España é o Estado da UE que pagará a factura máis cara nos vindeiros anos polos fenómenos meteorolóxicos extremos derivados da crise climática. En Galicia, só pola escaseza de chuvia e a seca histórica derivada no verán, as perdas elévanse aos 850 millóns de euros neste ano e a un total de 2.200 millóns de euros dentro de catro, en 2029.
Son cifras que achega un informe da Universidade de Mannheim (Alemaña), que analiza o custo macroeconómico para Europa das vagas de calor, as secas e as inundacións durante os pasados meses de xuño, xullo e agosto. Elévao na UE a uns 43.000 millóns de euros a curto prazo (en 2025) e en 126.000 millóns a medio prazo, en 2029.

O informe, liderado pola investigadora Sehrish Usman, advirte da importancia dunhas estimacións do "custo da inacción fronte ao cambio climático", así como do "momento crucial" que afronta a UE ante o debate que afrontarán os ministros de Medio Ambiente dos Estados membros o vindeiro 18 de setembro sobre os obxectivos climáticos da Unión de cara a 2040.
O estudo da Universidade de Mannheim advirte do custo da "inacción fronte ao cambio climático" e cifra en 34.000 millóns as perdas en España a medio prazo polas condicións extremas deste verán
O estudo, no que tamén participan autores do Banco Central Europeo (BCE), achega cifras "conservadoras" ao non incluír entre os fenómenos agudizados pola crise climática os incendios forestais, tan importantes este verán en España e, particularmente en Galicia, con elevadas perdas tamén económicas en diferentes ámbitos.
Sexa como for, a investigación —que estima o impacto económico das consecuencias da crise climática en varias áreas— sinala España como un dos Estados máis afectados, xunto a Francia e Italia, cunhas perdas estimadas de 12.000 millóns de euros xa neste ano e dun total de 34.000 millóns en 2029 "só polas condicións meteorolóxicas extremas deste verán". Supón, como explica, o 0,8% e o 2,4% do VAB (Valor Agregado Bruto) estatal de 2024, sendo a maior perda de todos os países analizados, tanto a curto como a medio prazo.
No caso de Galicia, os autores do estudo estiman que a seca provocada polas condicións climatolóxicas extremas este verán suporá unhas perdas de VAB duns 850 millóns de euros en 2025 e dun total de case 2.200 millóns en 2029, o que equivale a un descenso do 1,1% e do 2.9% respectivamente do VAB da comunidade autónoma en 2024.
A estimación refírese unicamente os efectos dunha seca que foi histórica en Galicia, tal e como destacou no seu balance Meteogalicia, que advertiu dun verán "moi seco", cunha media acumulada de 51 litros por metro cadrado que é "un 62% inferior ao período climático de referencia".
En Galicia choveu no verán un 62% menos do que debería; o informe eleva a 850 millóns neste ano e a 2.200 en 2029 a factura que o país deberá pagar só por esta seca histórica
Mentres as Serras Setentrionais e puntos da vertente atlántica chegaron a acumular ata 170 litros por metro cadrado mentres que en zonas das Rías Baixas e do Baixo Miño caeron entre 10 e 30 litros por metro cadrado en todo o verán. "Para atopar un verán máis seco —resumía MeteoGalicia— temos que remontarnos a 1981".
Porque o verán no que Galicia padeceu os meirandes incendios forestais documentados na historia do país foi tamén no que rexistrou as temperaturas máis elevadas dende que hai rexistros comparables, sendo "o máis cálido de todos" nunha serie histórica que se remonta a 1961. A temperatura media de xuño a agosto estivo dous graos por riba do normal. As consecuencias, en forma de seca, calor extremo e condicións favorables para o avance do lume, acabaron por agudizar o impacto dos incendios. Pero hai moitas máis. Tamén no ámbito económico, cunha factura climática cada vez máis grande.