Galicia prepara o paso á Fase 3 noutra xornada sen novos diagnósticos, que suman só 7 na última semana

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia entrará este luns na Fase 3 do desconfinamento apoiada nunha situación epidemiolóxica moi favorable no último mes. Hai case catro semanas do paso á Fase 1 e do relaxamento nas medidas de control da enfermidade e dende entón non se produciron rebrotes nin incrementos no número de casos. Todo o contrario.

Nos datos deste sábado, correspondentes á xornada do venres, Galicia non suma ningún novo diagnóstico de coronavirus (detectados por proba PCR ou por test de anticorpos pero con síntomas), aínda que si rexistrou outros 22 "positivos" que agromaron a través de probas rápidas pero que se refiren a contaxios antigos. Ademais, non se rexistraron novos falecementos, polo que o número total segue fixado nas 618 mortes. 

Galicia é a comunidade autónoma que presenta unha menor incidencia da enfermidade nos últimos 14 días

O descenso dos novos contaxios nas últimas semanas fai que a incidencia acumulada nos últimos 14 días baixe ata os 1,44 casos por cada 100.000 habitantes, moi por debaixo da media estatal (11,25). Galicia é, de feito, a comunidade autónoma que presenta unha menor incidencia da enfermidade nos últimos 14 días.

En total, nas últimas dúas semanas diagnosticáronse 39 casos de coronavirus en Galicia por proba PCR ou por test de anticorpos (se o paciente presenta aínda síntomas compatibles coa enfermidade). E nos últimos sete días foron unicamente 7 os novos casos detectados. O Ministerio de Sanidade informa tamén dos novos casos diagnosticados nos que os síntomas empezaron nos últimos 14 días (12) e nos últimos 7 días (unicamente 1).

O Sergas segue manexando os "positivos activos" como indicador de referencia. Esa cifra segue baixando e está xa en 542. Esa cifra supón 21 menos que o día anterior mentres o que o Sergas presenta como "curacións" chega a 10.221 persoas, o que implica un incremento de 43 no último día.

O total de persoas que deron positivo nalgún momento chegaría así a 11.381, cifra resultante de sumar os casos incluídos nos comunicados diarios da Consellería.

O Sergas indica que xa foron realizadas en Galicia 149.242 probas PCR, ao redor de mil máis que o día anterior. A Xunta non indica o número de test de anticorpos que leva feitos, aínda que si informa ao respecto ao Ministerio, que actualiza esas cifras periodicamente.

No que atinxe á presión da pandemia nos hospitais galegos, a situación segue tendendo a normalizarse. Tamén neste indicador cómpre acudir ao Ministerio por unha banda e ao Sergas, pola outra, para obter a 'foto' completa e observar a tendencia. As cifras de hospitalización seguen descendendo: nas UCI segue habendo un único paciente (chegaron a ser 177 no pico da pandemia, nos primeiros días de abril) e nas unidades de hospitalización ordinaria -en planta- son agora 26, igual ca onte, segundo a Consellaría de Sanidade.

Por áreas sanitarias

Dos 542 'casos activos', 124 son da área da Coruña, 33 da de Lugo, 49 da de Ourense, 16 da de Pontevedra, 196 da área de Vigo, 110 da de Santiago, e 14 da de Ferrol. 

Non se rexistran grandes cambios con respecto ao día anterior, con descensos en case todas as áreas, agás unha pequena suba na viguesa. Vigo segue a ser área cun maior número de positivos e tamén cunha maior incidencia (casos por habitante).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.