A poboación con pauta completa de vacina da COVID achégase aos dous terzos e a incidencia xa apunta ao descenso

Mapa de incidencia da COVID a catorce días con datos do 29 de xullo sobre unha imaxe dun cribado recente en Ourense CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Algo máis do 64% do total da poboación de Galicia recibiu xa a pauta completa da vacina contra a COVID. Este é o dato que marca todos os demais á hora de avaliar a evolución da pandemia no país e supón que o 70,5% da poboación considerada diana da campaña de inmunización, a maior de 12 anos, xa completou o proceso.

A campaña de vacinación en Galicia está completada ao 70,5% e o 64% da poboación ten a pauta completa tras a administración doutras 26.000 doses, a maioría a persoas dos grupos 20-29 e 30-39 anos

Durante a xornada do xoves, o Sergas puxo algo máis de 26.000 doses e a media dos últimos sete días rolda as 21.000, un lixeiro incremento a respecto do días previos pero por baixo das semanas da vacinación centrada no grupo de 40 a 49, o máis numeroso. Boa parte destas doses foron para seguir poñendo primeiras doses ao grupo de 30 a 39 anos, que xa supera o 71% con polo menos unha dose, e sobre todo para seguir avanzando nas primeiras doses do grupo de 20 a 29, que avanza case seis puntos en vinte e catro horas ata chegar ao 17,3% con polo menos unha dose.

As cifras globais indican que, dende o comezo da campaña, en Galicia xa se administraron case tres millóns e medio de doses e 1,9 millóns de persoas teñen inxectada polo menos a primeira. A poboación con pauta completa está xa conformada por 1,73 millóns de persoas e a porcentaxe de cobertura completa entre maiores de 40 anos é en Galicia do 93,3%, segundo os datos divulgados este venres polo Ministerio de Sanidade. Malia estes datos, este mesmo venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reprochou ao Goberno de España o que considera unha carencia de vacinas que, argumenta, é motivo para non estar "satisfeitos" malia "estar entre os países que máis vacinan" porque "non temos" aínda para toda a poboación.

A incidencia no grupo de 20 a 29 pasou de medrar máis de mil puntos semanais a avanzar uns 170 e o grupo 12 -19 ten agora unha taxa menor á de hai unha semana. Ambas seguen por riba dos 2.000 casos novos por cada cen mil persoas

Como amosa a táboa sobre estas liñas, as maiores incidencias acumuladas a 14 días seguen rexistrándose entre grupos menos cubertos pola vacinación, isto é, as persoas de 12 a 19 anos e de 20 a 29 anos. Non obstante, nos últimos días a tendencia nestes grupos amosa dúas mudanzas relevantes: o crecemento semanal da incidencia a 14 días pasou de avanzar máis de mil puntos hai pouco máis dunha semana a facelo en apenas 170  puntos no grupo 20-29 e mesmo a descender unhas décimas no grupo 12-19. Ademais, en termos diarios, a incidencia acumulada a 14 días descende en ambos grupos dende hai dúas xornadas.

Estes datos de vacinación coñecíanse nunha xornada na que o Sergas notificou 1.193 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Seguen sendo máis de mil por xornada, pero o ritmo de infeccións activas diagnosticadas cada día natural semella que xa pasou polo seu 'pico' e apunta a descenso. Agora rolda as 1.300 ao día, na media da última semana e, como amosa o gráfico baixo estas liñas, todo apunta a que a tendencia ascendente chega á súa fin.

O Sergas segue notificando máis de mil casos novos ao día, pero as incidencias acumuladas a 14 e 7 días apuntan ao descenso tras máis de dúas semanas reducindo o seu ritmo de incremento

Estas cifras de casos novos deixan, cos datos do último día completo dispoñible (o mércores 28, de aí a lixeira diferenza co dato ofrecido polo Ministerio de Sanidade) unha incidencia acumulada duns 656 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e de arredor de 337 a 7 días. Ambos indicadores trazan na última xornada unha tendencia lixeiramente descendente e, ademais, como amosa o gráfico sobre estas liñas, fano afondando na tendencia á baixa do seu crecemento.

Ese crecemento mídese co indicador coñecido como razón de taxas, que compara a incidencia acumulada de cada día coa da mesma xornada da semana anterior: se o resultado da división é superior a 1, apunta a ascenso e se é inferior a 1, descenso. No caso da incidencia acumulada a sete días, está a piques de atravesar a fronteira do 1, un descenso que sería o primeiro paso para que este indicador pase a ser menos da metade do dato a 14 días, o cal completaría o cadro para iniciar con claridade a liña descendente de incidencia.

Situación por concellos e áreas sanitarias

Co avance da vacinación e a conseguinte diferenza por idades como principal variable a ter en conta neste momento da pandemia, a situación segue sen ser homoxénea do punto de vista territorial. Por concellos, é Sanxenxo o que segue cunha maior incidencia acumulada a 14 días (aínda máis de 2.000 casos novos rexistrados por cada cen mil habitantes) e en valores semellantes están O Grove e Burela. A continuación, atópanse municipios como Foz, Viveiro, A Capela e Monterroso. Abrindo un chisco máis o foco, seguen sendo contornas eminentemente turísticas, como as comarcas máis próximas ás Rías Baixas, A Mariña ou puntos do centro do país atravesados polo Camiño Francés os que manteñen valores máis altos.

As tendencias, non obstante, xa non son á alza neste en todas as áreas sanitarias. A incidencia acumulada a 7 días xa descende con claridade nas dúas que acadaron valores máis altos nesta vaga, Pontevedra-O Salnés e Ourense, e semella que chegou ao pico noutras áreas como Lugo, Vigo, Santiago-Barbanza ou Ferrol. Esta é a razón polo que o indicador global galego se achega ao descenso.

Hospitalización á alza, pero freando o incremento

A tendencia á moderación da incidencia consolídase e o mesmo acontece co freo no incremento da hospitalización, que así e todo continúa á alza, pero tamén moi por baixo das anteriores vagas precisamente por efecto da vacinación. As 302 persoas ingresadas ás seis da tarde do xoves con test positivo do coronavirus eran 90 máis que unha semana antes e 36 delas estaban na UCI -eran 23 hai sete días-. Este dato global supón o máximo da actual vaga, se ben cómpre ter en conta que, na anterior ocasión en que a incidencia era semellante á actual, o pasado febreiro, a cifra de hospitalizacións coa COVID superaba os 1.400 ingresos.

Mentres todo isto sucede, as cifras de falecementos de persoas infectadas tamén aumentaron nos últimos días, pero igualmente son moi inferiores ás de anteriores vagas. Tras as doce mortes de persoas co coronavirus comunicadas polo Sergas con data da última semana, os falecementos no que vai de mes de xullo son 21. No mes de febreiro, con incidencias semellantes á actuais, foran máis de 400.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.