Galicia mantense por riba do milleiro de novos casos rexistrados ao día e suma 40 persoas nas UCI por COVID

Cribado da COVID-19 en instalacións da Universidade de Vigo © UVigo

Menos persoas hospitalizadas por COVID pero máis na UCI. O número de doentes ingresados por coronavirus sitúase en Galicia nas 301, unha menos que na xornada anterior, aínda que do total 40 delas atópanse en coidados intensivos --catro máis-- e 261 en planta, fronte ás 266 dun día antes, segundo os datos actualizados este sábado polo Sergas con rexistros ata as 18 horas do venres. 

As 40 persoas nas UCI por COVID supoñen a maior cifra desde hai dous meses e medio

Son, en todo caso, 95 persoas hospitalizadas máis que hai unha semana tras un pequeno descenso e logo do importante incremento de ingresos das dúas últimas xornadas. Ademais, os 40 doentes de COVID nas UCI galegas supoñen a maior cifra desde o pasado 13 de maio, hai dous meses e medio

A presión hospitalaria descende en todas as áreas sanitarias agás na da Coruña e Cee, onde soben a 16 os pacientes con COVID na UCI, e na de Santiago e Barbanza, que ten unha persoa máis en coidados intensivos. 

Galicia suma doce días consecutivos con máis de mil novos casos rexistrados por xornada

Así, os casos activos descenden lixeiramente, en 16, e quedan nos 18.869, mentres que os novos contaxios tamén baixan un chisco ata quedar nos 1.171, pero manténdose por riba do milleiro por xornada, unha constante nas últimas dúas semanas e que só se rachou o pasado 19 de xullo, nos que se roldaron tamén os 1.000 novos casos detectados, con 975. En todo caso, son xa doce os días consecutivos con máis de mil novas infeccións rexistradas. 

Xa que logo, a vaga estival de COVID en Galicia dá signos de estancamento pero non deixa de sumar esa media de máis dun milleiro de casos ao día, logo de que na pasada xornada se mantivese tamén o ritmo de PCR practicadas, con 8.550, unhas 200 máis que na anterior. 

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden outra vez na área sanitaria de Ourense (-114), pero tamén na de Santiago (-33) e Pontevedra (-16). Pola contra, soben na da Coruña e Vigo (en ambos casos con 64 casos máis), Lugo (+6) e Ferrol (+13).

Ademais, en Galicia confirmáronse 1.130 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día, 93 máis que na xornada anterior. 

Por outra banda, son xa 2.460 as persoas falecidas por COVID en Galicia desde o inicio da pandemia, logo de que Sanidade comunicase tres novas mortes. Foron os dun home e unha muller, ambos de 88 anos, que faleceron no CHOP de Pontevedra, e unha muller de 92 no CHUAC. 

En canto aos datos de vacinación, máis de 1,9 millóns de persoas en Galicia, das máis de 2,4 a inmunizar, contan con polo menos unha dose da vacina contra a COVID, o que supón o 78,6% da poboación diana. 

Do total de persoas que recibiron algunha vacina, 1.738.140 teñen xa a pauta completa, case o 71% da poboación a inmunizar no país. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.