O Concello de Santiago vén de reactivar a campaña Fala Baixiño, que busca "fomentar a convivencia, o respecto ao descanso da veciñanza e a toma de conciencia sobre os comportamentos individuais á hora de divertirnos"
A presenza masiva de turistas, visitantes e peregrinos nas rúas do centro de Santiago, pero tamén de residentes que gozan do seu tempo de ocio supón un impulso moi importante para a economía local, especialmente para o sector da hostalaría. Porén, tamén ten o seu contrapunto, especialmente polas noites, ao afectar o ruído xerado ao descanso da veciñanza, nomeadamente a que vive nas zonas máis céntricas ou nas que se concentran terrazas, bares e restaurantes e locais de ocio nocturno.
O Concello de Santiago vén de reactivar a campaña Fala Baixiño, que busca "fomentar a convivencia, o respecto ao descanso da veciñanza e a toma de conciencia sobre os comportamentos individuais á hora de divertirnos". O lanzamento desta campaña, cunha imaxe renovada, responde ás demandas do sector da hostalaría e á necesidade de seguir concienciando sobre o dereito ao descanso da veciñanza aproveitando a proximidade das Festas de Nadal, aínda que esta iniciativa se manterá ao longo de todo o ano.
A campaña poderá verse nas rúas "porque é no espazo público onde debemos coidar o noso comportamento e o espazo de socialización onde corremos o risco de causar molestias cando nos xuntamos en grupo en momentos de lecer e diversión"
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada por Serxio Fernández, de Hostalaria.Gal; por Jesús Peón, da Asociación Hostelería Compostela; e por Lucía Vázquez, da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Compostela, presentou este venres a iniciativa.
O lanzamento da campaña "responde a unha das demandas que as asociacións de hostalaría nos trasladaran, e doutra, á necesidade de seguir concienciando sobre o dereito ao descanso da veciñanza aproveitando a proximidade dunhas datas festivas por excelencia en que todas e todos participamos activamente: o período pre-nadal, con todas as ceas de empresa e xuntanzas de celebración comunitaria diversas, así como todas as celebracións relacionadas co Nadal propiamente dito que virán despois", lembrou a alcaldesa.
As asociacións de hostalaría destacan que moitas veces a xente "non é consciente de que está a facer ruído á saída dun local" polo "sempre están ben estas campañas" que buscan concienciar e apelar á responsabilidade individual
Porén, engadiu Goretti Sanmartín, "a campaña reactívase con intención de que se manteña no tempo, máis aló do propio Nadal, posto que o seu obxectivo último é apelar constantemente á nosa responsabilidade á hora de divertirnos desde o respecto ao descanso ao longo de todo o ano e en todo tipo de circunstancias".
Dende as asociacións de hostalería sinalaron a importancia desta campaña, que sempre "foi moi ben acollida", como sinalou Serxio Fernández. Tanto el como Lucía Vázquez e Jesús Peón fixeron fincapé en que moitas veces a xente "non é consciente de que está a facer ruído á saída dun local" polo "sempre están ben estas campañas" que buscan concienciar e apelar á responsabilidade individual.
Nesta nova etapa, a campaña 'Fala Baixiño' reformula a súa imaxe e bota man dunha das iconas máis representativas de Compostela, Maruxa, unha das dúas Marías
A campaña poderá verse nas rúas de Compostela "porque é no espazo público onde debemos coidar o noso comportamento e o espazo de socialización onde corremos o risco de causar molestias cando nos xuntamos en grupo en momentos de lecer e diversión", destaca o Concello de Santiago. Tamén se distribuirán folletos de man e cartaces e instalaranse placas nos establecementos de ocio.
A campaña mantén o lema xa existente, Fala Baixiño, porque "é un lema xa instaurado entre a veciñanza en relación aos obxectivos que queremos acadar (o comportamento respectuoso)", mais reformula a súa imaxe.
Nesta nova etapa, a campaña 'Fala Baixiño' reformula a súa imaxe e bota man dunha das iconas máis representativas de Compostela, Maruxa, unha das dúas Marías, cuxa estatua "está presente no espazo público, sempre en silencio e sen intervir no descanso da veciñanza", destaca o Concello, en referencia á escultura realizada por César Lombera Moret en 1994 e que inmortaliza a Coralia e a Maruxa no inicio da Alameda. Na campaña tamén se reformulou a gama de cores introducindo "o uso da cor amarela que se asocia cunha chamada de atención por risco ou precaución, isto é, unha advertencia", engádese.
Este verán o Concello xa lanzou unha campaña co obxectivo de que os turistas se comporten de maneira máis "consciente"
Este verán o Concello de Santiago xa lanzou unha campaña co obxectivo de que os turistas se comporten de maneira máis "consciente", buscando concienciar sobre o carácter patrimonial da cidade e sobre a importancia de coidala como unha "alfaia delicada", como un elemento fráxil que pode correr o risco de degradarse.