Ferrol pon en marcha medidas para achegar servizos ás persoas maiores que viven soas

129.000 persoas de máis de 65 anos viven soas en Galicia CC-BY-SA Praza Pública

129.000 persoas de máis de 65 anos viven soas en Galicia. A cifra vén aumentando nos últimos anos, en paralelo co proceso de envellecemento da poboación e de debilitamento das estruturas comunitarias de apoio. Periodicamente, as novas sofre o falecemento dalgúns destes anciáns nas súas vivendas obrigan a poñer o foco sobre estas situacións, cada vez máis habituais. 

O Concello de Ferrol atende a un total de 138 persoas maiores a través do seu servizo de teleasistencia

Algunha desas mortes producíronse en Ferrol, a cidade galega cunha poboación máis envellecida, que nos últimos anos veu incrementando o número de anciáns que viven sós. O Concello de Ferrol anunciou que nos vindeiros días vai presentar unha campaña informativa para darlle visibilidade ao día a día dos maiores, bucando implicar a máis entidades locais para colaborar no acompañamento dos anciáns.

O Concello de Ferrol atende a un total de 138 persoas maiores a través do seu servizo de teleasistencia, que se desenvolve a través dun convenio coa Cruz Vermella. Aínda hai dispoñibles outras 62 prazas, ata acadar os 200 terminais que actualmente se ofertan. Unha vez cubertas as duascentas prazas, o Concello "non descarta aumentar a cota do servizo, pois trátase dunha prestación que funciona moi ben", sinala a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero.

129.000 persoas de máis de 65 anos viven soas en Galicia, unha cifra que vai en aumento

A concelleira subliña a importancia doutras accións tamén realizadas dende a administración local, coma a axuda a domicilio, os comedores sénior e o programa Xantar na Casa, así como a posta en marcha de programas de envellecemento activo.

"As administracións enfrontámonos a unha realidade desoladora. Á ausencia dun censo de persoas maiores que residen soas súmanse, por unha banda, o feito certo de que resulta imposible chegar a todas e, por outro, a obriga que temos de respectar o dereito de quen non quere ser atendido, que tamén existe e limita a posible acción de control”, explica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.