"En castellano si quieres que te responda": a Seguridade Social enfróntase a unha posible multa por non permitir o uso do galego

Sede da dirección provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) en Lugo © Ambitare

Os avogados lucenses Miguel Vieito e Cristina Fernández veñen de presentar unha reclamación contra o Instituto Nacional da Seguridade Social acolléndose á recente Lei Integral de Igualdade de Tratamento e non Discriminación

"Si puede ser en castellano, mejor". Esa foi a resposta dunha traballadora do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) en Lugo durante unha consulta sobre un expediente realizada recentemente pola avogada Cristina Fernández Lago, do despacho lucense Miguel Vieito - Avogado. A empregada pública interrompera a consulta cun "ton ameazante", segundo a avogada, e negouse a continuar coa consulta se esta non se realizaba en castelán.

Días despois, foi o avogado Miguel Vieito quen chamou á mesma Delegación Provincial do INSS, empregando tamén a lingua galega e recibindo unha resposta mesmo máis "extrema", segundo Vieito, que sinala que foi interrompido cun “me tienes que hablar castellano si quieres que te responda. Aquí somos todos castellano-parlantes”. 

Miguel Vieito, avogado © Miguel Vieito

“As Administracións públicas con sede no país teñen obriga de dispensar un tratamento na lingua escollida polos administrados; neste caso, o galego”, destacan os dous avogados

Miguel Vieito e Cristina Fernández veñen de presentar unha reclamación contra o Instituto Nacional da Seguridade Social acolléndose á recente Lei Integral de Igualdade de Tratamento e non Discriminación, en vigor dende hai dous anos, que busca protexer a cidadanía contra todo tipo de discriminación, tamén por razón de lingua. 

“As Administracións públicas con sede no país teñen obriga de dispensar un tratamento na lingua escollida polos administrados; neste caso, o galego”, destacan os dous avogados, que na súa reclamación solicitan unha sanción pola realización de condutas discriminatorias graves, para as que a lei prevé multas de ata 50.000 euros. A reclamación xa foi rexistrada e está pendente de estudo. Sería a primeira vez, destacan, que se utiliza esta lei para evitar unha situación como esta.

En dúas ocasións unha traballadora da delegación provincial negouse a atendelos en galegos empregando, ademais, un ton "ameazante"

Vieito e Fernández subliñan que “a actitude e o desprezo co que fomos tratados foi totalmente inaceptábel" e amosan a súa sorpresa por ter sufrido esta situación no INSS pois "en chamadas previas á mesma Delegación, a experiencia foi totalmente oposta". Os avogados non se explican "tal nivel de hostilidade, represalias e agresividade só por falaren na súa lingua" mais engaden que "por desgraza, non se trata dun feito illado, senón no día a día das persoas galegofalantes”. 

Formulario da Seguridade Social © Bremenianos

Os avogados non se explican "tal nivel de hostilidade, represalias e agresividade só por falaren na súa lingua" mais engaden que "por desgraza, non se trata dun feito illado, senón no día a día das persoas galegofalantes”

A Mesa pola Normalización Lingüística amosou xa o seu apoio aos dous avogados lugueses e o presidente da entidade, Marcos Maceira, denuncia que “a chantaxe lingüística para forzar ás usuarias e usuarios de servizos a deixar de falar galego está á orde do día”. “Vivimos nun marco legal onde teoricamente todos e todas temos dereito a utilizar o galego nas nosas relacións coas institucións públicas ou privadas, mais como na práctica éstas se negan a corresponder, ese dereito non se pode exercer", engade Maceira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.