Galicia entra en 2021 coa COVID novamente en ascenso dez días despois da relaxación de restricións do Nadal

CC-BY-SA Praza Pública

Os falecementos superan os 1.400 e hai 354 persoas hospitalizadas

Os días festivos non paran a pandemia da COVID-19. Ao igual que durante as xornadas do 24 e o 25 de decembro, os días 31 de decembro e 1 de xaneiro o número de probas PCR realizadas polo Sergas foi inferior ao do resto de xornadas, pero o número de novos casos positivos engadidos á serie segue en aumento. Os datos oficiais da Xunta sinalan que os días 24 e 25 sumaron unhas 16.000 probas PCR e uns 700 novos casos, mentres que os días 31 e 1 as probas suman algo máis de 11.000 pero os casos novos chegan a preto de mil entre os dous días.

Dez días despois da flexibilización das restricións polas festas do Nadal que se comezou a aplicar o 23 de decembro, a curva dos novos positivos segue a subir malia a moderación nas deteccións que adoitaba rexistrarse nas xornadas festivas e nas fins de semana, e tamén o fai o rexistro de falecementos, que chega xa ás 1.403 mortes, tras sumarse nas dúas últimas xornadas sete e tres respectivamente. Catro delas foron de persoas que residían en centros de maiores.

Máis alá de que a taxa de positividade das probas PCR poida dispararse na última xornada por realizarse menos test -a Xunta comunicou uns 4.400 para o día 1 de xaneiro-, non baixa do 5%, a cifra na que Organización Mundial da Saúde fixa o límite para considerar controlada a pandemia, desde o 25 de decembro, tras estar por baixo durante boa parte de decembro.

Se nas sete últimas xornadas se realizaron unhas 36.000 probas PCR e se sumaron preto de 3.000 novos casos, nas sete xornadas anteriores as probas PCR foran preto de 58.000 e os novos casos engadidos uns 2.400, datos nos que podería influír un menor número de cribados masivos na última semana que na anterior.

Canto á atención sanitaria, tamén volve aumentar o número de persoas hospitalizadas, ata un total de 354, das que 57 están en unidades de coidados intensivos e 297 en planta.

Por áreas sanitarias, a peor situación nos hospitais rexístrase nas da Coruña e Santiago, con preto de noventa hospitalizacións en cada caso, mentres que no extremo contrario a de Lugo apenas rexistra 16 ingresos.

Nas residencias, con 134 persoas afectadas en 16 centros de toda Galicia, segue o goteo de casos na de DomusVi de Vimianzo, cun total de 57

Canto ás residencias de maiores, segue o goteo de novos caso na de Vimianzo xestionada por DomusVi, onde xa hai 57 persoas residentes afectadas e 15 traballadores. Se no seu parte do día 31 a Xunta sumaba 12 novos usuarios e 6 novos traballadores dese centro como casos activos, o día 1 engadía 9 usuarios e 3 traballadores e o día 2 outro traballador máis. Nas dúas últimas xornadas a Xunta tamén sumou oito novos casos positivos entre persoas residentes do centro de maiores Santa Teresa Jornet da Corua e tres na de Moledo en Vigo. En total, en toda Galicia son 134 as persoas usuarias afectadas nun total de 16 centros distintos.

Residencia de DomusVi en Vimianzo © DomusVi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.