Galicia foi o territorio con menos detencións e o segundo con menos sancións por infrinxir as normas do estado de alarma

Control de desprazamentos por parte da Garda Civil durante o estado de alarma © Delegación do Goberno en Galicia

O estado de alarma estivo vixente en Galicia entre o 15 de marzo e o 15 de xuño (ata o 21 de xuño na maior parte do resto de España). Neste tempo o Estado aplicou unha serie de restricións de mobilidade e outro tipo de limitacións de actividades habituais para asegurar o éxito das medidas de confinamento que buscaban evitar a transmisión do coronavirus. O incumprimento destas restricións daba lugar a propostas de sanción e, nos casos máis graves, a detencións.

O Goberno central vén de facer público, en resposta a unha pregunta escrita presentada no Senado polo deputado socialista Miguel Ángel Heredia Díaz, o número total de propostas de sanción e de detencións motivadas polo incumprimento das normas do estado de alarma. 

Galicia sumou 252 detencións e 45.503 propostas de sanción

No conxunto do Estado español leváronse a cabo máis de 9.000 detencións e iniciáronse 1.128.456 propostas de sanción. As comunidades autónomas cun maior número de medidas adoptadas foron, como é lóxico, as máis poboadas: Andalucía, Cataluña, Madrid e Comunidade Valenciana. 

Galicia sumou 252 detencións e 45.503 propostas de sanción. O maior número de detencións no noso país foron efectuadas pola Policía Nacional (153), seguidas das policías locais e os corpos autonómicos (64) e a Garda Civil (35). Porén, a Garda Civil encabeza a lista de propostas de sanción, con máis de 24.000, nas que de seguro entran en xogo as multas impostas nas estradas polo incumprimento das medidas de confinamento.

Nos datos galegos destaca o feito de que o noso país foi a comunidade autónoma na que se levou a cabo un menor número de detencións en termos relativos, en función da nosa poboación. Foron un total de 9,34 detencións por cada 100.000 habitantes, a metade da media do Estado Español (19,3) e aínda máis lonxe dos datos de A Rioxa, Cantabria, Baleares, Comunidade Valencia ou Canarias, que encabezan a clasificación.

O mesmo sucede coas propostas de sanción, un apartado no que Galicia foi o segundo territorio cun número menor por habitante. Foron 1.685,61 sancións iniciadas por cada 100.000 habitantes, de novo moi por debaixo da media española (2.408,4). Tan só Euskadi tivo menos multas por habitante que Galicia. E, tamén aquí, Comunidade Valenciana, A Rioxa e Canarias estiveron entre as comunidades con máis procesos de sanción, por diante de Murcia e Madrid.

 O remate do estado de alarma supuxo o decaemento dos procesos sancionadores que aínda non foran firmes. Con todo, xurdiron dúbidas no caso das multas que si foran recorridas, atinxidas polo prazo dos recursos contenciosos, que estiveron parados durante o propio estado de alarma e non foron retomados ata o pasado 4 de xuño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.