Galicia encadea o terceiro día consecutivo sen novos diagnósticos de coronavirus

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia non rexistra novos diagnósticos de coronavirus dende o pasado sábado. Os datos recollidos polo Sergas e difundidos polo Ministerio de Sanidade nos últimos tres días amosan unha situación na que as probas realizadas non detectan novos positivos no país.

Nas últimas 24 horas non houbo que lamentar tampouco ningún novo falecemento e ningún novo novo ingreso nas UCI e só tres novos ingresos hospitalarios.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días é de 2,56 casos por cada 100.000 habitantes, moi por debaixo da media estatal (13,32). En total, nos últimos 14 días diagnosticáronse 69 casos de coronavirus en Galicia por proba PCR ou por test de anticorpos (se o paciente presenta aínda síntomas compatibles coa enfermidade). E nos últimos sete días foron unicamente 14 os novos casos detectados. 

O Ministerio de Sanidade informa tamén dos novos casos diagnosticados nos que os síntomas empezaron nos últimos 14 días (14) e nos últimos 7 días (unicamente 4). Galicia atópase no ecuador da Fase 2 e hai tres semanas que iniciou a Fase 1. Os datos amosan que este tempo non se produciron rebrotes da enfermidade e as cifras manteñen unha tendencia descendente que pode facilitar o pase á Fase 3 o vindeiro luns.

Fronte ás 616 mortes contabilizadas polo Sergas, o Ministerio de Sanidade sinala en Galicia só 609 decesos, dos cales dous corresponderían á última semana. Esa diferenza débese, como indicou o responsable de Emerxencias Sanitarias do Ministerio, Fernando Simón, a que algúns casos poden estar duplicados ou existir dúbidas sobre se o falecemento se debeu ou non á covid-19.

O Sergas segue a informar cada mañá do número total de positivos activos", que este 1 de xuño seguen baixando e quedan en 707 -quince menos ca onte- mentres as persoas que considera "curadas" chegan a 9.991 -21 máis-.

Con estas cifras, o número acumulado de persoas que deron positivo nalgún momento chega ás 11.314. Son seis máis que o día previo e, dado que o Ministerio informa de que nas últimas vinte e catro horas non se produciron diagnósticos novos, cabe deducir que esa media ducia de casos corresponden a positivos en test de anticorpos de días pasados. 

O número de probas PCR realizadas en Galicia chega ás 144.226, segundo o Sergas. Son 646 máis que un día antes. 

Este martes o único indicador que empeora é o do número de pacientes nas UCI dos hospitais, que pasan de 2 a 3. En cambio, o número de pacientes con coronavirus no resto de unidades hospitalarias baixa de 32 a 27.

Os datos do Ministerio reflicten, en cambio, que nos últimos sete días non houbo ningún novo ingreso en UCI en Galicia e que tan só seis persoas con diagnóstico positivo tiveron que ser ingresadas nos hospitais galegos.  Dende o inicio desta crise, 2.930 persoas con coronavirus necesitaron hospitalización en Galicia e 329 pasarom polas UCI.

No que atinxe ás persoas que seguen en illamento domiciliario tras daren positivo, este 2 de xuño son 11 menos e quedan en 677.

Mellora a situación nas residencias, que suman 75 casos activos de coronavirus, principalmente nos centros da terceira idade (33 entre os usuarios e 33 entre o persoal). Nos centros de atención á discapacidade hai outros 9 casos, entre persoas usuarias e traballadoras. Dende o inicio da crise faleceron 273 persoas nas residencias da terceira idade.

Por áreas

Dos 722 casos activos comunicados pola Xunta, 158 son da área da Coruña, 39 da de Lugo, 68 da de 
Ourense, 28 da de Pontevedra, 259 da área de Vigo, 135 da de Santiago, e 20 da de Ferrol. A área viguesa é, con gran diferenza, a máis afectada e na última semana as súas cifras mesmo aumentaron lixeiramente, a diferenza do resto das áreas, claramente en descenso. En todo caso, os datos achegados polo Ministerio non amosan que se estean producindo rebrotes de importancia ou grandes aumentos de casos novos.

A incidencia na área viguesa (casos por habitante) é a máis elevada de Galicia, moi por diante dos datos de Santiago e A Coruña, os únicos por riba da media galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.