Galicia baixa dos 2.000 casos activos de COVID por primeira vez desde agosto

Persoal sanitario prepárase para facer unha proba PCR en Vigo CC-BY-SA Sergas

Os casos activos de COVID en Galicia caen por baixo dos 2.000 por primeira vez en case dez meses. Segundo os datos feitos públicos este sábado polo Sergas, cos rexistrados ata as 18 horas do venres, actualmente hai 1.945 persoas infectadas por coronavirus, 107 menos que na xornada anterior e 405 menos que hai unha semana, o que supón un descenso de máis do 17%. 

Xa que logo, Galicia ten menos de 2.000 persoas coa doenza activa por primeira vez desde o pasado 20 de agosto e acumula 14 días consecutivos diminuíndo a cifra. O número de persoas infectadas cae en todas as áreas sanitarias, especialmente na de Vigo (-40), Santiago (-23) e A Coruña (-14), pero tamén na de Pontevedra (-10), Ourense (-9), Ferrol e Lugo (-5).

Con estas cifras, a área de Vigo continúa a ser a que conta con máis casos activos, con 534, seguida da da Coruña-Cee, con 342, Santiago (335), Pontevedra (222), Ourense (159) e Ferrol (108). 

En Galicia hai 14 persoas ingresadas na UCI por COVID, a cifra máis baixa desde finais de agosto

Ademais, a presión hospitalaria por COVID segue tamén caendo logo de que o número de persoas ingresadas por esta enfermidade se reducise en 14, ata 84, na última xornada: cun total de 71 doentes en planta (-12) e 13 (-2) en UCI. 

Non había tan poucas persoas ingresadas na UCI por coronavirus en Galicia desde o pasado 28 de agosto. Ademais, en canto ao número total de persoas hospitalizadas, non se rexistraba unha cifra tan baixa desde o 25 do mesmo mes. 

Por outra banda, no último día confirmáronse 106 novos casos de COVID e os contaxios detectados con probas diagnósticas de infección activa (PDIA) subiron un chisco ata superar o cento e situarse en 101, logo dos 91 confirmados na xornada anterior e 106 o xoves, mantendo unha liña estable. 

Máis aínda de ter en conta que o número de PCR realizadas na última xornada foi de case 5.500, unhas 1.500 máis que no día pasado. 

Con todo, Galicia rexistra un total de 2.426 persoas falecidas diagnosticadas con COVID desde o inicio da pandemia, logo de notificarse dous novos mortos o pasado venres. 

En canto á vacinación, en Galicia hai xa 771.060 persoas que recibiron a pauta completa contra o coronavirus, máis do 32% da poboación susceptible de recibir a vacina, mentres que 1.272.831 foron inoculadas con cando menos unha dose. 

Cos datos facilitados este sábado, Galicia xa suparou os 2 millóns de doses administradas, tras sumar case 35.000 este pasado venres. Ademais, máis do 90% das persoas maiores de 50 anos recibiron polo menos unha das doses da vacina. 

Ata o de agora, case 1.273.000 persoas recibiron polo menos unha dose da vacina en Galicia, 15.663 máis que na xornada anterior, o que supón case o 54% da poboación diana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.