Galicia rexistra a menor cifra de novos casos de COVID dende o 30 de xuño

Unha enfermeira, con máscara e luvas, nun centro hospitalario CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García (Banc d’Imatges Infermeres)

A situación epidemiolóxica de Galicia continúa a mellorar, cun rápido descenso no número de casos de COVID detectados e unha redución, máis lenta, do número de persoas ingresadas nos hospitais do país. Xa este venres o Sergas notificaba a aparición de 235 casos novos rexistrados en 24 horas, a cifra máis baixa en dous meses. Este domingo o indicador segue a caer, con 206 casos novos en 24 horas, o número máis baixo dende o 30 de xuño.

Esta redución no número de casos detectados fai caer a media diaria de novos positivos na última semana por debaixo dos 300, algo que non se acadaba dende o 2 de xullo.

As cifras de incidencia a 14 días (201 casos por cada 100.000 persoas) e a 7 días (77 casos por cada 100.000 persoas) son tamén as máis reducidas dende os primeiros días do mes de xullo.

A área sanitaria de Lugo segue a ser a que rexistra unha maior incidencia a 7 días, pero tamén aquí está a piques de caer por debaixo dos 100 casos por cada 100.000 persoas.

Hai 46 pacientes COVID nas UCI, 9 menos que hai sete días. E un total de 197 persoas ingresadas nos hospitais galegos cun diagnóstico positivo, 48 menos que a pasada semana.

O número total de falecementos ascende xa a 2.582, despois de rexistrarse 20 novas defuncións na última semana.

Hai aínda once concellos con incidencias a 14 días superiores aos mil casos por cada 100.000 habitantes. Trátase da Pobra de Trives, Baralla, Melide, Toques, Manzaneda, Monterroso, Palas de Rei, Agolada, Monforte de Lemos, Curtis e A Pastoriza.

Nas cidades a incidencia cae en todas elas. Lugo é a única que supera os 300 casos por cada 100.000 persoas. Ferrol, A Coruña e Ourense superan por pouco os 200.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.