A 26 de xullo de 2021, Galicia roldaba os 350 casos novos rexistrados da COVID-19 por cada cen mil habitantes nos últimos sete días. É unha cifra moi semellante á do pasado 1 de febreiro, comparación que é posible realizar -ao contrario das equivalencias con 2020- porque daquela a capacidade diagnóstica do Sergas era moi semellante á actual.
A última vez que Galicia rexistrou incidencias da COVID semellantes ás actuais, as persoas hospitalizadas co virus eran máis de 1.450; agora son algo menos de 270. Trinta delas están na UCI e en febreiro eran 250
A 14 días, o dato galego a 26 de xullo estaba próximo aos 650 casos novos por cada cen mil habitantes. É unha cifra moi semellante á do 6 de febreiro, última vez que o país rexistrou estes valores ata agora. Naqueles días de principios de febreiro, en Galicia computábanse uns 20.000 casos activos do coronavirus, apenas 1.500 máis que neste remate de xullo.
A comparación destas cifras podería permitir concluír que a situación é equivalente. Así sería se non fose por un dato que o muda todo: no comezo de febreiro, en Galicia había algo menos de 30.000 persoas coa pauta completa de vacinación, a práctica totalidade persoas residentes en centros de maiores e persoal que as atende. Agora son 1,7 millóns, isto é, arredor do 63% da poboación total do país e ademais, a porcentaxe de poboación con cando menos unha dose xa supera o 70%.
O avance da vacinación, que comezou polos grupos de idade máis vulnerables fronte ao virus, mudou radicalmente o escenario en canto a dúas das variables que viñan acreditando con máis precisión a súa gravidade: a enfermidade grave e a morte. Cando, hai cinco meses, as taxas de incidencia acumulada a sete días eran semellantes ás actuais, as persoas no hospital con test positivo da COVID quintuplicaban amplamente as actuais: máis de 1.450 fronte a algo menos de 270. Daquela, nas UCI estaban ingresadas unhas 250 persoas afectadas pola doenza. Agora son apenas unha trintena.
Cunha incidencia semellante á actual, Galicia rexistraba en febreiro unha media diaria dunhas 25 mortes coa COVID. Agora son 1,4
A diferenza é evidente nos casos que requiren atención hospitalaria e aínda o é máis nas cifras de falecementos de persoas que contraeran a COVID. Nos días de febreiro con incidencias a sete días semellantes ás actuais, Galicia rexistraba unha media diaria dunhas 25 mortes de persoas co coronavirus nos sete días previos. Agora, malia ao incremento das últimas xornadas, os pasamentos de persoas infectadas polo virus son, de media, arredor de 1,4 ao día na última semana. Isto é, unhas 17 veces menos.
O impacto das vacinas queda tamén acreditado na concentración das elevadas cifras de novos casos detectados -Galicia segue en niveis de máis de mil ao día- precisamente nos grupos de idade que aínda non están incorporados á vacinación ou que veñen de ser incorporados á mesma. Segundo o Sergas, en torno a dous terzos destes novos casos rexístranse na poboación de entre 15 e 39 anos.
Así o amosan tamén con claridade os datos de incidencia acumulada por idades que divulga o Ministerio de Sanidade -a Xunta dispón destes datos e transmíteos ao Estado, pero non os publica directamente-. As cifras máis elevadas e os seus crecementos máis pronunciados seguen nos grupos de idade de 12 a 19 e de 25 a 29 anos. Mentres, nos grupos que máis tempo levan máis protexidos pola vacinación e que afrontaron a actual vaga con incidencias realmente baixas, este indicador segue moito máis moderado e o seu avance vén sendo moi inferior.
Non obstante, nos últimos días apréciase tamén nos datos un claro freo no crecemento da incidencia dos grupos máis mozos. De crecementos superiores aos mil puntos nunha semana, o grupo de 12 a 19 anos medra arredor dos 400 e o de 20-29, en torno a 600 (con datos do 27 de xullo). Nos grupos de máis idade si aumenta un chisco o crecemento, que segue en calquera caso moi por baixo da poboación non vacinada.