Entidades veciñais reclaman á Xunta que modifique o decreto de horarios para limitar a contaminación acústica nocturna

Almuíña, Vence e Méndez, dirixentes das asociacións de veciños Cidade Histórica FONSECA de Santiago, Orzán-Pescadería da Coruña e O Cimborrio do Casco Histórico de Ourense ©

As asociacións de veciños Cidade Histórica Fonseca de Santiago, Orzán-Pescadería da Coruña e O Cimborrio do Casco Histórico de Ourense asinaron este xoves no Centro sociocultural Maruxa e Coralia de Compostela a acta fundacional da Federación Galega contra a Contaminación Acústica

As asociacións de veciños Cidade Histórica Fonseca de Santiago, Orzán-Pescadería da Coruña e O Cimborrio do Casco Histórico de Ourense asinaron este xoves no Centro sociocultural Maruxa e Coralia de Compostela a acta fundacional da Federación Galega contra a Contaminación Acústica. A plataforma nace co obxectivo de "visibilizar" esta problemática e esixir as autoridades o cumprimento da normativa "co fin de garantir o benestar da veciñanza". Entre outras medidas, solicita a posta en marcha de plans de inspección e programas de acción para loitar contra unha "lacra nocturna" que en Galicia afecta a máis de 15.000 familias, destacan.

A Federación galega integrarase proximamente na Federación de Asociaciones Contra el Ruido, de ámbito estatal. Outras asociacións veciñais galegas –Zona Centro de Vigo, Rosalía de Castro de Betanzos, Asociación Raigame de Santiago, Asociación viguesa contra o ruído, Asociación Río Sarela de Santiago, Asociación de veciños Centro de Lugo, Asociación San Xoán-Bertón de Ferrol– xa manifestaron a súa intención de integrarse na Federación, aínda que teñen que agardar a celebrar as súas correspondentes asembleas xerais para poder acordar a súa integración na Federación, que a partir de aí ampliará a súa xunta directiva.

Medición da calidade do aire e da contaminación acústica levada a cabo en Vigo © Ecoloxistas en Acción

A plataforma nace co obxectivo de "visibilizar" esta problemática e esixir as autoridades o cumprimento da normativa. Solicita a posta en marcha de plans de inspección e programas de acción para loitar contra unha "lacra nocturna" que en Galicia afecta "a máis de 15.000 familias"

O plan de acción da nova entidade centrarase en "visibilizar" a contaminación acústica nocturna, "sensibilizar a sociedade, administracións, lexisladores e responsables políticos sobre esta contaminación" e esixir as autoridades competentes "a fin da tolerancia" e "o cumprimento efectivo da normativa vixente". 

Igualmente, buscan actuar no eido lexislativo "para mellorar de maneira significativa as normativas actualmente en vigor" e pedir as autoridades responsables o deseño e posta en marcha de plans de inspección e programas de acción en materia de loita contra a contaminación acústica nocturna.

Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños Cidade Histórica Fonseca, reclamou que a Xunta modifique o decreto de horarios e estableza unha nova normativa similar á do País Vasco, onde se distingue entre un horario ordinario de luns a xoves e un horario de fin de semana de venres a domingo

A este respecto, Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños Cidade Histórica Fonseca, reclamou que a Xunta de Galicia modifique o decreto de horarios e estableza unha nova normativa similar á do País Vasco, onde se distingue entre un horario ordinario de luns a xoves –coa súa correspondente restrición horaria– e un horario de fin de semana de venres a domingo.

En canto á situación en Santiago, Almuíña lembrou que nesta cidade xa está en marcha a Plataforma contra a Contaminación Acústica Nocturna, integrada a día de hoxe por oito Asociación de Veciños. “Moitos veciños teñen que abandonar as súas casas ao non aguantar máis a situación, xa que non poden durmir polo ruído nocturno e mesmo acaban con problemas serios de saúde”, denunciou.

Roberto Almuíña, María José Lorenzo, José Luis Méndez e Carlos Vence, das asociacións de veciños Cidade Histórica FONSECA de Santiago, Orzán-Pescadería da Coruña e O Cimborrio do Casco Histórico de Ourense ©

José Luís Méndez alertou de que o ruído e o negocio do ocio nocturno provocaron que moitos veciños e veciñas do barrio do Orzán marchasen das súas casas, o que se materializou no abandono de moitas vivendas

Pola súa banda, José Luís Méndez alertou de que o ruído e o negocio do ocio nocturno provocaron que moitos veciños e veciñas do barrio do Orzán marchasen das súas casas, o que se materializou no abandono de moitas vivendas. “É un problema social ao que non se lle deu o lugar que lle corresponde, xa que a clase política non o atalla. Conleva problemas de saúde, con ataques de ansiedade polo ruído, mesmo tomando pastillas para durmir e ter que trasladarse á casa dun familiar na fin de semana para poder descansar. Hai falta de sensibilidade tanto dos que fan ruído como dos políticos”, denunciou.

O presidente de O Cimborrio de Ourense, Carlos Vence, explicou que o casco histórico da cidade, a pesar de ter menos de medio quilómetro cadrado de extensión, conta cuns 200 locais dedicados ao ocio. Nunha auditoría para analizar o ruído de 32 locais, realizada por técnicos municipais, concluíuse que o 100% dos establecementos auditados incumprían a normativa.

O presidente de O Cimborrio de Ourense, Carlos Vence, explicou que o casco histórico da cidade, a pesar de ter menos de medio quilómetro cadrado de extensión, conta cuns 200 locais dedicados ao ocio

No encontro tamén se procedeu a designar a xunta directiva da Federación, composta polo presidente –Carlos Vence (presidente da Asociación O Cimborrio do casco histórico de Ourense)–; secretaria –María José Lorenzo (vogal da Asociación de veciños da Cidade Histórica FONSECA)–; vicepresidente –José Luis Méndez (presidente da Asociación Agrupación de veciños Orzán-Pescadería)–; tesoureiro –Roberto Almuíña (presidente da Asociación de Veciños Cidade Histórica FONSECA)–; e vogal –Ana María Iglesias (secretaria da Asociación O Cimborro do Casco Histórico de Ourense).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.