Cando está a piques de rematar a terceira semana de confinamento, os datos referidos á infección da Covid-19 comezan a amosar signos de control da enfermidade, con incrementos menores no número de casos detectados, no número de hospitalizacións e mesmo no número de falecementos. Especialmente importantes son os datos referidos ás cifras de ingresos hospitalarios, sobre todo os da UCI, instalacións que corren o risco de ficar saturadas en caso de que a epidemia non se conteña.
Os números comezan a ser claros nos indicadores hospitalarios, e o esperable é que tamén o sexan nos vindeiros días nas cifras de mortes
Os indicadores referidos aos contaxios e ao número de casos detectados eran os primeiros nos que era esperable ver os efectos das medidas de distancia social e confinamento, para detectar posteriormente a chegada ao pico nos datos de ingresos hospitalarios e UCI e, finalmente, percibilos nas cifras de mortes. O pico no número de novos casos semella ter sido superado hai xa uns días, mais os expertos alertan sempre de que este é o indicador menos fiable, ao depender do número de tests realizados e pola presenza maioritaria de infectados que non presentan síntomas.
Non será a fin da enfermidade nin do propio confinamento, senón a constatación de que as medidas de control eran as axeitadas e de que será necesario mantelas (cun progresivo desescalamento) durante varias semanas máis
Con todo, os números comezan a ser claros tamén -en Galicia e no conxunto do Estado- nos indicadores hospitalarios, e o esperable é que tamén o sexan nos vindeiros días nas cifras de mortes. A curva tería sido, así pois, "aplanada", o obxectivo subliñado nos primeiros días da epidemia.
Non será, con todo, a fin da enfermidade nin do propio confinamento, senón a constatación de que as medidas de control adoptadas eran as axeitadas e de que será necesario mantelas (cun progresivo desescalamento) durante varias semanas máis, ou se cadra meses. Calquera relaxación ou exceso de confianza, advirten as autoridades sanitarias, levaría a un rebrote da enfermidade e obrigaría a endurecer de novo as medidas de control e confinamento.
O número de casos activos medra de forma máis lenta, ao redor de 300 cada día, fronte ás cifras superiores a 400 novos casos que se rexistraban no comezo desta semana
No que atinxe a Galicia, hai xa días que o número de casos activos medra de forma máis lenta, ao redor de 300 cada día, fronte ás cifras superiores a 400 novos casos que se rexistraban no comezo desta semana. A isto contribúe en boa medida o grande incremento das altas, é dicir, de pacientes que superan a enfermidade e pasan a dar negativo nas análises, e que comezan a achegarse ás 100 diarias, cun total de 435 dende o inicio da epidemia.
Outro dato a ter moi en conta é o importante descenso que nos últimos días experimentou o número reprodutivo básico (R0), que é número medio de casos novos que xera un caso primario ao longo dun período infeccioso. Na medida en que se achegue a 1 e, sobre todo, se cae por debaixo, a infección tende a ir desaparecendo co tempo, en lugar de estenderse. A media no Estado Español é xa de 1,1 e hai oito comunidades autónomas por debaixo de 1. En Galicia o indicador aínda é superior (1,2), pero nos últimos días foi descendendo dende o 1,48 do martes, 1,38 do mércores, 1,32 do xoves e ata o 1,2 que o Ministerio de Sanidade anunciou este venres.
O número reprodutivo básico (media de contaxios que causa cada infectado) leva días en descenso e vai achegándose a 1
O número de casos activos medra máis lentamente a pesar de que Galicia mantén un ritmo alto de realización de probas, con ao redor de dúas mil ao día, sumando xa 23.324 PCR. Se comparamos a evolución diaria do número de probas e a variación de casos activos, vemos como dende o martes 31 o ritmo de crecemento dos positivos é menor que o das probas.
Os valores máximos de ingreso en UCI (en medias dos tres días anteriores) déronse o pasado venres e os do resto de hospitalizacións o sábado
De igual xeito, o pico semella ter sido superado no que atinxe aos ingresos hospitalarios. Os valores máximos de ingreso en UCI (en medias dos tres días anteriores) déronse o pasado venres e os do resto de hospitalizacións o sábado. Dende entón, o ritmo de novos ingresos en UCI vén descendendo moi lentamente (confirmando que o pico se pode asemellar máis a unha meseta que a un cumio afiado), e o do resto de hospitalizacións con moita máis velocidade, pasando de 80 ingresos diarios a menos de 20 cada día en só unha semana.
Aínda así, o número de persoas hospitalizadas segue a ser moi elevado e, de feito, continúa a medrar, aínda que o faga a un ritmo máis lento. A cifra de persoas enfermas de coronavirus nas UCI é xa de 176 (cando Galicia conta con 274 camas nestas unidades) e o total de hospitalizadas supera as 1.000. Neste gráfico obsérvase en calquera caso o efecto de curva aplanada que se buscaba coas medidas de contención, e que debe dar paso a un descenso dos indicadores a partir dalgún momento.
A cifra de persoas enfermas de coronavirus nas UCI é xa de 176 (cando Galicia conta con 274 camas nestas unidades) e o total de hospitalizadas supera as 1.000
A evolución positiva pode observarse tamén neste gráfico, no que se ve a variación diaria do número de casos activos, do número de ingresos en UCI e máis no número de hospitalizacións convencionais. O descenso é claro nos tres indicadores, que medran a un ritmo diario do 5%, cando hai pouco máis dunha semana o facían por riba do 20%.
A meirande parte dos casos detectados son leves e apenas presentan síntomas (ou non os presentan en absoluto). A medida que aumenta o número de tests, a porcentaxe que representan estes casos leves aumenta, o que se observa no seguinte gráfico. A proporción de casos activos de coronavirus en Galicia que se atopa nos hospitais pasou do 32% do pasado xoves ao 23% deste venres.
A provincia de Ourense é zona de Galicia cunha maior incidencia da enfermidade (máis casos activos por habitante)
A información por áreas sanitarias pode conter moitos nesgos, pola realización de máis ou menos probas nun ou noutro lugar. En todo caso, os datos veñen amosando que a provincia de Ourense é zona de Galicia cunha maior incidencia da enfermidade (máis casos activos por habitante), moi por diante de Vigo e A Coruña.
Con todo, Vigo e A Coruña amosan nos últimos días unha desaceleración no ritmo de crecemento dos seus casos activos, ao igual que Pontevedra e en menor medida Santiago. Ourense mantén un ritmo estable de aumento de casos e Lugo e Ferrol tiveron (con moitas oscilacións, menos nos datos medios de tres días) esta semana as súas cifras máis elevadas de positivos.