Decaen en Galicia os procedementos sancionadores abertos polo estado de alarma

Control da Garda Civil durante o estado de alarma na contorna da praia da Lanzada, no Grove CC-BY-SA M. González

Durante a vixencia do estado de alarma polo coronavirus, que en Galicia se prolongou dende o 14 de marzo ata as 23:59 do pasado día 14 de xuño, as forzas e corpos de seguridade formularon 44.951 propostas de sanción por incumprir as restricións impostas para frear a covid-19, segundo datos da Delegación do Goberno de España en Galicia. Case 34.000 das sancións partiron da Policía Nacional e da Guardia Civil e as restantes, das policías locais ou da unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta.

A lei que regula o estado de alarma estipula que, ao seu remate, "decaen" as medidas adoptadas polas autoridades para garantir o cumprimento das restricións "agás as que consistisen en sancións firmes"

O remate do estado de alarma -no caso de Galicia, unha semana antes que no resto do Estado, segundo a solicitude da Xunta aceptada polo Goberno central no marco do plan de desconfinamento- non trae consigo mudanzas para as persoas que recibisen sancións administrativas que xa adquirisen firmeza. Pero si para as persoas que fosen obxecto de propostas de sanción por parte das forzas de seguridade, ao abeiro da lei de seguridade cidadá -a coñecida como lei mordaza, aínda vixente nos seus termos de 2015- e aínda non sexan firmes.

A lei que regula dende 1981 os estados de alarma, excepción e sitio fixa, no seu primeiro artigo, que "finalizada a vixencia" destas figuras excepcionais, o que vén de suceder en Galicia co estado de alarma polo coronavirus, "decaerán na súa eficacia cantas competencias en materia sancionadora" e "en orde a actuacións preventivas correspondan ás autoridades competentes" ao seu abeiro. É o caso, por exemplo, de todas as restricións de movementos que non estean limitadas por outras normas.

Control da Policía Local de Lugo durante o estado de alarma polo coronavirus © Policía Local Lugo

Ese mesmo artigo indica, ademais, que tamén "decaen" co estado de alarma as "concretas medidas adoptadas en base" ás actuacións das autoridades ao abeiro dese período excepcional, "agás as que consistisen en sancións firmes". Daquela, volvendo tomar como mostra as sancións administrativas do estado de alarma propostas pola Policía baseándose na lei de seguridade cidadá, todas as que non adquirisen firmeza -por ser aínda susceptibles de recurso en vía administrativa ou contenciosa- terían que ficar sen efecto. Cuestión diferente son os procesos penais en marcha por, por exemplo, polas acusacións de desobediencia neste período. Así o confirman fontes xurídicas consultadas por Praza.gal.

Terían firmeza, daquela, as sancións administrativas non recorridas na vía contenciosa e xa pagadas para, por exemplo, acollerse á redución do 50% do importe. No caso das recorridas, estarían atinxidas polo prazo dos recursos contenciosos, que estiveron parados durante o propio estado de alarma e non foron retomados ata o pasado 4 de xuño.

Durante o estado de alarma, as forzas de seguridade ditaron case 45.000 propostas de sanción en Galicia e practicaron 252 detencións

Ábrese así un período de incerteza xurídica para as persoas que foron obxecto destas propostas de sanción a respecto do seu percorrido. A esta circunstancia engádese, ademais, as dificultades de tramitación por parte da Subdelegacións do Goberno central dun volume tan alto de expedientes, case 45.000, nos prazos fixados pola lei.

Segundo confirma a Delegación do Goberno central en Galicia, durante o período do estado de alarma as diferentes forzas de seguridade ditaron as devanditas 44.951 propostas de sanción. É un cómputo que recolle todas as propostas, con independencia do percorrido posterior. Neste tempo foron detidas 252 persoas por transgrediren as restricións; 188 detencións practicáronas Policía Nacional e Garda Civil e outras 624, a unidade de Policía adscrita á Xunta (UPA) e as policías locais. A provincia con máis propostas de sanción foi A Coruña e a que menos sumou, Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.