberno catalán que permitirá ofrecer unha tarifa social, ademais de evitar os cortes.

O actual marco legal favorece a unha empresa pública como Barcelona Energia ou, pola contra, engade máis obstáculos?

O acordo programático asinado entre a Marea a o PSdeG-PSOE incluía o obxectivo de "iniciar os trámites no ano 2019 para a posta en marcha, a través de EMALCSA, dun operador enerxético 100% público"

O sector eléctrico, na súa parte de comercialización, está liberalizado. Isto implica que as eléctricas públicas teñen que saír a xogar ao mercado coas mesmas regras que as compañías privadas. É dicir, non gozamos de ningún beneficio. Ao revés, temos que evitar que haxa axudas públicas, ademais doutros condicionantes. O máis importante é un límite do 20% para o número de contratos privados. Para que unha compañía eléctrica municipal poida prover de enerxía a esa administración como un ente propio sen pasar por unha licitación aberta, non pode superar ese 20% de volume de negocio procedente de clientes privados, porque de superalo deixaría de ser considerado como un ente propio. Agora mesmo temos un teito de 20.000 familias que non podemos superar.

Labor de asesoramento levado a cabo pola compañía © Barcelona Energia

Cal foi a recepción da empresa a nivel político na cidade?

A empresa foi sorprendentemente ben acollida no pleno municipal, pois o apoio foi case unánime, unicamente coa abstención do PP. Digo que foi sorprendente porque o sector eléctrico é a gran porta xiratoria da clase política no Estado español. Pero non foi un tema conflitivo; de feito, foi moito máis conflitiva a creación dunha empresa funeraria municipal ou a futura empresa pública da auga. Iso si que levantou grandes tensións políticas. Todo isto dános confianza de cara ao futuro, de xeito que a empresa de enerxía poderá continuar independentemente da cor política que goberne a cidade de Barcelona.

Son numerosas as localidades que contan con empresas municipais de subministro de auga, comenzando pola Coruña e a súa área metropolitana, pero non é habitual que isto suceda na enerxía. A presión das grandes empresas do sector é maior? É un tema tabú polo de agora?

"Non hai moitas cidades no Estado que teñan procesos en marcha para crear empresas públicas de enerxía. Esperamos que o exemplo de Barcelona anime a moitas outras localidades a dar este paso"

A xente parece ter unha memoria curta e esquece que a produción e o subministro eléctrico ata hai non tanto estaba no campo público, ata que chegou a privatización. É certo que non hai moitas cidades no Estado que teñan procesos en marcha para crear empresas públicas de enerxía. Cádiz xa tiña a súa empresa mixta, Pamplona tamén se está comezando a animar, tamén se está movendo a cousa en Palma de Mallorca..., pero non son moitas. Esperamos que isto sexa unha tendencia á alza e que o exemplo de Barcelona anime a moitas outras localidades a dar este paso.

De que xeito se relaciona Barcelona Energia con cooperativas eléctricas como Som Energia e outras? Son iniciativas complementarias? Ocupan o mesmo espazo? Hai unha retroalimentación positiva?

"Dende logo Barcelona Energia non veu para facer a competencia a Som Energia e outras cooperativas"

É unha pregunta recorrente, pero dende logo Barcelona Energia non veu para facer a competencia a Som Energia e outras cooperativas. Son proxectos complementarios e de feito cando facemos promoción sempre pedimos que a xente que está nunha cooperativa siga nas cooperativas. O que buscamos é que a xente que está en empresas do oligopolio eléctrico as vaia abandonando. Hai que ter en conta, ademais, que temos ese teito que comentei anteriormente de 20.000 usuarios, polo que non imos a buscar ese tipo de perfil que xa fixo o movemento cara ás cooperativas.

O Goberno municipal de Barcelona fixo un grande esforzo nos últimos catro anos e medio en procesos de municipalización e remunicipalización dun gran número de servizos. O obxectivo que enmarca todas estas iniciativas é unha mellora do servizo que recibe a cidadanía? Dende o público se xestiona mellor?

"Durante anos houbera un discurso que defendía que a privatización melloraba a prestación de servizos. Dende o Goberno de Barcelona e outras cidades estamos tentando combater ese discurso, darlle a volta"

Efectivamente, se reducísemos estas apostas a un obxectivo ideolóxico estariamos ocultando o que é o verdadeiro obxectivo destas iniciativas: mellorar a calidade do servizo que recibe a cidadanía. Ou, por exemplo, mellorar as condicións laborais do persoal. Hai, ademais, servizos que son estratéxicos e teñen que estar en mans dun Concello, e polo tanto é responsabilidade dun Goberno municipal remunicipalizalos se é que estaban privatizados. Pasou en Barcelona co servizo de atención a vítimas de violencia machista, que estaba externalizado.

Durante anos houbera un discurso que defendía que a privatización melloraba a prestación de servizos. E dende o Goberno de Barcelona e outras cidades estamos tentando combater ese discurso, darlle a volta. En Barcelona a xente está a valorar de forma moi positiva os servizos públicos e a súa prestación e iso axudou a que non atopásemos grandes oposicións aos procesos de remunicipalización.

Barcelona Energia comezou a operar en febreiro deste ano 2019 © Barcelona Energia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.