A Audiencia de Ourense condena aos dous xestores dunha canteira de Valdeorras que arrasou terreos de varias comunidades de montes
A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condena a seis meses de prisión a dous responsables dunha empresa por explotar sen autorización a canteira de San Valentín, en Casaio, no concello de Carballeda de Valdeorras, entre 2017 e 2018. Os traballos provocaron danos nos terreos e na vexetación de varias comunidades de montes veciñais. A sentenza condena tamén á sociedade da que formaban parte ao pagamento dunha multa de 10.800 euros.
Os dous condenados, para os que a Fiscalía pedía seis anos de cadea, víronse beneficiados da "atenuante moi cualificada" de dilacións indebidas ao celebrarse o xuízo nove anos despois do inicio da instrución xudicial.
Segundo recolle a sentenza, os acusados, pai e fillo, retomaron a extracción de lousa na canteira de San Valentín a mediados de 2017. O pai, un dos herdeiros do anterior titular da concesión mineira e administrador único da empresa, exercía o control efectivo da explotación, mentres que o seu fillo asumía funcións de xestión e dirección dos traballos sobre o terreo. A actividade desenvolvíase malia que a concesión caducara en maio de 2013 e a empresa non obtivera a prórroga necesaria para continuar coa explotación, indican os maxistrados na resolución.
Os traballos realizáronse "sen autorización administrativa, sen un plan de labores aprobado nin declaración de impacto ambiental, e sen autorización para depositar os residuos da explotación".
Nos feitos probados tamén se explica que os acusados realizaron extraccións de lousa e movementos de terras que afectaron a máis de 25 hectáreas dos montes veciñais de Casaio e Lardeira, Serra do Eixe e Riodolas. Os danos incluíron "a eliminación da cuberta vexetal, alteracións xeomorfolóxicas do terreo, acumulación de po sobre a vexetación e contaminación por verteduras".
A Audiencia considera que a explotación da canteira sen as autorizacións necesarias constitúe un delito contra o medio ambiente, ao entender que os traballos podían causar danos substanciais no solo e na vexetación. Porén, non aprecia o tipo agravado, xa que non considera probado que a actividade puidese prexudicar gravemente o equilibrio dos sistemas naturais. Á hora de fixar as penas, o tribunal ten en conta a duración do procedemento, que se prolongou durante case nove anos, e aplica aos dous acusados a atenuante moi cualificada de dilacións indebidas.
Por outra banda, Fiscalía estimara que a reparación dos danos causados en máis dun cento de hectáreas tería un custo de máis de 4,7 millóns de euros, pero a sentenza remite esa cifra ao que se calcule en fase de execución de sentenza.
A sentenza, en todo caso, non é firme, xa que cabe interpoñer recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).