Formoso pide ao BNG "non facer política" co viaduto caído e Pontón denuncia o "pacto de silencio PP-PSOE"

Viaduto caído na A-6 na entrada a Galicia © Ministerio de Transportes

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, avogou pola "rigorosidade" para determinar os motivos que causaron a caída do viaduto do Castro, na A-6, e respondeu ao BNG que "non todo vale en política".

Formoso pide ao BNG que pare de "facer política" coa caída do viaduto: "Non todo vale"

"Cando falamos dun sinistro non se pode estar como primeira prioridade política buscando culpables", dixo Formoso este sábado en Santiago logo de que o BNG acusase a PP e PSOE de "silenciar" as responsabilidades neste suceso, unha denuncia na que insistiu ás poucas horas a voceira do Bloque, Ana Pontón, que advertiu "dun pacto de silencio" entre populares e socialistas "para protexer intereses partidistas e empresariais". 

"Xa abonda de ir facerse fotos, xa abonda de facer política con isto", pediu Formoso, que aclarou que un accidente así "pódelle pasar a calquera". Así, lembrou que hai uns días "vivíase en Santiago un drama con 16 feridos nunha instalación da Xunta". "E nunca escoitaron unha palabra deste secretario xeral criticando ou facendo política" con este asunto, advertiu.

Valentín González Formoso, ante os medios en Santiago CC-BY-SA PSdeG

Para Formoso, tanto o suceso en Santiago como o do viaduto son accidentes, polo que recomendou a "aqueles que dicían hai pouco que as autovías eran navalladas na terra e que agora van facerse fotos a ela" que proben a facer "política de altura", en clara referencia ao BNG. Formoso pediu á formación nacionalista que tente facer política "responsable" e que faga caso da cidadanía que o que demanda son respostas.

Para o líder do PSdeG, estas respostas pasan por "esclarecer o que ocorreu" e licitar no momento posible a reconstrución. Ademais, considerou que non se debe falar de prazos concretos. "Cando falamos da seguridade e da vida das persoas o importante non son dez minutos máis ou quince días máis", senón que se actúe de forma rigorosa e que o ditame diga por que se derrubou o viaduto.

Mentres, case á mesma hora, e logo da reunión do Consello Nacional do BNG, a portavoz nacional, Ana Pontón esixiu “explicacións e transparencia” sobre as causa da derruba e denunciou ese “pacto de silencio PP-PSOE” para "protexer intereses partidistas e empresarias".

Pontón insistiu en acusar a PP e PSOE dun "pacto de silencio politicamente impresentable" para "protexer intereses partidistas e empresariais"

"Estamos escandalizados e moi preocupadas” polo acontecido no viaduto, dixo Pontón, que dixo que alguén terá “que dar explicacións” e que considera “inadmisible” pasar de estar a piques de reabrir esa ponte con arranxos millonarios e agora propoñer “a súa demolición”.

Pontón denunciou que nin o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nin a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, "se dignaron a visitar o lugar do sinistro” ata pasados dez días e pasados estes, “non aclararon nada de nada” e non se referiron ás responsabilidade das empresas construtoras. “Non deu ningunha solución, nin prazos, nin nada de nada”, insistiu.

Ana Pontón intervén no Consello Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

A líder nacionalista insistiu "nunha complicidade, un pacto de silencio PP-PSOE" que lle parece "politicamente impresentable”. "A quen queren protexer? Ao señor Álvarez Cascos? A Florentino Pérez? Ao lobby do palco do Bernabéu?" preguntou

Así, o BNG reclama "a comparecencia da Ministra de Transporte, unha auditoría independente de todas as pontes da A-6 e unha estratexia e calendario para poder circular con seguridade pola vía. "Iremos  até o fondo, caia, que caia”, dixo. "Para o Partido Popular e para o Partido Socialista, Galiza sempre pode esperar", rematou. 

Ademais, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou tamén este sábado que durante a súa reunión o venres coa ministra de Transportes pediulle "celeridade" na investigación da derruba e "sobre todo nas tarefas de reconstrución e nas alternativas mentres non se poida circular por esa vía". 

Solucións á crise de prezos e sanitaria

Por outra banda, Pontón referiuse tamén á crise de prezos, sobre a que sinalou que, "neste contexto", "necesítase máis que nunca un Goberno que se deixe a pel polos galegos". "Requírense gobernos que estean en disposición de coller o temón e frear a especulación coa luz e os carburantes. De nada serven os parches", dixo. 

Ademais, desde o PSdeG, González Formoso cualificou de "errónea" a resposta do Goberno galego aos problemas que atravesa o sistema sanitario e pediu solucións "máis ambiciosas".

Fíxoo nunha comparecencia logo de participar na primeira reunión do grupo de expertos constituído polo PSdeG para analizar e buscar solucións á situación da sanidade pública galega, Formoso sinalou que en Galicia hai esperas de ata "14 días" para ser atendido polo médico de cabeceira ou de ata "12 meses" para obter un diagnóstico especializado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.