Educación abrirá a inscrición na oposición adiada tras o estado de alarma e a CIG teme "manobras" coas prazas

Unha profesora, nun instituto galego © Xunta

A menos de dous meses de que se celebrasen e máis dun mes despois da declaración do estado de alarma pola crise do coronavirus, a Xunta anunciou o aprazamento das oposicións de docentes previstas para o 20 de xuño ao vindeiro ano, 2021

No anuncio e na posterior nota de prensa, a Consellería de Educación advertiu que a Xunta matería o prazo de inscrición, que se iniciaría en canto remate o estado de alarma, e sinalou o Executivo de Pedro Sánchez. "Ante os anuncios do Goberno central de posibles recortes, Carmen Pomar anunciou que blindará as prazas ofertadas para os actuais aspirantes activando as inscricións en canto se levante a suspensión dos prazos administrativos”, di a Xunta. 

A Xunta anunciou que mantería o prazo de inscrición "ante os anuncios do Goberno central de posibles recortes" e a CIG di descoñecer eses anuncios

Nesta frase, e na ambigüidade do anuncio, hai tamén "letra pequena", como denuncia CIG-Ensino, sindicato maioritario na educación en Galicia, que pide que se "aclaren" varias cuestións tras o anuncio da Consellería, que teme que sexa unha "manobra" para non incrementar nas oposicións de 2021 todas as prazas de reposición de efectivos e de necesidades estruturais necesarias.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, nunha intervención no Parlamento CC-BY-SA Xunta de Galicia

Así, a CIG asegura que "descoñece" que se teña producido por parte do Goberno central ningún tipo de declaración sobre a aplicación de recortes no ensino público e insta a Xunta a indicarlle cales son e a comprometerse a non secundalos. "Sería toda unha novidade e conversión nunha administración, a de Feijóo, responsábel dos maiores recortes no ensino público e nos dereitos do profesorado", lembra.

Respecto do mantemento do prazo de inscrición nas oposicións, a CIG advirte de que iso non é o que pode blindar a súa celebración en 2021, senón a propia Lei de emprego publico de Galicia e o Decreto de Oferta Público de Emprego, que aclaran que  "a execución da oferta de emprego público débese desenvolver dentro do prazo improrrogable de tres anos, contado a partir do día seguinte ao da publicación daquela no correspondente diario oficial”.

Ademais, o sindicato adivrte de que non hai aínda "actuais aspirantes" xa que o prazo de inscrición aínda non se chegou a abrir, polo que a Consellería "debe modificar a orde da oposición ou publiciar unha nova na que se modifiquen os prazos" e, ademais, "deben negociala previamente na Mesa Sectorial". 

A CIG teme que o mantemento das prazas sexa unha "manobra" da Xunta para non incrementar en 2021 todas as prazas de reposición e de necesidades estruturais

A CIG "desconfía" da intención da Xunta e teme que "detrás desta manobra se agoche a decisión de non incrementar nas oposicións de 2021 todas as prazas de reposición de efectivos e de necesidades estruturais necesarias". "É fundamental que se recolla nunha orde publicada no DOG a decisión de manter a repartición actual de prazas por especialidades e que a estas se lle engadan as necesarias do curso que vén", di o sindicato, que cre que "só se existe unha garantía por parte da Xunta de que a oferta pública de emprego do 2021 se vai acumular á do 2020 e se celebrarán conxuntamente pode ser unha medida válida a anunciada pola Consellaría", 

Con todo, considera a CIG que "o máis práctico" é que haxa "un único prazo de matrícula no 2021 e unha única orde de convocatoria, tamén no 2021, na que se recollan todas as prazas de 2020 exactamente nas mesmas condicións nas que se ofertaron".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.