Galicia acumula catro días sen mortes por coronavirus e dous sen novos diagnósticos por PCR

CC-BY-NC-SA Praza Pública

As persoas hospitalizadas son só 23, e delas hai cinco días que só unha está en UCI, cifras inferiores ás que había cando se declarou a emerxencia sanitaria

Na última xornada Galicia non rexistrou ningún novo falecemento por coronavirus por cuarto día consecutivo, co que iguala a mellor racha ata agora, e igualmente tampouco houbo ningún novo diagnóstico por proba PCR por segundo día consecutivo. Nese eido a mellor racha ata agora, de tres días seguidos, foi entre o 31 de maio e o 2 de xuño, e na semana que vai de mes de xuño os diagnósticos con esa proba son só cinco. Canto aos falecementos, o mesmo número de días sen eles, catro, rexistrouse entre o 27 e o 30 de maio. Desde aquela, nos últimos dez días só se rexistraron tres falecementos, ata un total de 618.

Os datos divulgados este domingo polo Ministerio de Sanidade, que segue a analizar de xeito individualizado as cifras rexistradas ata agora que lle facilita o Sergas co obxectivo de corrixir a serie histórica que el si publica, sinalan que nas últimas dúas semanas os diagnósticos por PCR foron 28 en Galicia, o que ofrece unha incidencia nese tempo por 100.000 habitantes de 1,04, a máis baixa do Estado, que ten unha media de 11,52.

Segundo os datos divulgados pola Xunta, os casos que considera activos baixaron a 524 na última xornada, que cruzados cos falecementos e "curacións" ofrecen a cifra de só 3 novos diagnósticos na última xornada por probas distintas da PCR, que se corresponderían con casos de días anteriores. Na última xornada o Goberno galego dá conta da realización dun total de 1.256 novas probas de PCR (o total acumulado suma 150.498), lonxe das máis de dúas mil e mesmo tres mil ao día que se realizaban en abril.

Canto aos casos que a Xunta considera activos, baixaron a 524 na última xornada, na que o Goberno galego dá conta tamén da realización dun total de 1.256 novas probas de PCR (o total acumulado suma 150.498), lonxe das máis de dúas mil e mesmo tres mil ao día que se realizaban en abril.

Hai cinco días que só unha persoa require de UCI e o resto de hospitalizadas baixa a 22

Dos casos activos, 501 están a seguimento nos seus domicilios mentres que desde hai cinco días só unha persoa está en UCI e a hospitalización ordinaria baixou na última xornada de 26 a 22 casos. Unhas cifras así non se rexistraban desde antes da declaración do estado de emerxencia sanitaria por parte da Xunta, o 13 de marzo, seguida ao día seguinte polo estado de alarma estatal. Daquela, do 12 ao 13 de marzo pasárase de 19 a 39 hospitalizacións (e dentro delas os casos en UCI pasaban de 2 a 7).

Canto á situación nas residencias, as cifras seguen a mellorar despois de acumular ata 274 falecementos de persoas que vivían nese tipo de centros, o 44% do total. Na última xornada pasouse de 28 a 20 usuarios afectados (19 de residencias de maiores e un de centros de dependencia) e de 21 a 18 profesionais (15 de residencias de maiores e tres de dependencia). A residencia Santa Teresa Jornet da Coruña é a máis afectada con 12 usuarios e 4 traballadores.

Vigo segue a ser a área con máis casos e incidencia, por diante da Coruña e Ourense respectivamente

Polo que respecta ás áreas sanitarias, na última xornada ningunha aumentou de casos, permanecendo iguais as de Pontevedra e Ferrol e baixando lixeiramente na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. A de Vigo segue a ser tanto a que ten máis casos (194, por diante da Coruña con 119) como unha maior incidencia (33,72 casos por 100.000 habitantes, por diante de Ourense con 23,95).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.